As dereitas españolas marcan territorio

Fai uns días as dereitas económicas españolas ao través dos seus mais cualificados representantes (grandes bancos e multinacionais) quixeron marcarlle o territorio ao goberno español ao tempo que deixar moi clareiro, por si algúns tiñan dúbidas, ata onde chegan a súa solidariedade e o seu concepto de país nestes momentos tan difíciles para a maioría social por mor da crise recesiva provocada polo coronavirus.

Estes cualificados representantes, ademais de faceren fincapé nalgunhas particularidades dos seus respectivos sectores, coincidiron en considerar como moi importante que, por caso, o goberno español nin suba os impostos nin toque a reforma laboral. 

Cara a valorar a xusteza destas demandas analicemos algunhas das características mais relevantes tanto do sistema fiscal como do laboral. No primeiro caso, e como demostran os estudios dos expertos mais cualificados (GESTHA) sinalemos que España ten unha presión fiscal (32,5% do PIB) das mais baixas do noso entorno (Eurozona: 41,5%, UE: 39,4%). Un dato que tira por terra calquera argumento do estilo de que "en España pagamos moitos impostos". Para mais xudiada digamos que esta baixa presión fiscal ven derivada de dous factores que as dereitas españolas coñecen perfectamente. Dunha moi elevada fraude fiscal e dun tratamento discriminatorio ás rendas de capital con relación as rendas de traballo. 

En relación a fraude fiscal, que lle supón as arcas españolas deixar de recadar anualmente ao redor de 85.000 millóns de euros equivalentes ao 7% do PIB, non esta de mais subliñar que nun 85% aproximadamente procede das rendas de capital e mais concretamente das sociedades englobadas no IBEX. Sociedades todas elas que contan con sucursais en paraísos fiscais non por razóns de facer turismo senón de evasión fiscal. Practicamente tódolos dirixentes que se manifestaron eses días se poden incluír nos apartados anteriores.

Por si isto non fora suficiente en España hai un trato fiscal claramente diferenciado e indiscutiblemente inxusto entre as diferentes rendas. Así por caso, o Imposto de sociedades que si ten un tipo xeral fixado no 25% da renda, o pago real está moi, pero moi por baixo desa porcentaxe, dándose o escandaloso caso de que practicamente ningunha das sociedades do IBEX 35 tributa o que lle correspondería polos seus beneficios anuais, non chegando ao 7% o tipo medio efectivo, habendo incluso moitas sociedades que nin cotizan (0%) a pesares dos millonarios beneficios que obteñen. Por algo non queren que se toque o actual sistema si con el aforran mais de 9.500 millóns de euros anualmente!.

A pesar diso non deixa de ser esta unha actitude, ademais de cínica, insolidaria moito mais en momentos como os actuais onde unha pandemia está colocando a moitas familias e moitos pequenos negocios privados (autónomos, pemes, comercio polo miúdo) nunha situación límite. Unha situación que demanda dunha moi forte axuda pública para a cal o goberno precisa de contar con recursos suficientes. Recursos que deberían vir dun sistema fiscal mais xusto. Pensemos que equipar o sistema fiscal español a media da eurozona suporía, por caso, incrementar anualmente os ingresos fiscais en mais de 100.000 millóns de euros. Hai ou non recursos para atendelas necesidades creadas pola pandemia?.

En relación as características do mercado laboral español resulta oportuno analizar que pasou dende que se adoptaron as últimas reformas laborais de marcado carácter neoliberal -xa que os auténticos obxectivos das mesmas eran tanto abaratar o despido, como flexibilizar as relacións laborais e dificultar a negociación colectiva coa xustificación de que así se favorecería a creación de emprego-. A primeira vista todos diríamos que as reformas laborais foron un éxito: 2 millóns mais de empregos e o mesmo número de desempregos menos. Mais, si entramos no detalle atopámonos ademais con que : 1. O número efectivo de horas traballadas é moito menor -segundo o INE o redor de 8 millóns de horas menos anualmente- 2. Houbo unha importante caída do salario medio real -4,4% que si lle sumamos as ganancias en produtividade ascende ao 9,2%-. 

Que pasou, que efectos colaterais produciu entón a reforma laboral?. 1. Que o emprego se precarizou hasta niveis descoñecidos con cambios de empregos fixos e ben remunerados por empregos temporais`-27% que duplica a media na UE- e precarios -40% dos traballadores españois teñen un contrato precario-, 2. Que se disparou a lenda salarial -por caso o salario medio das mulleres é un 25% inferior ao dos homes- e 3. Que medrou o número de traballadores pobres -13% fronte ao 9,5% de media na UE- aconchegándose a producir multitude de casos nos que ter un traballo non garanta escapar da pobreza. 

Esta era a situación antes de que se agravara aínda mais por mor da pandemia. Este é o territorio que as dereitas españolas veñen de marcar. Xulguen vostedes mesmos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.