Arte de bote

Puré sobre Monet Dominio Público Remitida

Munición de sopa de tomate e puré de pataca. Que os activistas climáticos lancen hortalizas precociñadas sobre obras de arte non deixa de ser un xesto de inocencia. É obvio que non chegan ao nivel de revolución dos artistas agredidos. Eles tamén sufriron posicións en contra: Monet, legalmente cego dende 1922, adestrou a súa memoria para seguir pintando mentres os críticos rían das súas formas borrosas e aseguraban que todo aquel “impresionismo” era produto dunhas cataratas. Van Gogh, xa saben, cortou parte da súa orella esquerda sublevándose contra si mesmo. Non hai guerra máis rigorosa. 

De seguro que a dor dos pintores foi máis crúa que a dos novos dadás que, podendo degolarse en streaming ou cortar os globos oculares cun bisturí buñuelista, deciden pegar as súas mans na parede cun par de gotas de Loctite. Calquera bricoafeccionado sabe que iso se resolve cun pouco de auga quente e un leve tirón. 

Na arte sobrevive a anarquía e a efervescencia inconsciente. A protesta leva séculos vinculada á creación. Ademais, estou convencido de que moitos dos xenios mortos aplaudirían esta iniciativa. Pola carraxe e a mancha. Pola ferida. Pero é unha faena para o mundo que unha idea tan necesaria se defenda con aspaventos equivocados. A arte non é a culpable desta loucura. Ademais, o mundo quérelle a Van Gogh e a Monet (igual que a George Orwell, guionista do primeiro Gran Hermano en Telecinco) aínda que non os usemos. Conformámonos con saber que están aí aínda que non dispoñamos deles. Igual que acontece co aforro de auga, a reciclaxe ou o desodorante de roll on. 

Quizais os activistas que loitan porque sigamos respirando deberían saber que cando alguén pinta xirasois ou nenúfares de xeito obsesivo, algo de amor terá pola natureza

Pero a performance dos activistas deixa un potente sabor a erro, como cando descorremos as cortinas dun probador ocupado. Porque non é convinte poñer as obras de arte á altura dun contedor de lixo que arde ou un escaparate de Stradivarius estragado. Como moda -como challenge- é perigoso. Mediaticamente efectivo? Depende da perspectiva dende a que o analices. Eu, por exemplo, cando vin as imaxes da acción contra ”Os xirasois”, pensei nun ecoloxista clásico diante do televisor que, mentres ata as “quechua” e sube a cremalleira do polar, sentencia: “Estes son gilipollas”. De feito, quen máis dano lle fixo á protesta foi ese señor que aparece por tras do Monet, mira para os axitadores e, coas mans anoadas nas costas, vaise resignado dicindo que non coa cabeza. 

Tamén haberá quen os aplauda. Reacción lóxica porque, en realidade, está demostrado que calquera protesta ou é radical ou apodrece. Pero sería moito máis tranquilizador que, agora que nos afoga a superficialidade, deixasen aos museos agonizar en paz. Coa perturbación de albergar unha tenda de souvenirs xa teñen abondo. 

“Dende que os espectadores experimentan os sentimentos que expresa o autor, hai obra de arte”, escribiu Tolstoi. Quizais os activistas que loitan porque sigamos respirando deberían saber que cando alguén pinta xirasois ou nenúfares de xeito obsesivo, algo de amor terá pola natureza. Aínda que teña o corazón protexido por un cristal. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.