O 1º de maio en Galicia reclama "sen máis demora" ao futuro goberno do Estado un "cambio cara á esquerda"

Traballadoras nunha conserveira CC-BY-NC-SA CIG

Coa precariedade e temporalidade asentadas no mercado laboral desde hai tempo, pensións baixas e en aparente cuestión, cun ritmo anual de crecemento do emprego menor que o do Estado e un horizonte industrial cada vez máis ameazado por peches (Alcoa, Isowat, Ferroatlántica...) e desmantelamento, Galicia afronta un novo 1º de maio atenta ao novo goberno que se conformará axiña no Estado tras as eleccións xerais do pasado domingo. 

CIG, UGT e CCOO reclaman ao novo goberno do Estado que active xa un "cambio" nas políticas económicas e sociais e empece derrogando as dúas últimas reformas laborais

A derrota do bloque da dereita e a posibilidade dun executivo progresista leva os principais sindicatos en Galicia a reclamar xa un “cambio” adiado tantas veces coa “escusa” da difícil aritmética parlamentaria. A vitoria do PSOE trae esperanza pero tamén pon en alerta as centrais, que ven clara a necesidade de lembrarlles aos socialistas na rúa a necesidade inmediata de aplicar políticas claras “de esquerda”.

Paulo Carril, secretario xeral da CIG CC-BY-NC-SA CIG

“Hai dez meses entrou un novo goberno con maioría de esquerda pero que non fixo o suficiente, nin tan sequera marcou un calendario efectivo de derrogación das políticas laborais e económicas do PP que nos levaron a tal precariedade”, di a Praza.gal Paulo Carril, secretario xeral da CIG, que amosa a súa “preocupación” de que “se teña utilizado un chamamento a frear a ultradereita para seguir facendo políticas de dereita porque, no substancial, polo momento non houbo cambios reais”. 

Carril advirte da necesidade de derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva, da defensa das pensións e dunha mudanza lexislativa “para sentar as bases de cara a un emprego digno e con dereitos para que traballar permita vivir dignamente”. 

A CIG amosa a súa "preocupación" de “se teña utilizado un chamamento a frear a ultradereita para seguir con políticas de dereita"; UGT cre "indubidable" que a cidadanía "votou por un cambio cara á esquerda"

Pola súa banda, desde UGT-Galicia, o seu secretario xeral, José Antonio Gómez, agarda que o futuro goberno “cumpra coas persoas e coas súas familias” tras “cinco anos de crecemento económico que foi parar só ás mans duns poucos”. Así, reclama “cambiar as políticas”, empezando por derrogar as reformas laborais con urxencia, máis que un futuro Estatuto dos Traballadores. Tamén pide “propostas para xerar emprego”, unha mellora das salarios e, “por suposto, garantir a viabilidade do sistema público de pensións e que estas teñan unha contía digna”, ademais de afondar na erradicación da fenda salarial e a violencia machista. 

Para Gómez, é “indubidable” que, tras o 28A, “hai unha maioría de españois que queren un programa que teña como base fundamental a repartición da riqueza e a recuperación de dereitos e liberdades”. E aínda que considera que “non é misión” do sindicato indica camiño ningún, cre que quedou claro que a cidadanía “votou por un cambio de políticas cara a esquerda, porque iso é o que pediu a maioría”.

Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO-Galicia, advirte que, xa que o Congreso “conta cunha ampla maioría de esquerdas”, o PSOE “non ten moitas escusas para non iniciar unha axenda social que non admite máis demora”. Ademais, pon deberes ao futuro executivo que pasan por “pór en marcha reformas que sirvan para transformar o tecido produtivo e potenciar o sector industrial”, así como “diversificar un modelo de crecemento excesivamente dependente do sector terciario e do turismo”. 

CCOO cre que o PSOE “non ten moitas escusas para non iniciar unha axenda social que non admite máis demora”

Tamén reclama Comisións “un plan de choque polo emprego de calidade” pero, ao igual que UGT e CIG, marca “un primeiro paso” que debe ser o de “derrogar as dúas últimas reformas laborais” e a refoma das pensións de 2013, así como “iniciar un labor de inspección para combater o abuso das figuras laborais que aumentan precariedade” e “unha reforma fiscal ambiciosa”.

Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO-Galicia © CCOO-Galicia

As demandas urxentes para Galicia

Respecto de problemáticas específicas e especialmente graves en Galicia, Carril lembra as propostas que a CIG fixo nos últimos meses e materia laboral e social e lembra o “importante problema de crise industrial” que sofre o país, especialmente no que ten que ver coa electrointensiva (Alcoa ou Ferroatlántica), pero tamén na naval, no telemárketing, nas continuas deslocalizacións de empresas ou o “crítico” momento no sector do automóbil. “É urxente frear esta situación”, di quen aposta por acabar con “políticas económicas que negan a ecomomía produtiva” e que, máis en concreto, reclama de vez unha regulación enerxética para as firmas electrointensivas que eviten peches e despedimentos. 

Desde UGT e tamén desde CCOO instase a Xunta a que “tome nota do menor ritmo anual de crecemento do emprego” que se dá no país con respecto ao Estado, así como o seu “menor dinamismo” no mercado laboral ou as elevadas taxas de parcialidade involuntaria na contratación. 

“A Xunta ten competencias suficientes en materia de emprego para tratar de corrixir estas eivas e evitar que Galicia ofreza mes tras mes indicadores do mercado laboral dun xeito máis negativo que o resto do Estado”, di José Antonio Gómez, de UGT, que pide ao Goberno galego que “aposte por un novo modelo produtivo sustentable cun plan estratéxico para a industria, apoio ao I+D+i, mobilización do potencial das áreas rurais, unha aposta clara pola igualdade e unha aposta clara polos servizos públicos de calidade e pola loita contra a sinistralidade laboral”. 

José Antonio Gómez, secretario xeral de UGT-Galicia © UGT-Galicia

En canto ao futuro camiño do novo goberno e mesmo a posibilidade dun pacto con Ciudadanos, Carril insiste en lembrar que o PSOE “non encetou calendario ningún para derrogar as reformas laborais” e que en moitas materias “hai unha coincidencia neoliberal absoluta” dos socialistas co PP e coa formación laranxa. “O que nos preocupa é que se pretenda seguir facendo a mesma política do PP, abstraéndose do que pasou o pasado domingo e utilizando de forma tramposa ese chamamento a impedir a emerxencia da ultradereita”, explica o secretario xeral da CIG, que aclara que é na mobilización e na rúa onde se lle debe lembrar ao executivo o horizonte que marca a clase traballadora. 

"Un pacto PSOE-Ciudadanos sería o máis desexable para o Ibex-35 pero non é a preferencia da clase traballadora nin das reivindicacións dos sindicatos de clase"

Desde CCOO, Ramón Sarmiento entende que un posible pacto PSOE-Ciudadanos “sería o máis desexable para o Ibex-35” e que, “obviamente”, esa non é a preferencia “da clase traballadora” nin das súas reivindicacións. “O programa da formación de Rivera está enormemente afastado do que os sindicatos de clase defendemos”, recorda. 

Así, advirte que para “levar adiante” as reformas e axenda social que as centrais piden “cómpre un Goberno o máis estable posible, pero iso non implica necesariamente que haxa que confeccionar un executivo a varias bandas”. “Máis importante sería que o partido gobernante teña capacidade de diálogo e tecer unha rede ampla de alianzas, pensando nas necesidades da maioría da poboación”, di Sarmiento. 

“A configuración dun programa político de esquerdas e un goberno que responda a ese programa é unha necesidade obxectiva"

En UGT-Galicia. José Antonio Gómez considera que para o seu sindicato “é evidente que non é o mesmo pactar con Unidas Podemos que con Ciudadanos”. “A configuración dun programa político de esquerdas e un goberno que responda a ese programa é unha necesidade obxectiva; nós queremos un programa de goberno que reparta riqueza”, di, ademais dun sistema impositivo “que teña unha relación directa co que se di na Constitución e, polo tanto, que pague máis o que máis ten e que nos achegue a ese do 7 ao 9% de diferenza que hai entre o Estado español e os países da zona euro”.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.