As bolboretas ferven no asfalto

Non existe xa a menor dúbida. Vivimos nun recanto do planeta onde iso que chaman actualidade vive hiperacelerada.

Non existe xa a menor dúbida. Vivimos nun recanto do planeta onde iso que chaman actualidade vive hiperacelerada

Apenas podiamos tomar consciencia do que supoñen para a nosa realidade de a pé en terra terra, beirarrúas ou chalana as reformulacións rexenerativas dalgúns partidos cando estas esfarelan en cachizas e xa bulía o estourido selectivo dos escándalos por corrupción. Campións e campioas todos nós, porque cando xa crías que atoparas un anaco para comezar a dixerir toda a metralla acordas co que se supón é unha medida tomada en nome da colectividade de cara a impedir a entrada á capital dun clown, dun paiaso que consegue triplicar a súa presenza quebrando unha decisión arbitraria na enésima aposta por unha Compostela exclusivamente medieval, vetos a Correlinguas á marxe. Os actores e actrices galegos seguen aí nun ai, non se nos esquezan.

Pero resulta que ademais pertences a un estado que forma parte dunha unión tan collida polas cimeiras que debe rearmar o esqueleto do artesoado piramidal sacrificando os alicerces cunha reforma laboral demencial xa que aseguraron nalgures nin se sabe xa onde que será imposíbel non poder crear a partir dun artellamento deseñado por e para a destrución.

E aí me atopaba eu cando comezaba a enxergar algo desta escrita tomada en petisco porque quería sinalar unha presenza inaudita nunha das múltiples manifestacións que percorreron Galicia o pasado 29 de marzo.

Non é que non interesen as cifras ou que non merezan especial atención as imaxes, aconteceres e persoeiros das manifestacións de Vigo, Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Pontevedra, Ourense ou calquera outro recanto do país onde un traballador, traballadora ou aspirante a figurante quixo e puido dicir que non acaba de estar conforme coa imposición da impostura. É máis ben que a xente ilusa seguimos crendo malia todo na función do xornalismo, esa profesión con oficio en perigo de extinción, ademais de vivir posuídos polo espírito dalgún ser maligno ou similar e confiar no labor sindical máis ca nada porque cando nos sae o día optimista podemos constatar que este século XXI trae moitas trazas de XIX. É por iso que preferimos deixar aos nosos espertos e espertas preferidos labores de análise máis profunda e contrastada.

Digamos entón que foi só unha presenza testemuñal que pretendía pasar por alí para depositar unha intencionalidade persoal lexítima a que constatou un espectáculo inusual

Digamos entón que foi só unha presenza testemuñal que pretendía pasar por alí para depositar unha intencionalidade persoal lexítima a que constatou un espectáculo inusual. Polo asfalto cortado ao tráfico, entre pancartas, berros, himnos, chíos, bandeiras, asubíos, internacionais, cartaces, discursos, arengas e altofalantes; no nexo confluente de catro entidades bancarias de relevancia desa que aseguran relevante, entre sentadas de estudantes nada secundarios e sempre por embaixo do territorio do helicóptero policial, deron en manifestarse ao seu xeito devagariño, coma un case nada inocente unha boa chea de bolboretas. En efecto: as bolboretas ferveron o 29 de marzo sobre o asfalto.

En efecto: as bolboretas ferveron o 29 de marzo sobre o asfalto

E de feito é por causa do efecto que sei que este detalle insignificante non pode ser casual.

Pero o tal conto xa debía tirar a longo. A tropalla omnisciente na que temos que ter fe por iso da semana e das datas nas que andamos conseguiu non deixar pasar unha seca tan boa sen perder a oportunidade de sacar uns mistiños, tirar de neglixencias e abandonos inexplicábeis e rematar pola calada para acabar de pór os puntos nos íes de vez. Cando escoites aquilo de “LUUUME!” por aí, non permitas que se diga en sentido figurado cando o literal pode vir tan dado de seu.

Recoñezo o éxito do golpe na boca do estómago, mesmo en plena aorta coronaria pero aínda a estas horas só acerto a enxergar entre o moito fume, as demasiadas lapas e a inmensa desolación o regusto que deixa a andalusita en padal

Recoñezo o éxito do golpe na boca do estómago, mesmo en plena aorta coronaria pero aínda a estas horas só acerto a enxergar entre o moito fume, as demasiadas lapas e a inmensa desolación o regusto que deixa a andalusita en padal.

Se isto tiña que dar nunha Zaranda mediterránea, perdoen a miña (inmensa) tristeza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.