Como tantas que nacemos nos 70, cursei EXB, BUP e COU. O momento de decidir a liña de formación futura chegábanos arredor dos quince anos. Logo de rematar 2º de Bacharelato tocaba escoller entre “letras puras”, “ciencias puras” e “mixtas”, que rexerían os temarios de 3º e COU. Previamente, nas mates de 2º dábanse os algoritmos, que non aprendín porque non cheguei a ser quen de comprender. Iso foi determinante para que no ano seguinte escollese letras puras no canto das mixtas.
Tempo despois, achegueime por azar lector ás matemáticas e descubrín que esa ciencia é fabulosa, fascinante. Unha vía apaixonante, malia que diferente da filosofía ou a literatura, para desentrañar os misterios da existencia, aínda que xa non lle puiden dedicar a atención que desexaría.
Cando recibín os exercicios, decateime de que nalgúns casos non me era posible distinguir se estaba ante un talento ou un traballo encargado a unha IA. Hai que procurar matices, nesgos de humanidade moi sutís, para localizar a fonte
Hoxe constátase que os algoritmos rexen o mundo, de xeito figurado e na práctica. A fórmula matemática consistente nunha secuencia de pasos que resolven unha incógnita encamiñouse, por obra e graza da programación informática, cara aos conxuntos de instrucións con que as máquinas rematan por convencernos de cales son os nosos gustos, necesidades, preocupacións e solucións ás mesmas. Os partidos políticos máis poderosos, como o de Trump ou o de Milei, conseguen os votos inducindo á cidadanía mediante fórmulas xeradas por IA que analizan os comportamentos emocionais a partir dos virtuais. O cal é posible porque vivimos agora, e desde a máis tenra infancia, cunha pantalla no fociño.
O virtual é, decote, moito máis real ca o material, o tanxible. Mercamos, vendemos, facemos amizades, namoramos, odiamos, pantalla mediante. Decidimos o voto, buscamos traballo, traballamos, viaxamos... cun teclado e unha conexión sen cables. Falo en plural porque escribo nun ordenador este artigo que enviarei por correo electrónico a un medio dixital. Ninguén se salva.
Esta semana rematei un proxecto con escolares de 1º da ESO. Entre outras actividades, propuxemos escribir un poema, un conto ou unha redacción. Cando recibín os exercicios, decateime de que nalgúns casos non me era posible distinguir se estaba ante un talento ou un traballo encargado a unha IA como ChatGPT. E é que esa tecnoloxía escribe xa a un nivel moi semellante ao dun humano desa idade. Ata ese extremo coñece os intereses e emocións das adolescentes. Hai que procurar matices, nesgos de humanidade moi sutís, para localizar a fonte. E, mesmo así, non coñezo un xeito empírico e de total fiabilidade como para demostrar o posible fraude cometido pola alumna ou alumno.
O que me rolda o maxín é que pasará cando as persoas nadas na rede global tenten localizar esa saída, se é que o fan. Se atoparán portas abertas para illarse do “mundo nun clic”
Din as investigacións que o cincuenta por cento das interaccións nas redes sociais son bots. E que os bots están interaccionando con bots. Que xa nin sequera se interesan por nós, as persoas. Que moita xente non ten casa, un teito ou comida, pero si teléfonos intelixentes conectados. Que nas sociedades occidentalizadas, a soidade se combate nas redes sociais, habitadas por bots e gobernadas por algoritmos. Que xa producimos tanta literatura, arte e ciencia, que o universo dos 1 e os 0 pode seguir adiante sen nós. A creación, a información e a investigación semellan non precisar moito máis da intervención humana.
Hoxe non sigo escribindo. Canto máis afondo neste tema, máis preciso aparcar o teclado e poñer os pés na herba, os ollos no horizonte, usar as mans para traballar a terra e falar con alguén a quen poida tocar. De seguro, hanme comprender e desculpar. Porque eu, como tantas, coñecín un mundo sen ordenadores e algoritmos e, por tanto, unha alternativa ao presente. O que me rolda o maxín é que pasará cando as persoas nadas na rede global tenten localizar esa saída, se é que o fan. Se atoparán portas abertas para illarse do “mundo nun clic”. Se superarán a ansiedade do like, da mensaxe directa, da resposta rápida de Google e Wikipedia. É difícil permanecer optimista ante ese escenario, non si?