En xaneiro de 2018, o construtor Antón Arias dimitiu como presidente da conflitiva Confederación de Empresarios de Galicia cando só levaba un ano no cargo. Estaba claro que a súa heterodoxia o prexudicaría
En xaneiro de 2018, o construtor Antón Arias dimitiu como presidente da conflitiva Confederación de Empresarios de Galicia cando só levaba un ano no cargo. Estaba claro que a súa heterodoxia o prexudicaría. Confesara non ser neoliberal, denunciara a responsabilidade empresarial no problema da corrupción que distorce o modelo teórico da libre competencia e mesmo defendera o referendo pactado para resolver democraticamente a cuestión catalá. Arias critica que a lexislación laboral propicie a elevadísima precariedade, a alta temporalidade e a baixa calidade do emprego, e avoga, non só por unha maior cobertura social e mais pola suba dos salarios para diminuír a desigualdade, senón tamén pola reactivación do investimento público para evitar a anemia económica por falta de consumo. O discurso de Arias sitúase nas coordenadas keynesianas da socialdemocracia dos trinta anos posteriores á Segunda Guerra Mundial. Non sabemos moi ben para que serve hoxe a CEG, pero podemos imaxinar que máis dunha úlcera empresarial debeu de sangrar con tanta sensibilidade democrática e social.
Antonio Catalán abriu o primeiro hotel do actual NH Hotel Group, cadea da cal se desvinculou, e hoxe é o presidente de AC Hotels by Marriott. Está a favor da creación de postos de traballo mediante a contención dos beneficios, e tamén está a favor da estabilidade laboral e da dignidade dos salarios. Cualifica de explotación as condicións de incerteza e inseguridade en que traballan moitas persoas por mor da disparatada lexislación en materia laboral. Afastado da patronal, non dubida en diagnosticar a mala calidade do empresariado como un dos problemas fundamentais da nosa economía. As súas análises mesmo chegan ao espiñento tema das pensións. Para Catalán, unhas cotizacións que fagan sustentábel o sistema só poden saír duns salarios decentes. E o mesmo vale, en xeral, para os impostos que sosteñen a sanidade ou a educación. O discurso de Catalán amosa, alén dunha intelixente perspectiva empresarial, unha fonda preocupación pola viabilidade do capitalismo e unha sensibilidade social que o sitúan na órbita da vella democracia cristiá e mesmo da vella socialdemocracia.
O interesante de Arias e Catalán non é tanto o seu éxito empresarial como o seu discurso tan afastado do que John Kenneth Galbraith chamaba a cultura do contentamento
O interesante de Arias e Catalán non é tanto o seu éxito empresarial como o seu discurso tan afastado do que John Kenneth Galbraith chamaba a cultura do contentamento. O economista keynesiano escribiu en 1992 un ensaio, The Culture of Contentment, cuxa idea central é que os privilexiados do sistema capitalista non teñen unha visión estratéxica, senón que, guiados pola defensa miope dos seus intereses, procuran sempre unha satisfacción inmediata. As consecuencias a longo prazo, por alarmantes que poidan ser, resultan indiferentes; despois de todo, ese futuro pode non chegar nunca ou chegar para outros, e mentres tanto habería que asumir custos indesexados en forma de impostos. Para as maiorías electorais satisfeitas, o Estado é esencialmente unha carga estúpida, sobre todo cando intenta acabar coa existencia dos pobres, que son necesarios para faceren os traballos dos cales foxen os máis afortunados. Conque os impostos non teñen sentido ningún: páganos os contentos para favorecer os pobres, cuxo ascenso social sería perfectamente disfuncional. E nin sequera os favorecen, dado que os pobres son pobres porque viven das prestacións sociais, que desincentivan o esforzo e a iniciativa persoal.
Desbotada a política fiscal como instrumento macroeconómico, o discurso desprázase cara ao mercado, en cuxa benignidade se deposita unha fe cega
Desbotada a política fiscal como instrumento macroeconómico, o discurso desprázase cara ao mercado, en cuxa benignidade se deposita unha fe cega, e mais cara á política monetaria. Porén, se algo sabemos –e parecen saber Arias e Catalán– é que o mercado non produce resultados socialmente óptimos e pon en perigo, en última instancia, a supervivencia do propio capitalismo. A política monetaria, por outra banda, é notoriamente ineficaz nun contexto de baixa demanda e recesión, á parte de económica e socialmente ruinosa. Pero o único que realmente preocupa os contentos é a inflación. A insatisfacción dos excluídos do benestar só suscita a necesidade de investimentos en seguridade e dun reforzo lexislativo da represión, non de políticas públicas que preveñan as tendencias socialmente perniciosas e autodestrutivas do sistema. Porén, hai algo que cómpre lembrarlles aos beneficiarios da cultura do contentamento: a única garantía da convivencia democrática é a redución da desigualdade, tras a cal ten que haber unha política social consistente. Non sabemos se Antón Arias e Antonio Catalán leron a Galbraith. Sabemos que son empresarios intelixentes e responsábeis. E sabemos tamén que, por desgraza, hai demasiados empresarios satisfeitos.
Publicidade