As catro regras. (Si, outro artigo sobre Sumar)

Acto presentación da candidatura de Sumar ás eleccións xerais do 23 de xullo © Sumar

Do grupo que integrabamos esa primeira quenda, poucas seguen en posición de participar nese proxecto. Alédame aquela decisión, a de delegar, a de facer entre todas, sen protagonismos nin liderados forzados. Fomos quen, afirmo con orgullo, de asumir que ninguén é imprescindible

Van alá sete anos desde aquela primavera na que un pequeno grupo de profesionais do sector do libro de Compostela nos reuniamos ás tres da tarde no segundo andar da libraría Couceiro, pechada ao público nese horario. Eramos a primeira quenda nun proxecto orientado a construír o que demos en chamar a SELIC (Semana do Libro de Compostela). O sistema de organización era novidoso e audaz. Cada grupo traballaba nunha fase do deseño e desenvolvemento, deixando, ao remate da súa etapa, o traballo (validado por unha “Mesa do Libro” na que participaba todo o sector) en mans dun novo equipo. Daba vertixe. Malia ser a nosa idea, tamén temiamos que as seguintes non captasen o espírito das nosas propostas. Varias veces valoramos a opción de deixar sempre a unha persoa do grupo previo no seguinte. Unha “masa nai” que garantise as nocións e alicerces elementais. Porén, debatemos e o descartamos malia que o medo a non ter relevo era importante. Alguén aseverou que se non aparecía quen continuase o labor, sería un claro sinal de que non estabamos a atinar. Porque o proxecto debía ser común a todo o sector, un traballo entre iguais con ideas diversas. Non tiña sentido liderar algo que non fose igualitario en responsabilidade e implicación. E canta razón. Hoxe, tras idas e vidas, pandemias, cambios de goberno no municipio, empresas que pecharon e outras que abriron ou se transformaron, a SELIC gábase da súa saúde. 

Unha das actividades da última edición da SELIC © Selic

Se cadra, cando escolleu o nome do seu novo partido Díaz pensaba niso que lle aprenderon á miña avoa nos curtos tres meses nos que puido asistir á escola, que chamaban “as catro regras”: sumar, restar, multiplicar e dividir

Fago reconto. Do grupo que integrabamos esa primeira quenda, poucas seguen en posición de participar nese proxecto. Alédame aquela decisión, a de delegar, a de facer entre todas, sen protagonismos nin liderados forzados. Fomos quen, afirmo con orgullo, de asumir que ninguén é imprescindible.

Coincide esta vizosa sexta edición da SELIC coa formación ás présas de Sumar e os turra e afrouxas de Podemos. Sumar quere que a única masa nai sexa Díaz, quen pode defender a xestión desde a vicepresidencia sen encarnar as meixelas. Podemos pelexa pola presencia de Montero como masa nai de Podemos, que só pode defenderse e apoiarse, con sorte, ante algunhas das convencidas. 

Sabe que, de dividir as papeletas, o voto espallarase, restando representación e poder. E que na suma, Irene Montero resta. E divide

No seu día, Podemos namorou porque era novo. Diferente. Democrático. Bastante horizontal, máis aritmético ca xeométrico. Non había liortas de postos nas listas nin líderes únicos e indiscutibles. Ou iso pensamos daquela. Hoxe, aquel grupo de iguais co que nos identificamos esixe “madureza democrática”, rifa por un quítame alá ese posto de saída, amosa as tensións de poder sen vergoña nin pudor, non entende a diversidade cultural e territorial do Estado Español. Reproduce sen se decatar moitos dos comportamentos da “caste” que atopaba inaceptables. Na miña opinión, a formación política está, como tantas reclusas, institucionalizada. Afastada das prazas e rúas do 15M, xogando á súa supervivencia como organización no canto de achegar esperanza e ideoloxía a unha cidadanía cada vez máis desencantada e que vota, ou deixa de facelo, máis coas tripas que coa cabeza. 

Se cadra, cando escolleu o nome do seu novo partido Díaz pensaba niso que lle aprenderon á miña avoa nos curtos tres meses nos que puido asistir á escola, que chamaban “as catro regras”: sumar, restar, multiplicar e dividir. Crea unha fronte na que aspira a sumar os apoios que lle poden quedar a Podemos cos procedentes de EU e os grupos territoriais coma os Comúns ou Compromis, agardando que iso se traduza nunha multiplicación na representatividade parlamentaria grazas a lei D´Hont. E tamén sabe que, de dividir as papeletas, o voto espallarase, restando representación e poder. E que na suma, Irene Montero resta. E divide.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.