Apostar pola confluencia, construír camiños en común

“Debemos tomar nota también de la importancia de los liderazgos y los estilos que sirven para ir más allá de una identidad de partido. Podemos no puede ser en las generales un partido más sino un instrumento abierto a la participación y al protagonismo de todos aquellos que apuesten por el cambio.”
Pablo Iglesias Turrión(25/05/2015)

A experiencia do 24-M amosa que aí onde se xeran espazos de converxencia amplos é onde máis cae o bipartidismo e o cambio pasa de posibilidade a realidade

A experiencia do 24-M amosa que aí onde se xeran espazos de converxencia amplos é onde máis cae o bipartidismo e o cambio pasa de posibilidade a realidade. Pola contra, onde non se conseguen xerar espazos unitarios e participativos,  onde prima máis o interese particular sobre o común, o bipartidismo aguanta forte. Ningún actor sobra, pero o que amosan estas eleccións é que a forma partido, por si soa, é incapaz de suscitar adhesións tan amplas como as que xeran os novos  espazos de converxencia plurais e unitarios, convertidos en ferramentas ilusionantes. As siglas instrumentais permiten maior grao de apertura, crean prazas onde se poden encontrar os activistas e os non activistas, igual que nos atopamos no 15-M.

E non se trata só dunha cuestión de feito, de que de feito sexa así; é máis, aínda que non fose así; trátase, sobre todo, de dúas vantaxes políticas claras das apostas de confluencia. Por unha banda, a unidade popular permite vencellar os escenario electoral coas mobilizacións, a rúa coa urna. Non chega con estar presentes nas institucións, hai que construír poder dende abaixo. Hai que construír unha interdependencia entre o ámbito electoral e o ámbito de intervención nas reivindicacións sociais, reforzándose mutuamente e, ademais, converténdose en presión e forza, ao mesmo tempo, para os que defendan nas institucións ditas reivindicacións.

Non chega con estar presentes nas institucións, hai que construír poder dende abaixo. Hai que construír unha interdependencia entre o ámbito electoral e o ámbito de intervención nas reivindicacións sociais

E, por outra banda, fai real a participación cidadá, pois os cargos institucionais teñen que estar sometidos a un control democrático pola asemblea. Deben ser pancas para a autoorganización popular en todos os ámbitos, esvaendo as fronteiras entre representantes e representados.

Así é como se vai no camiño do empoderamento popular, de modo verdadeiro e non retórico; así é como se converten e se senten suxeitos políticos os cidadáns que participan asembleariamente no control e xestión da unidade popular. Así é como se xera conciencia e se constrúe en común; así é como se constrúe a unidade real, por embaixo.

E, precisamente por iso mesmo, estes novos espazos non se deben quedar só na concreción de alianzas electorais, aínda que este sexa o terreo cara onde se están a envorcar moitas das enerxías, senón no artellamento de espazos de converxencia para as maiorías sociais desde os que seguir tecendo resistencias ás presións austeritarias tras as eleccións.

A partida xógase, en parte, nas institucións, pero só en parte; requírese ter a capacidade de facer fronte en todos os ámbitos e para iso precisamos dun pobo consciente e participativo

A partida xógase, en parte, nas institucións, pero só en parte; requírese ter a capacidade de facer fronte en todos os ámbitos e para iso precisamos dun pobo consciente e participativo, que asume o seu papel central no enfrontamento contra as forzas do neoliberalismo. Así construímos forza, a forza necesaria para unha loita que traspasa o puramente electoral.
 


Precísase audacia e xenerosidade

Cómpre vertebrar estas experiencias, estender o modelo a outros marcos, aínda coas peculiaridades e complexidades de cada contexto particular; evitar o seu illamento, compartilas e poñelas en común

Cómpre vertebrar estas experiencias, estender o modelo a outros marcos, aínda coas peculiaridades e complexidades de cada contexto particular; evitar o seu illamento, compartilas e poñelas en común. Intercambiar experiencias  que permitan a interacción desde abaixo, a permanente reconstrución e reapropiación dos suxeitos por parte da cidadanía.

Construír colaborativamente é o único xeito de tecer alianzas entre as clases populares , unhas alianzas que reflicten o nexo común que une ás maiorías sociais atacadas polos mercados. A unidade popular é algo vivo, hai que coidala e alimentala día a día para que se converta  no reflexo da unidade das de abaixo. 

En 2012, a irrupción electoral de AGE como terceira forza supuxo a constatación de que se abría un espazo para a construción de candidaturas de unidade en todo o Estado

En Galiza asistimos a un contexto particular. En 2012, a irrupción electoral de AGE como terceira forza supuxo a constatación de que se abría un espazo para a construción de candidaturas de unidade en todo o Estado, que a indignación atopaba unha expresión política e que a fenda aberta por Beiras podía ensancharse. A evolución posterior de AGE amosou os riscos que corrían e corren estas novas candidaturas. AGE ficou reducido a un grupo parlamentario, non medrou como espazo propio, senón que arrostrou os lastres das siglas que o conformaron, ensinando que a xestación dun proceso é fundamental no seu resultado, que as unidades construídas desde arriba, como pacto entre aparatos, teñen un percorrido e un alcance limitados, por moito que se baseen en liderados carismáticos, se non hai unha participación desde abaixo, se non están abertos á incorporación de novos actores fóra da militancia identitaria tradicional. As Mareas parece que aprenderon a lección deste proceso
 

As máquinas de guerra electorais son tigres de papel

Aos procesos electorais non poden ir “máquinas”, pois só pode haber intervención social se o pobo ten plena consciencia desa necesidade de actuar. Pero tampouco é unha “guerra”. As eleccións son batallas; a verdadeira guerra, a verdadeira loita, dáse noutros lugares e non entre formacións políticas, senón entre os axentes sociais que pretenden representar. Pero é que chamar “guerra” é, precisamente, dar a entender que a “centralidade política” discorre aí, nas institucións, o que leva á confusión e á abstención (á abstención da participación efectiva nas mobilizacións).

Que significa que “venza electoralmente” unha candidatura? Xa é vella a distinción, pero hai que lembrala sempre: non é o mesmo a vitoria electoral que a política nin que a social. Leva ao derrotismo, de feito, pensar que “o poder” está no Parlamento; o que non quita que ir ao Parlamento nos dea “poder” (e que só vaiamos alí se xa conseguimos algún “poder”), pero non “o poder”. Non é desprezar as institucións, senón que é ter claro os límites das mesmas e saber onde se xoga a partida e como non debemos abandonar ningún lugar (tampouco as institucións), pero ter forza para estar presentes en todas partes.

Non é desprezar as institucións, senón que é ter claro os límites das mesmas e saber onde se xoga a partida e como non debemos abandonar ningún lugar (tampouco as institucións), pero ter forza para estar presentes en todas partes

Construír poder popular faise construíndo a forza necesaria para  enfrontar en todos os ámbitos as nosas razóns á forzas do réxime. Constrúe poder popular, é fonte de forza, todo mecanismo que incite á participación popular, que integre nas mobilizacións, que faga consciente a interrelación entre todo tipo de accións. As confluencias de base asemblearia son fonte de forza, colaboran na construción do poder popular, pois van nese sentido, na de converter á cidadanía no motor. 

De novo, é un lugar común, pero, tamén de novo,  convén lembralo unha vez máis: non se poden confundir medios e fins. As organizacións políticas son medios; os liderados populares son medios. A gran responsabilidade das organizacións políticas e dos liderados é asumir a súa dependencia dos obxectivos sociais que queren acadar, que eles -organizacións e líderes- existen en función do pobo; asumir que sen el non son nada; ou peor, son, de feito, unha “quinta columna” no seo do pobo.

O gran risco para un partido no que triunfe o “patriotismo de partido” e que non sexa consciente desta responsabilidade e que fíe todo na súa capacidade para converterse en referente electoral

O gran risco para un partido no que triunfe o “patriotismo de partido” e que non sexa consciente desta responsabilidade e que fíe todo na súa capacidade para converterse en referente electoral, concibido como o seu obxectivo único, será o de illarse das loitas sociais. E isto ten consecuencias políticas inevitábeis: carecer da necesaria autocrítica ás propostas políticas propias, que dá o contacto permanente coa “vida real”; que é onde se constata a corrección das propostas ou a súa necesaria modificación; pola contra a onde se vai é a que “o partido nunca se equivoca” (porque non hai modo de confirmalo nin de desmentilo). Tamén é consecuencia disto non ser quen de colaborar na construción da forza necesaria e, ao mesmo tempo, non poder tampouco recoller esa forza (esa forza necesaria) cando queira levar a cabo políticas contra a reacción que, comprobarao de seguro, enfrontaría fortes resistencias. E, hai que dicilo, tal actitude converteríase en desmobilizadora (non só non mobilizadora).

Coidamos que o enfoque autorreferencial, que apunta a que a unidade popular é que se unan todos comigo, é un erro; e, ao mesmo tempo, entender a unidade popular como unha pura fronte de esquerdas, en clave puramente electoral, tamén é outro erro. Pensamos que a clave está en artellar poderes sociais e que o electoral sexa a consecuencia dese traballo.

Podemos é un método, un medio, unha ferramenta para que as clases populares lideren o cambio, non un  fin en si mesmo

Podemos é un método, un medio,  unha ferramenta para que as clases populares lideren o cambio, non un  fin en si mesmo. Se só miramos cara nós mesmos, se nos convertemos nun  partido ao uso máis, non só traizoaremos a nosa esencia, senón que nos  converteremos na lembranza do que puido ser en non foi.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.