Algunhas tarefas urxentes en España

CC-BY-SA Praza Pública

O triunfo electoral do PSOE abre a porta a un goberno de centroesquerda en España. Non cabe dubidas de que, dende unha perspectiva democrática, si a “derrota” do trifachito (PP, Cs, Vox) foi unha grande nova para España e, xa que logo, para Galicia o triunfo do PSOE é unha imporante vitoria da socialdemocracia española en xeral e de Pedro Sánchez en particular. Teñen motivos para estar satisfeitos e felices. Outra cousa son as expectativas xerais e o que poden esperar do novo goberno, por caso, as clases populares galegas e españolas.

A grande recesión última, da que aínda non saímos definitivamente, converteu a España nun dos estados europeos con maior nivel de desigualdade e pobreza, maiores índices de desemprego e precariedade, maiores desequilibrios territoriais e con un estado de benestar dos mais deficitarios. A causa: as políticas públicas aplicadas durante todos estes anos. Velaí unha das primeiras e mais urxentes medidas a adoptar pola novo goberno si de verdade pensa en mellorar o benestar das clases populares: reverter as políticas públicas que se viñeron aplicando durante os derradeiros tempos.

Reversión que atinxe practicamente a tódolos instrumentos da política macroeconómica: fiscal, monetaria, laboral, comercial e internacional. Cambios, algúns dos cales, están pendentes dende fai décadas. Cambios que son demandados pola maioría dos axentes sociais liderados polo movemento sindical.

A nivel fiscal España é hoxe por hoxe un dos estados europeos con maior nivel de fraude fiscal, menor nivel de presión fiscal e mas grande desigualdade. Con unha economía somerxida equivalente ao 20% do PIB (15% de media na Unión Europea) que supón,, segundo voces autorizadas (GESTHA), unha perda de recadación estimada en 70.000 millóns de euros (6% do PIB), España está situada entre os estados europeos con maior índice de fraude fiscal e, xa que logo, mais necesitado de combatela con eficacia. Un combate que precisa tanto de dotar a Axencia Tributaria española de maiores medios (orzamentarios, recursos humanos, técnicos e informáticos) como dunha efectiva descentralización e unha eficaz coordinación coas Axencias Autonómicas co obxectivo de situala fraude fiscal, cando menos, nos niveis medios europeos. A segunda medida relevante debe ser reducila grande desigualdade que no trato fiscal teñen as rendas do traballo e as rendas de capital e introducir unha meirande progresividade no sistema. Si as rendas do traballo supoñen o 47,5% da riqueza nacional aportan, nembargante, o 85% dos ingresos fiscais por IRPF (quen, a súa vez, supoñen o 45% dos ingresos públicos) dado o trato de privilexio fiscal que en España disfrutan as rendas de capital e moi especialmente as grandes fortunas (IBEX35). Asemade debese poñer punto e final a privilexios fiscais inaceptables como, por caso, os da airexa católica e os do capital financeiro. Polas razóns sinaladas a reforma fiscal debe ser, sen dúbidas, unha das prioridades do novo goberno. 

A crise financeira trouxo aparellada a desfeita da maioría das caixas de aforros co conseguinte impacto a nivel monetario reflectido, por caso, na caída do crédito as familias, as pemes e ao comercio polo miúdo. Un impacto que repercutiu na demanda interna favorecendo a grande recesión. Compre, xa que logo, unha recuperación do sistema bancario que ha de partir da creación dunha banca pública que garante aos axentes económicos a dispoñibilidade de crédito. Unha banca que debe verse acompañada co impulso de entidades financeiras de pequeno tamaño especializadas na microfinanciamento.

Un dos problemas macroeconómicos mais relevantes en España é, sen dúbidas, a situación a nivel laboral: o elevado desemprego e a crecente precariedade laboral. Con taxas de desemprego tan elevadas (14%), moi por riba da media comunitaria (6,5%), resulta indiscutible que o mercado laboral español precisa con urxencia de regulacións moi diferentes as aprobadas nos derradeiros anos. Precisa, por caso, derrogar as reformas laborais aprobadas polos gobernos anteriores (PSOE e PP) para enfocar o problema do emprego cunha perspectiva distinta da neoliberal. Así precisa incrementarse aínda mais o SMI, reducir o abano salarial subindo os salarios mais baixos, recuperar a negociación colectiva e o papel interlocutor dos sindicatos –cara a negociación dun pacto que permita incrementar a participación dos salarios na riqueza nacional- endurecelos despedimentos (España é un dos estados europeos onde mais fácil e barato é o despedir traballadores/as), impulsar unha real igualdade de xénero e melloralas prestacións aos traballadores desempregados. Compre xa, como así avalan numerosos estudios, ir reducindo tanto a xornada laboral e a idade de xubilación como blindalo sistema público de pensións.

Como sinalei nalgún artigo anterior o comercio polo miúdo está sendo un dos sectores económicos mais castigados pola grande recesión. Compre defender e protexer este sector tan necesario para o bo funcionamento da economía e a sociedade. Unha defensa que debe incluírse dentro de plans públicos orientados a impulsar novas actividades e novas formas de consumo. Novas actividades e novas formas de consumo que rematen coa cultura da grande área comercial e poñan o aceno nas axudas (fiscais, financeiras, formación …) ao comercio polo miúdo.

Velaí algunhas das tarefas que, en materia de política económica e dende unha clara perspectiva de esquerdas, considero urxentes a realizar polo novo goberno español. Evidentemente que son necesarias outras medidas relacionadas, por caso, coa a Unión Europea, o financiamento autonómico, a débeda pública, o estado de benestar …. etc. que tentarei de tratar en próximos artigos pero sobre as que, en moitos casos, xa teño escrito neste medio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.