As eleccións do cambio

As eleccións do 20 de decembro serán as eleccións do cambio. Goberne quen goberne. A necesidade do cambio, da primeira gran reformulación de España dende a Transición, instaurouse como marco dominante no que se moven todas ou case todas as forzas políticas. Mesmo para o PSOE ou para un Ciudadanos que ofrece máis renovación de nomes que de ideas.

A necesidade do cambio, da primeira gran reformulación de España dende a Transición, instaurouse como marco dominante no que se moven todas ou case todas as forzas políticas

Este é o maior éxito do 15M e das distintas mareas sociais que pisaron as rúas nos últimos catro anos. E de Podemos, que ten na existencia deste marco dominante unha das súas principais fortalezas, que lle permiten seguir confiando nunha remontada ao longo da campaña electoral. Podemos -e as forzas que en Galicia compoñen EnMarea- acertaron no diagnóstico: identificaron as causas da desconexión entre o país real e o país definido polas institucións políticas, económicas e mediáticas, atribuíron responsabilidades obxectivas e sinalaron uns determinados antagonistas. Identificaron, ademais, sectores da poboación moi amplos que compartían previamente uns intereses, pero que estaban faltos de organización, e dotaron as súas reclamacións dun senso e dun recoñecemento colectivo. Souberon aliñar distintos marcos sectoriais, converxendo nunha necesidade de cambio, admitida como unha necesidade colectiva, de senso común, que acabou por desbordar unhas fronteiras políticas previas moi ríxidas.

Podemos e as Mareas souberon aliñar distintos marcos sectoriais, converxendo nunha necesidade de cambio, admitida como unha necesidade colectiva, de senso común, que acabou por desbordar unhas fronteiras políticas previas moi ríxidas

A pesar dos moitos erros cometidos, da súa debilidade no acceso ao voto dos maiores de 50 anos, e de que a aparición de Ciudadanos lle restou unha gran masa de apoios no centro político, Podemos e as confluencias nas que participa manteñen a capacidade de aglutinar o voto dos sectores e colectivos que foron deixados á marxe polas políticas do bipartidismo.

Ninguén recibe un premio por abrir a espita, as oportunidades créanse para todos. Ciudadanos aproveitou a fenda aberta por Podemos e construíu un discurso de rexeneración e de cambio tranquilo. Lampedusiano, si, pero que engancha cun sentimento maioritario, sobre todo entre os menores de 50 anos, de que é necesario un cambio profundo nas estruturas políticas e en certas dinámicas sociais neste país. O éxito do partido laranxa, inflado ou non, acabou por fragmentar o espazo político do centro-dereita, recollendo importantes masas de ex-votantes de PP, PSOE e UpyD, que buscan máis un cambio de formas que un cambio de bases.

O PSOE ten un problema. Agora mesmo, como se puido comprobar no debate de El País, é un partido acosado e co seu espazo electoral asediado a un lado e a outro

O PSOE ten un problema. Agora mesmo, como se puido comprobar no debate de El País, é un partido acosado e co seu espazo electoral asediado a un lado e a outro. A súa laxitude ideolóxica e a práctica amosada no Goberno -sobre todo entre 2010 e 2011- fan que lle resulte moi difícil competir  con Ciudadanos, que presenta unha versión máis fresca e rexeneradora do programa social-liberal dun PSOE que, ao tempo, perde votos pola súa esquerda ante Podemos, que mesmo apela aos votantes socialistas de toda a vida. A debilidade do seu candidato e a perda da condición de único voto útil anti-PP en moitas provincias só se compensa pola amplitude da súa base militante e a súa grande implantación territorial.

O PP escapa un chisco á velocidade na que se moven as campañas dos seus rivais e aos discursos do cambio. O seu xogo é defensivo, asentado no seu esmagador dominio entre os e as votantes de máis de 60 anos, no perfil baixo, e nas apelacións á moderación e á experiencia, á continuidade. Busca que a campaña se xogue nun marco económico e de xestión, relegando outros marcos posibles, coma o da rexeneración e a corrupción, nos que ten as de perder. O crecemento de Ciudadanos, que comezou xogando ao seu favor, pode acabar pasándolle factura electoralmente, pero de igual xeito pode ser o mellor seguro para a continuidade das mesmas políticas e as mesmas elites.

O resultado do 20D é aínda moi incerto. A vitoria do PP semella probable, mesmo perdendo 70 ou 80 deputados, pero o segundo posto non o está tanto, debido á fortísima volatilidade do voto. De igual xeito, a propia fragmentación electoral facilita que os resultados poidan cambiar moito en cada provincia con pequenas modificacións nos niveis de apoio.

O 21D abriremos tamén a longa campaña para os comicios ao Parlamento galego do vindeiro ano, unha cita que en parte estará influída polos resultados das xerais

O 20D hai eleccións. E o 21D abriremos tamén a longa campaña para os comicios ao Parlamento galego do vindeiro ano, unha cita que en parte estará influída polos resultados das xerais. A perda de 4 ou 5 deputados polo PP nas provincias galegas tería un grande impacto, o mesmo que unha forte irrupción de EnMarea.

É preciso un aliñamento de marcos e de demandas, a unión de colectivos hoxe dispersos pero cunha demanda de cambio. Ao igual que sucedeu en Compostela, na Coruña e en Ferrol, é precisa a articulación dese desexo na base social, de xeito que Galicia cambie mesmo antes das eleccións, mesmo antes de facer efectivo ese cambio a través do seu voto.

A tarefa debe ser propoñer un novo proxecto de país para as vindeiras décadas. Un proxecto que sexa, ademais, un pacto entre xeracións

Neste senso, a tarefa debe ser propoñer un novo proxecto de país para as vindeiras décadas. Un proxecto que sexa, ademais, un pacto entre xeracións: entre as persoas que construíron o Estado de Benestar nas últimas décadas e que agora o ven en perigo, e os mozos e mozas que ven derrotadas as súas oportunidades mesmo antes de poder aproveitalas e demostrar a súa valía.

Ao igual que sucedeu en Compostela, na Coruña e en Ferrol, é precisa a articulación dese desexo na base social, de xeito que Galicia cambie mesmo antes das eleccións, mesmo antes de facer efectivo ese cambio a través do seu voto

A xente que tomou as rúas en maio de 2011, os que se manifestaron pola sanidade e a educación pública, os que marcharon contra a reforma laboral ou contra os prezos baixos do leite, os preferentistas que denunciaron a súa situación, os e as traballadoras precarias, os e as traballadoras que viron recortado o seu poder adquisitivo durante a crise, os defensores do benestar animal, a xente da Fracha, a xente de Elviña ou de Coia, as persoas que foron quen de paralizar desaloxos ou as mulleres que botaron abaixo a reforma do aborto. Todas elas e eles eran xente normal facendo cousas extraordinarias. E eles e elas deben ser as protagonistas do cambio e a súa base social.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.