Adeus, orde do 78

“É a hora da cidadanía exercente como tal. É a hora da soberanía popular no sentido prístino da palabra. É a hora da reconquista dos dereitos e as liberdades cívicas e políticas efectivas. É a hora dunha nova creba democrática con este rexime putrefacto e cun sistema aberrante e homicida, que leva camiño de acabar coa biosfera e, pola mesma, coa existencia do proprio planeta. É a hora da rebelión cívica como motor da emancipación dos indivíduos, as clases e os povos esmagados. É a hora da asunción dos principios e a prática dos valores republicáns. É a hora da lealdade ao común cidadán e non da obediencia ás organizacións, mesmo ás organizacións das que formamos parte, se resultar imposíbel ser leal aos cidadáns séndomos obedientes ás directrices das organizacións” Xosé Manuel Beiras, Nadal de 2011.

Recupero esta declaración de Beiras catro anos despois daquel encontro no Auditorio de Galiza, en Compostela, no que nos atopabamos arredor de cincocentas persoas de distintas idades e traxectorias vitais e políticas. Mozas e mozos na súa segunda década de vida, coma min, man con man e a carón dunha xeración intermedia e outra antifranquista. Insatisfeitos. Tamén indignados. Poucos meses antes producírase o estalido social inevitable do 15-M que produciu un novo sentido de época e que, en Galiza, viña precedido doutra erupción: o movemento Nunca Máis (2002) e outras ondas de rebeldía, no plano estudantil (proceso de Bolonia), no plano estatal (Non á Guerra, 2003) e no plano global, coma o contra-cumio do G8 en Xénova (2001). O estalido, ben traballado e de ningún xeito “espontáneo” como se adoita asumir, fora aquí interpretado e logo catalizado habilmente por quen era un dos principais referentes da esquerda e do nacionalismo desde facía décadas. Víñase reclamando desde diferentes foros e puntos de vista intelectuais. Por fin chegara, inspirado noutras mobilizacións dalgúns países árabes, e replicárase noutras prazas occidentais. Naqueles días, moitas cousas se fixeron “vellas” repentinamente, como recollía El Roto nunha excelente viñeta publicada no principal intelectual orgánico do réxime: El País.

Aquela declaración recollía o espírito de loitas pasadas e contemporáneas en Galiza, no estado español e no mundo, e unha crítica feroz á institucionalidade vixente (UE neoliberal, sistema de partidos e de representación, os propios partidos actuantes naquela altura…), combinada cunha “exhortación á desobediencia” para fuxir dun estancamento paralizante, e unha chamada á acción política individual e colectiva. Precisábase erguer unha outra cousa, que fose eficaz. Conxuntamente. Había que concibir novas ferramentas, e xa daquela os efectos da crise-estafa facíanse notar entre nós. A segunda lexislatura de Zapatero frustrara por completo as expectativas de sectores moi amplos de poboación. Dous anos levaba exercendo xa coma presidente da Xunta autonómica Feijóo, pioneiro na aplicación de medidas de austeridade empobrecedora ás que só podíase facer fronte efectivamente cunha resposta colectiva e popular, de amplo espectro, que recollera a pluralidade de sensibilidades políticas no seo da esquerda transformadora e do nacionalismo emancipador. Latexaba en boa parte da sociedade unha sensación de fastío e descrédito ante o panorama político. E un combate soterrado entre a depresión maila amnesia inducida desde o poder, contra a fame de xustiza.

Poucos meses despois o propio Beiras lideraba unha das escisións do BNG, da que xurdiría a posteriori unha Anova-Irmandade Nacionalista que, no verán de 2012, lanzou a proposta de “Fronte Ampla” a todos os sectores á esquerda do PSdeG (Esquerda Unida, Espazo, Equo e outros) para acudir conxuntamente ás anticipadas eleccións de outubro nas que Alternativa Galega de Esquerda irrompeu coa forza de nove escanos e 200.000 votos no Parlamento Galego posicionándose, de feito, coma a oposición política ao goberno de Feijóo e establecendo unha fenda no sistema de partidos instituído que continúa aberta hoxe aínda que a evolución da estabilidade e actividade de AGE fora de máis a menos ao longo dunha lexislatura longa e eminentemente “de desgaste”.

Forza impugnatoria e rupturista no plano electoral, social e tamén na concepción nacional. Forza que reclamaba para si a tradición frontepopulista e partisana ante a deriva do estado das cousas. Axitadora da consciencia colectiva (“Hai que axitar a malta!”, repetía naquel tempo Yolanda Díaz, parafraseando ao Zeca Afonso) entre a cidadanía máis activa e consciente diante da perda acelerada de dereitos, liberdades e soberanía. Rebelión contra a desigualdade que poñía o foco de atención prioritaria na problemática e conflitividade social invisibilizada, e os seus antagonistas nos portavoces da oligarquía, da Troika e na corrupción estrutural. Forza/s que asumía/n o inalienable dereito democrático do pobo galego á súa libre determinación. Mais forza/s de espírito xenuinamente internacionalista e respectuosa/s coas múltiples lealdades identitarias. Centrada, iso si, en Galiza e nas súas problemáticas específicas: agro, mar, naval, megamineiría, enerxía, espolio das caixas de aforros, etc…

AGE, coma coalición de partidos, continuou viva coma proxecto e horizonte estratéxico nas eleccións ao Parlamento Europeo (2014) situando na “internacional das agredidas” á sindicalista agraria Lidia Senra, no grupo da esquerda europea (GUE-NGL) dentro da Esquerda Plural e xunto a Podemos, que viña de constituírse catro meses antes arredor da figura mediática de Pablo Iglesias. AGE, coma experiencia de re-enganche entre a esquerda social e a política, con elementos positivos e incapacidades propias, viuse frustrada no seu potencial pero acertara na diagnose: había que perseverar na construción dun artefacto político plural e mestizo para maiorías sociais, e ao seu servizo; na voráxine do endiañado ciclo electoral e sen tempo á paciencia que require ir asentando territorialmente un novo suxeito para establecer dinámicas de traballo conxuntas.

Desta experiencia galega houbo quen extraeu conclusións sobre o que había e o que non había que facer para elevalo a unha escala superior (estatal) con maiores garantías de éxito. E xurdiu Podemos, na onda doutros movementos doutras partes do continente europeo. Á súa fronte un grupo de notables e expertos da ciencia política criado nas novas formas de facela e comunicala, e tamén incorporando o sentido intuitivo de dar forma á indignación para trocala en poder. En ambición de poder, contra toda convención nunha esquerda historicamente derrotada e aboada á cultura da derrota. E rachou con moitas cousas, incomodando a boa parte das esquerdas e, por suposto, aos principais partidos e estruturas do establishment. Entendendo a urxencia de articular paulatinamente un “novo sentido común” sen renunciar, ou coa intención declarada de re-apropiarse de conceptos historicamente en mans das dereitas coma, por exemplo, patria (antifascista). Releu os “consensos” da mal chamada “Transición democrática”, cuestionados ata daquela case exclusivamente desde as “periferias”. De maneira moi intelixente interpretou o sentir social e o momento histórico, e fixéronse cargo, poñendo en práctica os coñecementos adquiridos sobre política e comunicación para intervir politicamente, cunha linguaxe nova traída das experiencias italiana e latinoamericana logo de asaltar previamente as televisións; entendendo que eran estas o campo de xogo que moldeaba os comportamentos políticos masivos. A batería e virulencia dos ataques coa que foi recibida Podemos e seu núcleo dirixente ao espazo público só ten precedentes na demonización de certas figuras do nacionalismo catalán e vasco (Ibarretxe, Arzalluz), ou nos movementos independentistas de esquerdas. Faise difícil entendelos noutros países, con outra cultura política. Deran coa tecla.

E foi con estes vimbios como chegamos á primavera de 2015. As eleccións locais significaron a posta en práctica do que se viñera teorizando desde entón: o vieiro da “unidade popular” como hipótese de traballo sobre a cal trocar as institucións, pasando das mans dos partidos turnistas (PP-PSOE e, eventualmente, CiU) ás forzas alternativas; Marea Atlántica, Compostela Aberta, Ferrol en Común, Ahora Madrid, Barcelona en Comú… foron a demostración de que podíase asestar un “golpe imprevisto” á maior parte das mafias locais travestidas de partidos. Novamente. Coma no 15-M. A forza da marea viña de lonxe, aínda que non a sentiran chegar (Menuda hostia!, Rita Barberá dixit). E na meseta preguntáronse pola “excepcionalidade atlántica”, tendo problemas para entender como fora posible enxergar un proceso tan exemplar coma o de Marea Atlántica, no que a cidadanía lideraba e os partidos apoiaban, e onde un perfecto descoñecido coma Xulio Ferreiro acabaría sendo o alcalde dunha cidade de máis de 240.000 habitantes. E continuaron os ataques. “Quen son estes?”, “de onde saíron?”. Descamisados.

Pois eran cidadáns exercentes. Era a soberanía popular no sentido prístino da palabra, reconquistando liberdades cívicas e dereitos. Era a rebelión cívica practicando valores republicáns, leal ao común cidadán antes ca calquera organización política. Eran xentes do mundo do traballo implicándose e collendo as rendas do seu destino, ante o empobrecemento e a corrupción.

Esa foi a primeira creba. E esa marea pode continuar escribindo a historia do porvir o día 20 de decembro para esixir o que é de todos e nunca debera privatizarse: que non espolie impunemente o público unha minoría de canallas, aplicación de políticas públicas e de coidados para os máis, maior control democrático e transparencia, independencia xudicial, que se respecte o dereito dos pobos a decidir e a súa identidade nacional, que non haxa traballadores pobres nin xente sen poder traballar, que poidan retornar os que se viron empurrados a marchar, que os que máis teñen máis aporten, unha lei electoral máis equitativa, que non haxa casas sen xente e xente sen casa, derrogación de aberracións liberticidas coma a Lei Mordaza e antisociais coma a reforma do artigo 135 da CE, que o estado español non asine Tratados que reforzan o poder das multinacionais, coma o TTIP; que os mariñeiros poidan pescar e os gandeiros vivir do que producen, que non nos fagan escoller entre seguridade e liberdade, que paremos xa o asasinato continuo de mulleres a mans de australopithecus con políticas preventivas e educativas serias, aplicación efectiva da Lei de Memoria Histórica…

A orde de 1978 será pasado a partir deste domingo, ante unha representación fragmentada e onde os “partidos emerxentes” tenderán, no futuro, a substituír ao bipartidismo dinástico. Nesa nova realidade política Galiza ten a oportunidade histórica de desatar e liberar parte da súa enerxía colectiva para situar no novo Congreso dos Deputados un grupo parlamentar galego propio. Coma na II República. Un grupo de deputadas e deputados que favoreza e facilite un cambio político substancial no conxunto e atenda ás necesidades e problemáticas específicas das galegas e galegos arredor dunha aposta política ambiciosa que multiplica: o valor da unidade plural por riba da lealdade ás organizacións.

É de felicitarse que o proceso histórico que se está a producir no estado español non sexa capitalizado pola reacción coma noutros lugares de Europa, aínda que sempre exista ese risco. Hai aquí unha marea democrática que vén de lonxe, que vén de abaixo, e que vai votar con tanta forza neste día que tememos rachar as urnas. Desta volta as ondas baterán contra a costa con forza, para mudalo todo. Aínda así, nada remata neste día 20. Haberá que seguir ensanchando a base e forxando alianzas sociais e políticas no futuro para competir a hexemonía electoral e, sobre todo, a hexemonía cultural. Non queremos outra transacción: queremos democracia real. Hai marea!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.