Altri como síntoma, un goberno galego co centro no País como menciña

Manifestación contra Altri o domingo 14 de decembro de 2025 CC-BY-SA Praza Pública

Hemeroteca

A cidadanía presente en Compostela ía moito máis do NON á construción da celulosa de Altri en Palas, á reapertura da mina de Touro, á continuidade da factoría de ENCE en Pontevedra ou á enxurrada eólica 

Este domingo 14-D a cidadanía galega (convocada polas Plataformas contra a celulosa de Altri, contra a mina de Touro e na defensa da ría de Arousa) reproduciu a maciza resposta de hai un ano (16-D de 2024) e encheu Compostela con 80.000 persoas denunciando a incompatibilidade do proxecto da celulosa GAMA, promovida polo grupo portugués ALTRI en Palas de Rei, mais tamén da factoría de ENCE na ría de Pontevedra e da mina de Touro coa nosa saúde, co noso ambiente e coas actividades produtivas susceptíbeis de xerar máis valor e emprego de calidade e que amosan clara incompatibilidade con proxectos tan lesivos en termos ambientais.

A cidadanía presente en Compostela ía moito máis do NON á construción da celulosa de Altri en Palas, á reapertura da mina de Touro, á continuidade da factoría de ENCE en Pontevedra ou á enxurrada eólica que sacrificará habitats humanos e actividades económicas para producir enerxía que irá para Madrid e outros territorios a medio de moi custosas e impactantes liñas de alta tensión sen que Galicia podia quitar rédito ningún desta produción. En realidade, a cidadanía o que refuga globalmente é que este noso país, Galicia, siga a ser tratado, como o foi no franquismo, como unhaterra de sacrificio para fornecer de enerxía, materias primas e beneficios que emigran cara outros lugares, mentres aquí fican os impactos. 

A cidadanía o que refuga globalmente é que este noso país, Galicia, siga a ser tratado, como o foi no franquismo, como unha “terra de sacrificio” para fornecer de enerxía, materias primas e beneficios que emigran cara outros lugares, mentres aquí fican os impactos

Non é esta unha sensación illada nin recente. Ten raíces históricas, económicas e políticas Se ollamos con perspectiva, vemos un fío común. 

1.-ENCE en Pontevedra co impacto ambiental e territorial que xera nunha ría clave, mentres os beneficios empresariais e fiscais non reverten proporcionalmente no territorio.

2.-GREENFIBER / ALTRI: un proxecto de industria intensiva en auga, enerxía e recursos forestais, nun contexto de estrés ambiental e despoboamento rural.

3.- Mina de Touro-O Pin, cos seus riscos graves para bacías fluviais e actividades agrogandeiras, con beneficios moi concentrados na empresa promotora.

4.-Enxurrada eólica, cos seus efectos de ocupación de montes comunais, fragmentación do territorio, incompatibilidade con outras actividades produtivas que fixan poboación e coidan do territorio e máis impactos paisaxísticos e ecolóxicos, mentres a enerxía se integra nun mercado estatal onde Galicia non decide, non tira beneficio nin prioriza usos locais.

Isto encaixa co que en economía política se chama modelo extractivo periférico: os territorios periféricos achegan recursos, enerxía e espazo; os centros concentran decisións, valor engadido e beneficios. Un sinónimo é modelo colonial.

Por que sufrimos na Galicia este modelo? Hai varios factores combinados. Por unha banda a nosa febleza no poder de decisión. A lexislación estatal impide que Galicia controle nin o modelo enerxético, nin a planificación industrial estratéxica, nin o destino da enerxía que produce

Por que sufrimos na Galicia este modelo? Hai varios factores combinados. Por unha banda a nosa febleza no poder de decisión. A lexislación estatal impide que Galicia controle nin o modelo enerxético, nin a planificación industrial estratéxica, nin o destino da enerxía que produce. As decisións adóptanse maioritariamente a nivel estatal ou corporativo, non territorial. Por outra banda nn discurso do “ou isto ou nada”Moitos destes proxectos preséntanse como:“ou aceptamos isto, ou non hai emprego nin futuro”. Isto é especialmente eficaz nun país envellecido, con despoboamento rural e (até hai ben pouco) con poucas alternativas industriais de noso. Mais é un falso dilema. Neste modelo industrial (outravolta o mesmo do franquismo) os custos ambientais, paisaxísticos, hídricos, sanitarios e de sacrificio doutras actividades económicas ben rendíbeis empresarial e socialmente fican aquí, mentres os beneficios van a grandes empresas, case sempre extragalegas, que tributan fóra e non xeran cadeas de valor locais.

Mais estas resultas non son ineludíbeis. Outros países e territorios europeos demostraron que se pode condicionar proxectos a retorno local real, priorizar autoconsumo e industria de proximidade, protexer espazos estratéxicos non negociables e dar poder real ás comunidades locais (non só consultas simbólicas)

O problema, porén, non é producir enerxía ou ter industria. O problema é para quen, como e a que prezo. O debate de fondo non é ENCE, ALTRI, mina de Touro ou parques eólicos promovidos pola grande industria foránea por separado. O debate de fondo é se queremos ser un territorio fornecedor barato ou un país que decide o seu propio modelo de desenvolvemento. E esta decisión non é técnica, é política e colectiva.

O problema non é producir enerxía ou ter industria. O problema é para quen, como e a que prezo. O debate de fondo non é ENCE, ALTRI, mina de Touro ou parques eólicos promovidos pola grande industria foránea por separado. O debate de fondo é se queremos ser un territorio fornecedor barato ou un país que decide o seu propio modelo de desenvolvemento

Velaí o valor da decisión do goberno de coalición BNG-PSdeG (promovido pola consellería de Innovación e Industria exercida na altura polo nacionalista Fernando Blanco) cando deseñou un concurso eólico no que garantía que as empresas adxudicatarias compensasen axeitadamente ás comunidades locais e deseñasen plans industriais para desenvolver no territorio próximo ao parque eólico correspondente. Plans que garantían un investimento de 5000 M€ susceptíbeis de crear 8000 postos de traballo. Dende un marco respectuoso coa liberdade de empresa o concurso estaba deseñado para que a empresa galega, os propietarios privados e comunais e os concellos tirasen proveito.

O sábado 13-D en Compostela 80 cargos institucionais nomeados polo vicepresidente Anxo Quintana (2005-2009) e @a conselleir@s nacionalistas Alfredo S. Canal, Anxela Bugallo, Fernando Blanco e Teresa Táboas lembraron o 20 aniversario da chegada do BNG ao goberno de Galicia, acto que pechou Quintana cun discurso no que, entre outras ideas sobre a actualidade dos eixos de traballo daquel goberno afirmaba que non hai proposta máis progresista, máis transformadora, mesmo máis revolucionaria que pór os recursos naturais dun país ao servizo da súa cidadanía”. 

Velaí o valor da decisión do goberno de coalición BNG-PSdeG cando deseñou un concurso eólico no que garantía que as empresas adxudicatarias compensasen axeitadamente ás comunidades locais e deseñasen plans industriais para desenvolver no territorio próximo ao parque eólico correspondente

Quintana e a súa equipa sufriron un ataque inédito de desprestixio persoal e político e fake news que amosaron o comezo no estado español destes tempos de mentiras, división cidadá e polarización. Os devanditos obxectivos e mesmo a normativa aprobada que os ía desenvolver foron, quer arrombados, quer derrogada polo PPdeG. Mais a única menciña efectiva contra o síntoma Altri, contra as forzas económicas e políticas que queren facer definitivamente o noso país e, nomeadamente, o noso medio rural como terra de sacrificio é un goberno galego con centro de gravidade no País que saiba facer política pensada dende aquí e por os recursos naturais ao beneficio da nosa economía e da nosa cidadanía. Como deseñou, lexislou e ía executar aquel goberno de coalición no que partillou o BNG dirixido por Anxo Quintana. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.