Agora… a testosterona!

Caster Semenya CC-BY-SA Yann Caradec

As mulleres foron excluídas dos Xogos Olímpicos sen ningunha razón. Porque eran mulleres e, ao igual que en tantas outras actividades, quen tivo poder e capacidade de impoñer a súa ideoloxía (pura ideoloxía de xénero) sobre o papel e o lugar delas, así o decidiu

Que se o tamaño do cerebro, que a inferioridade, que se a alma, que o histerismo. Agora, a testosterona. O Comité Olímpico Internacional (COI) acordou reimplantar os tests de sexo nos Xogos Olímpicos, unha práctica que quedou atrás a principios da década dos 90 do século pasado por obxeccións legais, éticas e culturais. Fixa o dogma único da muller biolóxica e volve aos controis xenéticos de cromosomas para botar fóra do deporte de competición as mulleres transxénero e as intersexuais

As mulleres foron excluídas dos Xogos Olímpicos sen ningunha razón. Porque eran mulleres e, ao igual que en tantas outras actividades, quen tivo poder e capacidade de impoñer a súa ideoloxía (pura ideoloxía de xénero) sobre o papel e o lugar delas, así o decidiu. Un século atrás doutro desde o 776 AC en Olimpia, Grecia.

Só en 1900 os mandamais da cousa abriron a porta pola que participaron 22 mulleres, un 2,2% de atletas. Esta participación foi subindo paseniñamente ate hoxe.

O barón Pierre de Coubertin, impulsor dos primeiros Xogos Olímpicos da era moderna, (1896), consideraba que a presenza da muller nun estadio resultaba antiestética, pouco interesante e incorrecta, o que non impediu que se crease a Medalla Pierre de Coubertin, de puro ouro que comezou a se dar en 1997 e é recoñecida como unha das máis altas distincións que se lle pode dar a un deportista olímpico. Iso máis o Trofeo Mundial Pierre de Coubertin ao Xogo Limpo (ambas diferentes e ambas en honra de señor tan demócrata e de tan alto espírito deportivo).

Capa dunha revista francesa de 1923 sobre o fútbol feminino Dominio Público

Algunhas deportistas batallaron. Desde logo Alice Melliat (1884) francesa de Nantes, tradutora de oficio e gran remeira e nadadora

Algunhas deportistas batallaron. Desde logo Alice Melliat (1884) francesa de Nantes, tradutora de oficio e gran remeira e nadadora. Ela, á vista do masculinismo reinante, fundou a Federación de Sociedades Femininas de Francia e a Federación Internacional Deportiva Feminina e mesmo organizou os Xogos Mundiais Femininos en Praga (1930) e Londres (1934). Estes foran precedidos polo primeiro evento deportivo feminino internacional auspiciado por ela en Monte Carlo en 1921 e repetido en 1922 e 1923.

Tamén Lilí Álvarez ousou acusar de machismo o xurado dos xogos de Candanchú en 1941. Aquilo foi considerado unha “ofensa a España” e a Federación expulsouna. Ela díxolles NON cando acordaron admitila.

Caster Semenya (Suráfrica, 1991), pola que empezou este balbordo de agora, é unha atleta olímpica especialista na proba de 800 m. na que foi dúas veces campioa olímpica (Londres, 2012 e Río, 2016). É intersexual e ten cromosomas XY

Caster Semenya (Suráfrica, 1991), pola que empezou este balbordo de agora, é unha atleta olímpica especialista na proba de 800 m. na que foi dúas veces campioa olímpica (Londres, 2012 e Río, 2016). É intersexual e ten cromosomas XY. Sóubose a raíz do test sexual que a Asociación Internacional de Federacións de Atletismo (IAAF) esixiu só tres horas despois de que gañase o Ouro no Campionato Mundial en 2009 en Berlín, pola incríbel melloría do rendemento da atleta de 18 anos. As probas de verificación non foron discretas e nada respectuosas coa privacidade de C. Semenya e para máis, nunca se fixeron públicas. Obrigárona a retirarse das competicións internacionais.

En xullo de 2010 as conclusión dun grupo internacional de expertos médicos ditaminaron que Semenya podía competir como muller sen limitación algunha PERO… en 2018 a IAAF mudou os criterios de elixibilidade de atletas con altos niveis de testosterona.

Por suposto que a vantaxe xenética no caso dos homes é legal e non supón ningún problema.

A directora executiva da asociación Humans of Sport, da que forma parte Caster Semenya, Payoshni Mitra, sinala a liña ideolóxica na que se move o concepto de “muller biolóxica”

O movemento deportivo dobrégase diante das mesmas forzas que desmantelan os dereitos humanos a nivel do mundo: a administración Trump, o movemento crítico co xénero, o esencialismo biolóxico vestido de equidade

Alice Milliat, pioneira do deporte feminino en Francia Dominio Público

Pode que unha das razóns do COI sexa non estragar os Xogos Olímpicos de 2028 en Los Angeles

Pode que unha das razóns do COI sexa non estragar os Xogos Olímpicos de 2028 en Los Angeles, EEUU de Norteamérica, cun orzamento de 7.000 millóns de $, xa que Trump dixo que vetaría a entrada a calquera deportista transexual e con toda seguridade outras razóns teñen a ver co actual grupo de dirixentes do COI abertamente contrarios ás políticas de inclusión e respecto aos dereitos humanos desafiando acordos internacionais como o Convenio Europeo de Dereitos Humanos, Convenio de Dereitos Humanos e medicina (Convenio de Oviedo), Declaración Internacional sobre Datos Xenéticos da UNESCO ou o mesmo Regulamento Xeral de Protección de Datos da UE.

No interesante artigo Mujeres con pedigree: categoría olímpica protegida (El País, 29.03.2026) Alberto Carrio Sampedro, Profesor de Filosofía do Dereito, Filosofía, Ética e Dereito do deporte na Universidade Pompeu Fabra, escribiu:

Vinte oito séculos despois baixo mandato de Kirsty Coventry, a primeira muller que ocupa a presidencia do Comité Olímpico Internacional, as mulleres teñen vetada de novo a súa participación nos Xogos Olímpicos, alo menos ate que alguén no seu nome acredite que son realmente mulleres. Mellor aínda, mulleres bioloxicamente puras.”

Se o deporte foi cousa de homes, agora vai ser de homes e de “mulleres fetén”

É delirante que a defensa da pureza xenética (existe iso?), do determinismo biolóxico e da obsesión polo sexo verdadeiro e o diagnóstico médico do mesmo, que dicía Foucault, xunte e leve da man sectores do ultradereitismo (leis antiLGTB en Polonia, Rusia, Hungría, a administración Trump, Vox, diversas cúpulas eclesiais…) e ás feministas transexcluíntes.

Se o deporte foi cousa de homes, agora vai ser de homes e de “mulleres fetén”. A xeniuda Caster Semenya, levaba todos os boletos para que a emprendesen con ela: muller negra, moi rápida correndo, que non alenta o ideal de corpo de muller que os homes teñen na súa imaxinación, lesbiana e que non cala perante as inxustizas e a discriminación.

Se a presidenta Coventry tivera actuado baseada na evidencia, esta política non existiría. Non ole a ciencia. Apesta a estigma. Non naceu do coidado polas atletas. Naceu da presión política. Como muller africana agardaba que nos escoitase a todas, non só as poderosas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.