Hoxe é o día despois, ese día inzado de odiosos “xa o dixen eu”. Odiosos e mesmo pouco elegantes. Pero se hai algún día bo para non ser elegante é hoxe, así que aló vou e lembrade que falar non é sacar o sable.
Pois efectivamente o día da pseudoasemblea / mitin do 15 de maio só houbo un acto que asemellara aquelo á unha asemblea, foi pola tarde e tiven a honra de ser un dos primeiros en falar. Dixen exactamente que de non facer as cousas ben perderíanse moitos votos, que de ocorrer isto quen o pagaría serían Podemos, Anova, IU, a Marea Atlántica, Compostela Aberta… que romperíamos unha tendencia á alza e que ía ser grave.
Facer as cousas ben era convocar primarias e garantir a posibilidade dun grupo propio (isto é, empregar un instrumento que se da en chamar partido instrumental, valga a redundancia).
Semella que ninguén escoitou nada do que alí se falou. Supoño pensarían que eran paxaradas dos raros de sempre, manobras de subgrupos, etc. De ter escoitado poderían ter entendido dúas cousas: que a democracia importa (primarias) e que o galeguismo (por chamalo dalgún xeito), tamén (grupo propio/partido instrumental). Fallar á primeira é comprensible, persistir no erro, inaceptable.
Practicar a democracia é importante, máis que nada porque hai inxenuos que cremos nela e non é coherente aludila constantemente e non exercela. Tamén ten importancia porque aproxima a existencia de candidat*s con máis consenso e, polo tanto, mellores. Entender que Galicia é un lugar singular respecto ao resto do Estado é básico tratar de pescar votos nun caladoiro de augas definitivamente distintas, non mellores, non peores, simplemente, outras. Quizais aos xacobinos, que pensaban que se chegaban eles sos para igualar e derrotar á dereita, isto lles desagrade. Está ben, non pasa nada sempre e cando sexamos suficientemente intelixentes para rectificar. Aprender, evolucionar. Arrasar as identidades múltiples do estado xa foi intentando no franquismo e nin daquela se conseguiu.
Había máis sinais o 15M. Pola mañá había unhas 1000 persoas, pola tarde, menos da metade: desafección. Por moitas razóns, unha delas é que houbo deputad*s elect*s (non tod*s) que non se dignaron a estar alí. Eles que eran as nosas mans, os nosos ollos, a nosa cara, e a nosa voz, parece que tiñan mellores cousas que facer que aguantar un pesado acto cos seus electores máis entregados nunha fermosa tarde de primavera.
Obviamente hai ducias de outros factores e detalles que poden contribuír a explicar as cousas, dende unha campaña na que se tratou de combater dragóns a base de sorrisos, a pouca confianza que producen minorías pintorescas, ou a lexítima pero pouco oportuna apertura procesos críticos paralelos … en fin, con tranquilidade e discretamente deberase reflexionar.
Fagamos as cousas ben e logo se hai que perder, pérdese. Pero ollo que logo da baixamar ven a preamar.