Agustín Hernández, o mellor amigo das construtoras

Resulta moi curioso analizar o discurso do actual líder do PP de Santiago, Agustín Hernández, á hora de valorar a xestión municipal de Compostela Aberta. A simple vista  recorda moito ó de esas seitas que anuncian a próxima fin do mundo, unha Apocalipse en estado de permanente aprazamento. Aínda que o fai cunha unha voz tranquila, emprega habitualmente verbas alarmistas coma desastre, caos, antisistema... para describir a xestión municipal.

Os campos de batalla que escolle para a súa estratexia de comunicación non teñen moito sentido a primeira vista: a teima coas fochancas ou a cuestión da macro-depuradora de O Souto, que, con máis ou menos éxito, transforma en focos de alarma social coa axuda de El Correo Gallego, o diario local. Pero se as vemos con algo de perspectiva, atoparemos que as intervencións do aspirante á alcaldía responden a unha estratexia a longo prazo. Unha estratexia condicionada por factores que veñen moi de atrás no tempo.

Para comprendelo hai que ir mais alá de 2014, ano no que o líder conservador desembarcou na política compostelá despois de que os escándalos de corrupción levaran por diante ós dous alcaldes anteriores e a unha enorme cantidade de concelleiros do seu partido.

Cando examinamos a carreira político-profesional de Agustín Hernández antes desta etapa, atopamos unha e outra vez a mesma palabra: Sercoysa. O nome corresponde a unha empresa construtora cun longo historial de adxudicacións de obras públicas. Entre 2003 e 2005, por exemplo, recibiu diversas contratas da Xunta por valor de 1,5 millóns de euros. Naquela época, Agustín Hernández estaba á fronte da Dirección Xeral de Obras Públicas. Cando o Bipartito gañou as eleccións, aproveitando que o Executivo de Fraga se atopaba en funcións á espera da toma de posesión de Touriño, a Xunta concedeu a Sercoysa unha adxudicación de 530.000 €.

A vaquiña polo que vale. Aproveitando que daquela non existía unha lei autonómica de incompatibilidades, Agustín Hernández foi contratado coma director de construcións e apoderado da empresa construtora trala súa saída da Xunta. Tamén sería fichado coma asesor de Puentes y Calzadas, que no seu día tamén recibira adxudicacións da Dirección Xeral de Obras Públicas.

En 2008 o político conservador voltaría ás institucións. Ó día seguinte de renunciar coma apoderado de Sercoysa incorporouse a Deputación de Pontevedra como director de Infraestruturas. Cinco meses despois, a Deputación adxudicou 5,7 millóns a un proxecto conxunto entre Sercoysa y Traima.

En 2009 Agustín Hernández pasa a formar parte do equipo de goberno dun recén elixido Feijóo coma Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Puentes y Calzadas e Sercoysa recibirían adxudicacións autonómicas de 38 e 10,3 millóns respectivamente.

Pero hai un problema con esta empresa: Serocysa entrou en liquidación en 2014. Ademais, a construtora está a ser investigada pola presunta petición de 2,5 millóns en facturas falsas á Carpintaría 5 Jotas. Parece que non están en condicións de fichar a ninguén.

Con isto na mente, resulta comprensible a teima de Agustín Hernández con resolver os problemas de Compostela construíndo cousas. Hai que botar asfalto ás fochancas. Hai que construír unha macro-depuradora, supoño que para limpar o lixo que el mesmo tira, e o Concello debe poñer 15 millóns para financiala, a mesma cantidade que a Xunta, pese á enorme diferencia orzamentaria entre ámbalas dúas institucións. Pode que todo corresponda a unha desapiadada campaña de presións para que o Concello realice proxectos de construción. A batería de declaracións públicas realizadas no marco da mesma poderían sumar puntos ó seu currículo no caso de que o bote nas empresas beneficiarias de ditos contratos.

Pero non sexades duros co pobre Agustín. Entre a liquidación de Sercoysa e a quebra do sistema de pensións públicas baixo a xestión do goberno de M. Rajoy, seguro que o home non ve nada claro o seu futuro. E xa ten unha idade, 56 anos, coma para pensar en que pasará cando se retire da política. Leva catro anos na oposición e, tal e como van as sondaxes, pode que lle esperen outros tantos sen ningunha autoridade para adxudicar contratas. Algo terá que facer se quere acumular méritos para cruzar unha vez mais a porta xiratoria.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.