Aquel córner

Todos os que vivimos nas cidades, no meu caso, en Vigo, nun entorno urbán e céntrico e que falamos sempre en galego e educamos aos fillos e fillas na lingua propia do país, temos un cento de anécdotas (por dicilo en positivo) arredor deste feito

Todos os que vivimos nas cidades, no meu caso, en Vigo, nun entorno urbán e céntrico e que falamos sempre en galego e educamos aos fillos e fillas na lingua propia do país, temos un cento de anécdotas (por dicilo en positivo) arredor deste feito, que nos serven para ilustrar o difícil do noso labor ao tempo que deitar unha lección de sociolingüística frenopática deste país esquizoide no que, como a cantante Ses dicía aí atrás nun concerto, os cativos que falan galego andan tristes porque lles din que son raros. E temos centos de historias para contar. Historias de xente que nos ten preguntado que por que o facemos (falar en galego en Galicia, excentricidade onde as houber), a veciños cun marcadísimo sotaque galego que nos din que non nos entenden cando lles falamos.

A súa rareza consiste en que fala todo o día en galego, as vintecatro horas do día, pois cando soña en alto, faino tamén na lingua nosa. É así fai dende pequerrecho

E moitas desas historias son desagradables e provocaron no seu día unha certa incomodidade, por dicilo en fino, cando non noxo ou carraxe ou ganas de coller o bidón de gasóleo (é un falar) ou emigrar. Mais a que eu quero contar é de fútbol (e xa que estamos: por que os xornais galegos traducen ao castelán as declaracións do adestrador do Dépor que sempre as fai en galego?).

Vai a historia: O meu fillo maior ten dezasete anos. Vivimos, xa o dixen, no centro de Vigo, nun ambiente desgaleguizado e incluso galegófobo ás veces. El é un rapaz do seu tempo, é dicir, anda no tuenti, gústalle o fútbol, mocear, saír de noite e, en definitiva, é un tipo do máis normaliño...agás por un detalle. Acouguen: non ten tres orellas nin un ollo dunha cor e outro doutra. O detalle non é ese. A súa rareza consiste en que fala todo o día en galego, as vintecatro horas do día, pois cando soña en alto, faino tamén na lingua nosa. É así fai dende pequerrecho, sen dúbida condicionado pola (excéntrica no meu barrio, créanme) decisión da súa nai e miña de só falar en galego todo o tempo. Non é necesario argumentar que non hai campaña de normalización lingüística máis potente que a, precisamente, normalidade lingüística na casa. Igual que se ti les tes moitas posibilidades de que os teus fillos o fagan, se a lingua familiar é a nosa é probable, case que seguro, que as crianzas a teñan instalada no corazón e lles saia, claro que si, con naturalidade pola boca. Pero claro, cando tal pasa, nun país anormalizado coma o noso, as crianzas teñen problemas. Sobre todo se xogas ao fútbol.

Porque un día, tería el once ou doce anos, chegou moi desgustado dun adestramento do equipo de fútbol no que xogaba. Levaban semanas ensaiando dúas xogadas, como se fai moito neste deporte, para o lanzamento dos córner. Un asunto estratéxico para coller á defensa rival nas verzas e así meter gol dun xeito doado. El, coma o resto, adestrara con ganas e sabía en que consistían esas dúas xogadas que habían darlles tantas satisfaccións durante a liga.

"Tú no. Que hablas en gallego y los compañeros no van a saber qué jugada es"

O seu desgusto viña dado porque o adestrador (de Vigo) pedira voluntarios para tirar os saques de esquina. El ofreceuse primeiro que o resto. O adestrador descartouno rápido cunha frase que é todo un estudo de sociolingüística:

-Tú no. Que hablas en gallego y los compañeros no van a saber qué jugada es.

A estratexia consistía en sinalar cun dedo cara arriba ao sacar a pelota e dicir "Un" ou sinalar con dous dedos e dicir "Dous". En fin, iso era o que o meu fillo diría segundo a imaxinación do adestrador (e acertaba, el diría iso). E o que o míster quería é que se dixese "Uno" e "Dos"

A estratexia consistía en sinalar cun dedo cara arriba ao sacar a pelota e dicir "Un" ou sinalar con dous dedos e dicir "Dous". En fin, iso era o que o meu fillo diría segundo a imaxinación do adestrador (e acertaba, el diría iso). E o que o míster quería é que se dixese "Uno" e "Dos". Por iso el non valía. Como todo o mundo imaxinará, a diferenza entre os numerais galegos e os casteláns son tan abismais que, en efecto, se uns rapazolos de Vigo escoitan as palabras "Un" e "Dous", sen dúbida, non teñen nin idea do que se está a falar e, claro, seguro, non van saber a que xogada se refire o lanzador. Nin sequera había axudalos ver o seu, ou os seus (un ou dous), dedos postos cara enriba marcando axogada "un" ou "dous".

O meu fillo chegou chorando ese día a casa. Porque optar pola lingua propia, en Galicia, ás veces fai chorar.

E non tirou aquel córner.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.