Podería pensarse que pola miña traxectoria, como fundador e presidente -durante anos- do Seminario Galego de Educación para a Paz, ou como coordinador e portavoz da Coordinadora Galega pola Paz, no seu día, teño claves para comprender mellor o que acontece entre Rusia e Ucraína, entre EE.UU e Rusia, coa OTAN de Alianza militar persistente dende a Guerra Fría e da que formamos parte activa, entre a UE e Rusia, ou o papel da China, como un enorme dragón observando e coa illa de Taiwan no horizonte, mesmo sobre a loita pola hexemonía a escada planetaria.
Un activista non pode calar diante de tanto horror e de tanto ardor guerreiro arredor
Pois non, non teño as claves, entre outras razóns porque moitas delas están ocultas por tras dun velo de hipocresía e de simulacións nada fáciles de descobrir para un humilde educador para a paz, hoxe aposentado ou xubilado. Sen embargo, un activista non pode calar diante de tanto horror e de tanto ardor guerreiro arredor.
En 2011, o benquerido profesor Federico Mayor Zaragoza, publicou un libro titulado precisamente “Delito de silencio”. Nel, facía referencia a dous clásicos do século de ouro español, a Quevedo: “No he de callar por más que con el dedo, ya tocando boca o ya la frente, silencio avises o amenaces miedo”...” e a Garcilaso: “Yo que tanto callar ya no podía” para salientar que aínda existe un silencio peor que o dos silenciados, é o silencio dos silenciosos, dos que calan podendo e debendo falar.
O mesmo Mayor Zaragoza tense referido moitas veces a Burke: “Mágoa que podendo facer tanto non fixeron nada” ou a Albert Camus: “Os desprezo porque podendo facer tanto atrevéronse a tan pouco”.
Os grandes beneficiados deste conflicto, como de todos, son as empresas de armamento, o complexo militar industrial, en mans, como sabedes, principalmente, dos EE.UU e dos países que teñen dereito de veto no Consello de Seguridade das Nacións Unidas
Diante da guerra de Ucrania non podemos permañecer impasibles, máis de 8 meses de guerra, de morte e destrucción, de violación sistemática dos dereitos humanos, no corazón de Europa, aquí mesmo! onde a poboación civil é o obxectivo principal das máquinas de matar, tecnoloxía 100, pensamento 0, decía Saramago, non, non podemos calar.
Tampouco podemos distraernos ou confundirnos. Ou deixar que outros nos confundan. Nesta guerra, como en todas, hai un agresor, e un agredido, unha víctima e un victimario, non podemos igñoralo ou silencialo. Con toda claridade, o goberno de Putin, é o agresor. As víctimas son, principalmente, os ucraniano, pero tamén os rusos. E indirectamente outros sentimos as consecuencias da guerra, pero non da mesma maneira ou coa mesma intensidade.
Pero sabemos tamén que esta non só é unha guerra híbrida, como agora a chaman. Tamén é unha guerra interposta, na que Ucrania e Rusia poñen os mortos, pero os EE.UU e a OTAN, coa UE de comparsa máis ou menos inconsciente, xogan unha partida de xadrez polo control da hexemonía mundial.
E mentres tanto, os grandes beneficiados deste conflicto, como de todos, son as empresas de armamento, o complexo militar industrial, en mans, como sabedes, principalmente, dos EE.UU e dos países que teñen dereito de veto no Consello de Seguridade das Nacións Unidas, unhas Nacións Unidas valdeiradas deliberadamente de contido, debilitadas, ausentes e incapaces á hora de buscar solucións dialogadas e negociadas. Cánta pena da ver a Antonio Guterres predicar no deserto!. E, por suposto, as grandes compañías enerxéticas e petroleiras que están a facer o seu agosto a costa das maiorías sociais.
O belicismo e o armamentismo viven momentos de gloria. Os orzamentos militares aumentan de maneira espectacular. No Estado Español, como sabedes, por riba do 2% do PIB, como nunca antes
Para a nosa desgraza, o belicismo e o armamentismo viven momentos de gloria. Os orzamentos militares aumentan de maneira espectacular. No Estado Español, como sabedes, por riba do 2% do PIB, como nunca antes, e falamos do orzamento recoñecido, porque segue a existir outro orzamento militar oculto e secreto, distribuído caladamente polos distintos ministerios e que suporía outro 1% segundo os estudios e análises de recoñecidas organizacións independentes como o SIPRI ou o Centro Delás, tal como lembran Pere Ortega e Tica Font. Pero o que máis sorprende e indigna é que o facemos “en nome da paz” ou do novo fondo extraorzamentario da UE denominado, cólleme esta mosca polo rabo! Fondo Europeo de Apoio á Paz, hei carballeira!.
Son malos tempos para o pacifismo ou para o movemento pola paz en xeral. A pouco que fale, que falemo, unha poderosa maquinaria guerreira ponse en marcha, cos grandes media á fronte, para acusarnos de buenistas, traidores, colaboracionistas con Putin ou quintacolumnistas
Sí, son malos tempos para o pacifismo ou para o movemento pola paz en xeral. A pouco que fale, que falemos, a pouco que faga, ou que fagamos, unha poderosa maquinaria guerreira ponse en marcha, cos grandes media á fronte, para acusarnos de buenistas, traidores, colaboracionistas con Putin ou quintacolumnistas.
Hoxe, falar de solución pacífica dos conflictos, de buscar solucións dialogadas e negociadas, pedir un alto o fogo inmediato, parar a guerra, ou proclamar que as armas non son, nen nunca o foron, a solución, resulta pouco menos que converternos -a todas e a todos- en aliados declarados de Satán.
Pero basta xa de seguir alimentando o miserable dito “Si vis pacem para bellum”, atribuído a Flavio, si querela paz prepara a guerra, que tantas desgrazas provocou ó longo dos séculos. Si vis pacem para pacem, Se querela paz, faina cada día, constrúea contigo mesmo e cos demáis. Sen medo, con esperanza.
A humanidade foi quen de abolir a escravitude, cáseque ninguén o creía, pero foi posible. Cómo non imaxinar a abolición da guerra?, Cómo non soñar cun mundo sen guerras, sen medo?. Abolir a guerra tense que converter nun imperativo moral neste século. E antes, asinar o TPAN, o Tratado de Prohibición das Armas Nucleares, vixente desde o 22 de Xaneiro do ano pasado, aprobado pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas, e que o Reino de España ten en “tarefas pendentes”.