Artista: Julia Ares
Comisaria: Luz Darriba
Mostra incluída no Programa (Re)coñecer, (Re)presentar, (Re)distribuír, da Rede Museística Provincial de Lugo.
Museo Provincial de Lugo, abril e maio de 2025.
O cristal e o traballo delicadísimo de Julia Ares son quen de transportarnos ás profundidades do mar, e ao percorrido imaxinado de galaxias aínda non descubertas. Invádenos e conquístanos a memoria da auga, a memoria do vento, da choiva, dos marés e dos glaciais. Os sentidos nos guían
Amar a(mares) é unha compilación de obras da recoñecida artista coruñesa Julia Ares, que teño a honra de comisariar. A artista vén desenvolvendo dende o comezo da súa traxectoria un inxente labor co cristal, ou vidro, que adoita dicir ela, como materia preponderante.
O cristal e o traballo delicadísimo de Julia Ares son quen de transportarnos ás profundidades do mar, e ao percorrido imaxinado de galaxias aínda non descubertas. Invádenos e conquístanos a memoria da auga, a memoria do vento, da choiva, dos marés e dos glaciais. Os sentidos nos guían. Temos a salinidade no ceo da boca, a escuma mariña nos agarima nesta viaxe. Unha viaxe entre obras que semellan vir do máis profundo, non só da artista, que o descontamos, do cerne propio da condición humana. Dos tempos nos que non había tempo nin distancias. Das xornadas arredor do lume. Da resistencia contra os elementos. Hai un aquel de remoto, de atávico, que non estorba, o máis mínimo, esta produción dunha rigorosa contemporaneidade na súa estética e na súa ética.
As pezas, a tarefa incansábel de moita vida, deciden por si soas. Falan sen necesidade de palabras. Consomen os percorridos e determinan os próximos rumbos.
É doado atopar na obra de Julia Ares reminiscencias dos mares: os que coñecemos porque somos terra de mar, os que soñamos, porque o mar é fonte natural de soños, tecedor de fantasías, substancia que nos une dende que o mundo é mundo. Agroma no seu quefacer, non por nada é cidadá de Monte Alto nunha cidade rodeada polo mar, unha expresa e continua declaración de amor que nos leva a sentir o vibrar das súas pezas coma parte dese mar que amamos e tememos. O mar que quita e dá vida. O mar que alimenta e afoga. O insubstituíbel mar, que tanto agredimos.
A precisión matemática coa que un glaciar debuxa o seu propio sentido pódese ver, palpar, ulir en cada unha das súas pezas. A artista incide no vidro coa agudeza dun bisturí e consegue ceibar do frío a calidez da xema dos dedos, o tacto dos encontros sen concesións, as historias aínda non contadas, nunha serie de traballos que se encadean para seguir sendo elos libres e únicos. Baluartes icónicos do que só ela sabe e pode facer, imago mundi do pasado, do recente, do futuro.
A calor converte o frío en cálido, en beleza xurdida da verdade, do exclusivo espazo valedoiro. A avidez das notas musicais que conforman melodías difíciles e fráxiles, ao tempo que sensíbeis e vigorosas, cismeiras na procura do entendemento de canto nos é humano.
A obra de Julia Ares non é abstracta, mais a súa concreción é tan particular como todo o demais. Abrangue e aniña mensaxes decididamente postas pola autora. Botellas ao mar para as e os contempladores conscientes da decadencia destes tempos sen redención.
As súas cores: azuis transparentes e metalizados, verdes como os restos de vidro que traen as ondas mariñas, vermellos oxidados, amarelos «asaltadores», acompañando sempre a capacidade do vidro de reflexar as luces e as sombras. O que se di e o que non, o que se intúe, o que se imaxina. O que estalla.
Poucos son as e os artistas vidreiros. Julia Ares ocupa un espazo ben gañado entre as e os máis grandes, diso non temos dúbida. E xa vai sendo hora de que lle deamos a consagración que merece, sen mesquindade nin compracencia. O que ela ten ben gañado
Julia Ares utiliza a técnica do vidro fusionado e un abano de materiais que vai incorporando aos seus achados, partindo do rescate de refugallos na fábrica familiar, dos restos que ela transforma en pezas extraordinarias. Nelas, experimenta coas oxidacións producidas polos contactos dos diferentes metais nas loitas contra as altísimas temperaturas. O resultado é o que poderíamos denominar «outras visións da pintura, da escultura ou mesmo da arquitectura». Outros xeitos de achegármonos ás vellas disciplinas das chamadas Belas Artes. Julia Ares fai parte dun reducido círculo internacional de artistas que traballan co vidro como a principal das súas materias, o que lle valeu importantes recoñecementos en certames e bienais internacionais.
A poesía non se fai só con palabras. Aquí temos esta mostra de Julia Ares para lembrárnolo, para poñer o foco no que de verdade é importante, para aportar a imprescindíbel luz en tempos de feras
Poucos son as e os artistas vidreiros, mencionarei a quen teñen as propostas que máis me interesan: a estadounidense Emily Williams, a polaca Martha Konowska, o neocelandés Ben Young, a mestra uruguaia Águeda Dicandro.
Julia Ares ocupa un espazo ben gañado entre as e os máis grandes, diso non temos dúbida. E xa vai sendo hora de que lle deamos a consagración que merece, sen mesquindade nin compracencia. O que ela ten ben gañado.
«O poeta converte o mundo en cristal», dixo o escritor estadounidense Ralph Waldo Emerson querendo reflexar o valor e o peso da poesía que pode facer o mundo transparente, espido, enfrontándose coa súa propia realidade limitada. A poesía, non se fai só con palabras. Aquí temos esta mostra de Julia Ares para lembrárnolo, para poñer o foco no que de verdade é importante, para aportar a imprescindíbel luz en tempos de feras.