As eleccións do 26-X e a externalización da democracia

Hai varios anos un grupo de ex-altos cargos da Xunta de Galicia e de Caixanova crearon o fondo de capital risco Netaccede, ao que pertence a empresa "Consultores e Asesores Net Global", que xestionou, xunto con Indra, a asistencia técnica da Xunta nas dúas últimas eleccións autonómicas.

Posteriormente, Núñez Feijóo cedeu a ese mesmo fondo privado, Netaccede, o control das contrataciones públicas, a través da plataforma electrónica Vortal, participada por Telefónica e Indra. Desta forma as empresas máis beneficiadas pola privatización sanitaria da Xunta (“call center”, teleasistencia, receita electrónica e historia clínica electrónica), tamén son “arte e parte” nas licitaciones dos servizos públicos.

Recentemente, o goberno de Rajoy adxudicou a Indra -”in extremis”, despois de presentar unha oferta á baixa do 40% sobre o importe orixinal-, o concurso para o reconto de votos das eleccións do 26-X, malia os conflitos de interese existentes, xa que a privatización dos servizos públicos que xestiona esta empresa, así como os seus beneficios empresariais, poden variar significativamente de gañar unha ou outra opción política.

Indra está presidida por Fernando Abril Martorell, a persoa que liderou a privatización de Telefónica e que posteriormente converteuse no seu conselleiro delegado. Ademais, Indra non é precisamente unha empresa modélica no seu “modus operandi”, xa que está imputada na operación Púnica.

É urxente subtraer de mans privadas o control das eleccións galegas -que están á volta da esquina- e das seguintes convocatorias electorais, evitando especialmente as empresas implicadas en casos de corrupción, vinculadas a algún dos partidos en liza ou as que se beneficiaron das privatizaciones dos servizos públicos, para evitar dúbidas e suspicacias con respecto á nosa democracia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.