Cada vez que miramos o recibo da luz semella termos entre mans o Pentateuco codificado con números máxicos. Non hai corpo esexético maior que a nomenclatura dos termos de potencia, peaxes de acceso e outros inventos semánticos para concluír cun sinxelo "paga máis que o ano pasado e seguro que menos que o vindeiro". Isto último na conta de resultados das empresas eléctricas tradúcese nun gañar sempre máis e repartir beneficios a esgalla nos consellos de administración. Eses clubes selectos onde se administra sobre todo a xubilación de ministros e presidentes.
Así as cousas, o encarecemento constante do prezo da luz en máis dun 70% nos últimos anos ten consecuencias desastrosas para as persoas e as empresas. Para as persoas porque as dificultades para chegar a fin de mes fai que a pobreza enerxética sexa unha realidade que se cobra cada ano máis vítimas mortais que os accidentes de tráfico. En Galiza 455.000 persoas teñen dificultades para aboar as facturas ao supor estas máis do 10% dos seus ingresos. Así un 18% dos fogares son os denominados consumidores vulnerábeis e están en risco de ser pobres enerxéticos. Aínda existindo normativa europea para prever está situación, e prohibir os cortes de luz, o goberno Feijóo non tomou ningunha medida real, mais alá da esmola do publicitado ticket eléctrico que non chega nin ás familias que cobran a RISGA. Para as empresas a situación tamén é moi complexa. Ao ser a electricidade moito máis cara que noutros países europeos convértese nun factor en contra da tan cacarexada competitividade neoliberal.
O goberno Feijóo non tomou ningunha medida real, mais alá da esmola do publicitado ticket eléctrico que non chega nin ás familias que cobran a RISGA
Unha boa parte desta situación é consecuencia da liberalización do mercado da electricidade en 1997 co goberno de Aznar. O suposto mercado libre está controlado por uns poucos que impoñen as súas regras conseguindo que a recente lei do sector defina á enerxía como unha actividade de interese económico xeral cando debería ser un servizo público básico. O control é tal que se penaliza o autoconsumo até limites como impor multas millonarias. Esta é a grande contribución do ministro Soria xunto cos grandes atrancos impostos ás enerxías renovábeis no seu final de mandato.
A proposta dunha Tarifa Eléctrica Galega é unha medida social que pretende a redistribución dos recursos. Nós, galegas e galegos, pagamos altos custos medioambientais desde que se deseñou o sistema eléctrico español pensando coa óptica centralista de Galiza como subministradora de electricidade fundamentalmente para Madrid. Temos os vales asolagados, os muíños de vento nas nosas serras e o país cruzado por liñas de alta tensión sen ningún tipo de beneficio nin para as familias nin para as empresas. Para Galiza o sector enerxético pode e debe ser estratéxico: producimos entre un 30 ou 40% máis de enerxía eléctrica da que consumimos. Ese carácter de excedentarios na produción avala a proposta dunha Tarifa propia baseada nunha estratexia máis ecolóxica e democrática da enerxía. Reducir o recibo da luz, propiciar cooperativas de distribución e fomentar o autoconsumo son eixos básicos da estratexia galega que propomos desde o BNG.
A proposta dunha Tarifa Eléctrica Galega é unha medida social que pretende a redistribución dos recursos
O PP afirma que é unha proposta simplista e irrealizábel. Esquece que Euskadi acaba de negociar co Estado español o que se coñece como tarifa basca e que recolle un cambio de definición das redes de alta tensión para que teñan collida unha parte moi significativa da rede de distribución basca. Esta medida vaille aforrar fundamentalmente ás empresas sobre un 15% nas peaxes e nun 12,5% no termo de enerxía. Tamén esquece que en Reino Unido, Alemaña ou Suíza existen tarifas diferenciadas segundo diferentes variabeis e prestan un forte apoio ao autoconsumo. No estado español o prezo está unificado desde 1951 máis a lei actual permite que nas Comunidades con tributos propios, como por exemplo é o canón eólico galego, estes sexan aboados polos/as consumidores/as. Para este atropelo a quen produce, como é o noso caso, non hai problemas de rachar a tarifa.
O máis simple hoxe é o máis revolucionario. Tan simple como que os recursos naturais non sexan propiedade de cinco empresas e poidan estar a servizo das persoas. Ou tan simple como poder pagar a luz.