Tamén Portugal arde estes días, cunha intensidade que estarrece. Arde Portugal, arde no sur da Raia. Ardeu Laza, arde Cerdedo. Ardemos
Dicían Os Resentidos que “arde Galicia pero non queima”, disque alegando metafórica e ironicamente á capacidade de resiliencia da nosa cultura e do noso territorio. Tamén Portugal arde estes días, cunha intensidade que estarrece. Arde Portugal, arde no sur da Raia. Ardeu Laza, arde Cerdedo. Ardemos. O pesadelo de 2017 volve, con menos persoas mortas ou feridas, pero con milleiros de hectáreas calcinadas.
A natureza non entende das fronteiras humanas. Os lobos non saben onde remata a montaña asturiana e onde empeza a galega, o mesmo que os eucaliptos non saben se son lusos ou galegos e as miñas ovellas son incapaces de comprender onde remata o noso predio e empeza o do veciño, por máis marcos e pastores que teimemos en poñer.
Do millón e medio de hectáreas da masa forestal galega, 490.000 son de eucalipto. Case o 30%. Pero di a Xunta que abondan para Altri, que non nos preocupemos. Que iso das pirófitas non é para tanto. Porque é sabido que a piromanía é unha característica inexplicable das galegas, que temos a manía de queimar os montes. Que se fósemos civilizadas, os eucaliptos non arderían
O que si saben ben os eucaliptos é que o lume é un elemento necesario para a súa subsistencia, pois son árbores adaptadas a climas onde os incendios proliferan de seu (como no clima semiárido do sur-leste australiano e o de Tasmania, de onde son orixinarias). Aí si convén ser unha pirófita rebrotadora, posuír esa especie de súper poder que lles permite volver agromar mesmo logo de arder. Para elas, a queima das copas non é un problema, xa que na súa estratexia de soportar o lume danas por perdidas. De feito, eses incendios virulentos de copas favorécenlles, pois eliminan a outras coas que poden estar a competir polos recursos. Falo aquí dos eucaliptos, aínda que os abetos, os cimbros ou as aciñeiras son tamén especies pirófilas rebrotadoras. Pero acontece que, incluso entre elas, hai clases. E resulta que os eucaliptos son, ademais, propagadores de incendios.
Di a Xunta (en concreto, a Axencia Galega da Industria Forestal no seu último informe) que en Galicia hai eucaliptos abondo para abastecer as necesidades de produción que presenta o proxecto de Altri, Greenfiber, na Ulloa.
Producimos unha media anual de 5,8 millóns de metros cúbicos de madeira de eucalipto. 160.000 hectáreas da franxa costeira galega están ocupadas por esta especie, pero supoñen só o 30% do total, xa que o 70% restante está distribuído polo resto do territorio galego. Ence consome un cuarto, outro tanto gástase aquí noutros mesteres e o resto expórtase, non o perdan, a Portugal, Euskadi e Asturias.
Que traen cartiños e temos eucaliptos para responder. Que Galicia arde pero non queima. Que iso é o que importa
Do millón e medio de hectáreas da masa forestal galega, 490.000 son de eucalipto. Case o 30%. Pero di a Xunta que abondan para Altri, que non nos preocupemos. Que iso das pirófitas non é para tanto. Que xa mandaremos algún hidroavión desde Oímbra ou chamaremos á UME se as lapas portuguesas se achegan ás nosas fronteiras inventadas, e que xa choraremos se é que, de novo, “nos arden” as de aquí.
Porque é sabido que a piromanía é unha característica inexplicable das galegas, que temos a manía de queimar os montes. Que se fósemos civilizadas, os eucaliptos non arderían. Que pobre Portugal, que mira como Antonio Costa bloqueou a plantación de eucaliptos e aquilo segue a arder, porque hai moito desaprehensivo, tamén, aí mesmo, ao noso carón. Que velaí o cambio climático, que axiña seremos Australia ou Tasmania. Que a biodiversidade xa se amañará, que os koalas teñen dereitos. Que auga temos, ho. De momento. Que traen cartiños e temos eucaliptos para responder. Que Galicia arde pero non queima. Que iso é o que importa.