Ana Pontón quere a Executiva

Joan Miró. Man apreixando un paxaro © Joan Miró

En 1974 Jordi Pujol comezou a usar o concepto “pal de paller” (pau de de palleiro) para referirse a Convergència Democràtica de Catalunya. Pretendían articular un grande movemento nacionalista arredor dese partido recén fundado, coa idea facer país, vertebrando a nación desde a militancia e tamén desde o goberno da Generalitat. O “pal de paller” ven sendo algo así como o “xerador de forza motriz” do Pilates, o “core”, esa zona abdominal da que depende a forza de todo o corpo.

Os converxentes compuxeron as súas institucións públicas, administráronas e defendéronas. Institucións imperfectas, débiles ao comezo, moi perfeccionábeis, pero as do seu país. Quen di Pujol di os vascos do PNV.

En Galicia non. As razóns para que isto fose tan diferente son múltiples, pero entre elas hai unha que se me vén moito á cabeza: é imposíbel construír e amar o que se despreza, sexa a Xunta, o Parlamento de cartón, ou calquera outra entidade semellante.

Crear conciencia e gobernar non sempre se acompasan. O Partido Galeguista foi un poderoso pau de palleiro. Galicia acabou por asumir unanimemente, mellor ou peor, a simbólica e os referentes que aqueles galeguistas minoritarios promoveron. Unha conciencia que marca profundamente todos os campos políticos e ideolóxicos maioritarios. Mais nunca gobernaron o país e hexemonía nacionalista en Galicia nunca houbo.

Mais, cal é agora o xerador de forza motriz, o motor que estimula a afirmación simbólica e a conciencia nacional? A resposta que se lle vén a un á lingua é que o BNG, pero é errónea. Desde onde parten as principais ideas-forza, e vontade de dirixir, por dicilo todo rapidamente, é desde a UPG. O “core” desde onde se proxectan e cara onde conflúen de volta, desde as outras organizacións que dominan.

O principal activo é sen dúbida o Bloque Nacionalista Galego, que cumpre unha importantísima función, principal, incardinada no mecanismo extenso e relativamente complexo do pau de palleiro. A súa función principal, non a única, é a de conquistar o goberno da Xunta, para o que se require unha cartografía moito máis ampla e diversa.

O Bloque sempre acaba fracasando e rompendo. Jean Baptiste Lamarck afirma que a función crea o órgano. A función principal asignada ao Bloque é a de crear unha maioría para conquistar ese goberno. Mais para iso cómpre dotarse doutras coordenadas, que aproximen o electorado alleo. Cando unha tendencia ou un líder pretende explorar esoutras vías prodúcese a erupción. As explosións internas, cíclicas pero constantes, teñen moito que ver con isto.

Crear conciencia e gobernar non sempre se acompasan. O Partido Galeguista foi un poderoso pau de palleiro. Mais, cal é agora o xerador de forza motriz, o motor que estimula a afirmación simbólica e a conciencia nacional?

Buscar apoios sociais para gobernar a imperfecta e desprezada Xunta de Galicia, obriga a distanciarse do ritual antigo que xerou tradicionalmente a UPG, e que simplemente non chega á cidadanía, para alén do público incondicional de sempre. Permanecer nese ritual implica abandonar calquera esperanza de goberno. Tratar de avanzar cara unha maioría electoral implica arrombalo. Eis o grande dilema.

Exactamente aí é onde está arestora Ana Pontón e os colaboradores máis próximos, uns da súa xeración, outros non, que se ven inevitabelmente absorbidos pola dinámica institucional autonómica, cando comezan a aplicar tácticas realistas para gañar a maioría do electorado.

Pontón comezou pola proximidade na comunicación, distanciándose do doutrinarismo grandilocuente e moitas veces pedante. A necesidade crea a función e tanto ten ser dunha familia ou doutra cando na aposta, se é verdadeira, vai incluído o camiño que necesariamente se debe percorrer.

Manda a realidade. Neste caso consiste en lograr administrar nove mil millóns de euros anuais e unha simboloxía, a da Xunta, que quizais sexa o principal referente identitario, vivo e dinámico da maioría da poboación galega, pero que o ideario histórico do Bloque despreza, a pesar do desexo.

A necesidade crea a función e establece unha fisura profunda entre o líder que pretenda abrirse ás maiorías e o esencialismo militante da vangarda. A necesidade crea a función, aínda que a fisura, desta vez, co período de reflexión de Pontón, teña menos carga de testosterona que noutras veces.

Un núcleo militante duro, dentro do pau de palleiro, sempre coa sensación de sentirse atacados e en perigo; grandilocuente, cun exceso de énfase que á cidadanía non lle interesa; cun sentimento tráxico de Galicia que por suposto tampouco comparte a maioría electoral, entre outras cousas porque non hai tal traxedia; e todo coa convicción de estar dedicados á misión salvadora dun país desolado.

Ana Pontón quere a Executiva do BNG. Busca ficar coas mans libres para desenvolver a política que comezou a trazar nestes anos, atraendo sectores alleos ao Bloque, algo que está por ver. Para tal empresa demanda a saída da Executiva dos cadros conservadores da UPG. A contrapartida sería que se esa nova práctica fracasa, deixa paso a novas (ou vellas) experiencias.

Entre os conservadores está Néstor Rego, deputado nas Cortes, cunha dinámica tradicional, diferenciada, sen renovar. Rego establece unha diarquía, ou polo menos un contrapunto de peso á líder autonómica. Pero xa veremos, porque ambos son do pau de palleiro, con moita antigüidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.