Xa van uns anos nos que a presión informativa sobre o abandono rural, asociado habitualmente á fértil idea da “España Vaciada”, parece convencernos de que existen territorios inexplicablemente baleiros, que se encherían como un balde nunha fonte aplicando políticas que no inicio do século soían chamarse de “desenvolvemento rural” e que na actualidade falan de repoboamento. Políticas que se basean en dous piares: por unha banda, nas políticas natalistas de apoio á familia (enténdese que se as aldeas quedan baleiras hai que fomentar as ansias maternais das mulleres e apoiar á familia nuclear tradicional) e pola outra na inxección de cartos para a recuperación de vivenda no rural.
Cómpre facer unha análise polo miúdo destas políticas para levantar asuncións de “sentido común”, ese comodín para colar calquera dato falso que concorde coas crenzas previas do receptor, e deixar ao descuberto as politicas neoliberais que están compromentendo o futuro de moitas zonas rurais.
Para comezar, pasados uns anos daquela autodenominada “Revolta da España Vaciada”, parece que está claro que, lonxe de ideais emancipatorios, o que se movía detrás era o interese por inventar políticas identitarias baseadas na oposición rural/urbano para colar o mesmo de sempre: deputados electos que apoian ao PP a cambio, supoñemos, de determinadas partidas presupostarias para os seus pueblos. A propia idea da España, ou Galicia, que ata aquí tamén chegou, Baleirada, desvía a atención sobre os problemas reais que afectan as zonas rurais. Da mesma maneira que o avellentamento da poboación, outro dos tópicos preferidos pola prensa do país (non toda, só a financiada desde a Xunta), que foi perfectamente desmontado por Isidro Dubert en A morte de Galicia.(Xerais, 2019): a poboación non avellenta, senón que se está enmascarando unha nova vaga migratoria da mocedade. Polo tanto, continúa Dubert, non son efectivos enfoques natalistas senón unha intervención económica que permita ás xeracións máis novas vivir e traballar en Galicia, e en calquera dos seus núcleos habitados.
A cuestión da vivenda, da vivenda como dereito e non como negocio, tamén queda agochada nese paraugas do baleirado. De maneira que o sentido común pensa que, se nun concello faltan habitantes, sobrarán vivendas. Pois resulta que non. Tal como publicaba Marcos Pérez Pena neste mesmo xornal en xuño deste ano, os datos amosan que non hai vivenda dispoñible no rural1 . O certo é que, especialmente en concellos turísticos, calquera sabe que resulta moi difícil atopar casa en aluguer, algo que non está ocurrindo só no rural galego, senón que é unha subespecie, non diferente, desa especie que está ameazando con depredar sobre a terra e sobre a vida: as políticas inmobiliarias neoliberais que consideran a vivenda un negocio e non un dereito básico. Pasa na costa, pasa na Ribeira Sacra, e pasa nas grandes cidades que apostan polo turismo: a vivenda é un negocio e as xeracións máis novas non teñen acceso a este ben básico e recoñecido na Constitución, a non ser pola vía da herdanza2.
Non existe ningún tipo de política pública de vivenda que garanta que un concello vai poder acoller a toda a xente que quere vivir nel
¿Como se manifestou esa subespecie nos concellos do rural galego? Mediante as políticas de subvención a segundas residencias e aloxamentos rurais, (Pensan as políticas liberais que sempre que se subvenciona ás clases económicamente mellor situadas a riqueza acaba pingando sobre todas, coma se fora unha cuba furada) políticas que deron como resultado a nova do mes pasado. A realidade é que non existe oferta de aluguer no rural, fogares que demanda non só a mocedade no seu propio lugar de nacemento, senón tamén traballadoras que acoden porque viron unha oferta de traballo e nun rapto de ilusión deciden trasladarse a esa suposta Aldea baleirada, para atoparse con que teñen que rexeitar a oferta por falta dun teito onde aloxarse. Non existe ningún tipo de política pública de vivenda que garanta que un concello vai poder acoller a toda a xente que quere vivir nel. Esta carestía é un síntoma dunha financiarización da vida e unha precarización crecente das clases populares, que se ven expulsadas cara lugares periféricos ou cara unha precarización vital pola vía do aluguer da súa propia vivenda, tal como propón o modelo Airbnb.3 Unha auténtica doazón dos espazos que foron habitables para segundas residencias, lugares onde as economías non poden soster o prezo crecente da vivenda e a especulación en torno a elas.
Non é despoboamento, é especulación. Algo que non se revirte con anuncios de imaxinería pseudorural, senón con políticas públicas de vivenda
Non é despoboamento, é especulación. Algo que non se revirte con anuncios de imaxinería pseudorural (xa sabes, delantais, familia nuclear, prados fermosos e tomates que caen sós ao cesto), senón con políticas públicas de vivenda. Para que mozas e mozos podan vivir no rural, incluso se non son ricos. Precisamos políticas que aseguren vivendas sociais, en propiedade ou en aluguer, políticas que garantan que existe un equilibrio axeitado entre a oferta de prazas hoteleiras e a oferta de vivenda. E deixar de falar hipócritamente de despoboamento ou avellentamento da poboación. Se se elimina a oferta de pisos en aluguer, calquera cidade universitaria empezaría a amosar os síntomas que supostamente lastran o rural galego.
Porque se deixamos de falar de despoboamento, quizais as políticas de supresión de servizos básicos (nomeadamente a sanidade co epicentro nos servizos de pediatría, pero tamén a educación ou os transportes) deixan de ter a sacrosanta escusa da eficiencia das políticas de dereitas. A eliminación de servizos básicos non é xestión, é usurpación dun espazo para todas en nome das clases dominantes.
1 Os concellos rurais teñen máis vivendas baleiras, pero a gran maioría están fóra do mercado e necesitan rehabilitación
2Javier Gil: La generación Rent. En Neorrancios. Sobre los peligros de la nostalgia.Península, 2022.
3Gil García, J. (2019). Redistribución económica y precariedad. El caso de los anfitriones de Airbnb. / Economic redistribution and precariousness. The case of Airbnb hosts. RECERCA. Revista De Pensament I Anàlisi, 24(1), 92-113. https://doi.org/10.6035/Recerca.2019.24.1.5 . http://www.e-revistes.uji.es/index.php/recerca/article/view/3447