As eleccións do cansazo

Cando isto escribo levan caído moreas de análises electorais; tratándose das europeas, non semellan terse interesado no episodio de “devalo” da forzas hexemónicas  ao albiscaren de inmediato, diría mesmo con urxencia, horizontes inéditos que cada quen levou ao seu muíño. Hei dicir que se ten insistido moito no que resulta irrecoñecíbel logo de estourar a crise no 2008, mas pouco das moitas cousas que seguen aí inmóbeis após a europeas. Innúmeras as traxedias individuais. Precarización a esgalla. Perdas e desafiuzamentos. Estafas. Porén, o sistema resistiu, sobre todo en base á economía mergullada como revolta da cidadanía contra a corrupción e á estrutura familiar. A desconfianza puxo a banca baixo o ollo crítico do cidadán outrora temerario.

O que fica de todo aquilo que máis apouquenta as clases medias, o devalo dos sistemas públicos após a navalla neoliberal. Os partidos que as representan desmanchan en Francia e no Reino Unido. O PP sofre un enorme declinio que non mereceu recoñecemento por mor da dispersión do voto e o colapso socialista. Por outras palabras, a xente semella ter atribuído ao  “sistema” (que non é máis do que a acción política inserida no campo que atinxe do centro dereita até a socialdemocracia) os seus abatementos e coitas. O anunciado devalo da socialdemocracia quizais non deixe ver o campo de batalla.  Estase a debullar unha nova paisaxe ou trátase de espellismos, quizais dun efecto de paralaxe (Zizek)? Cousa non menor xa que compromete a ollada. Os mozos de final dos oitenta coñecemos de primeira man os efectos, non menos salvaxes, da reconversión industrial. Viñeron en forma de desemprego, emigración e cabalo. Tamén vimos o ascenso de Ruíz Mateos  e os seus dous eurodeputados. Reacción en clave europea? Vaites

Os politólogos patentados son unánimes como unánime é a dereita indisimulada e cínica: castigo aos dous grandes partidos que gobernan, sorte inesperada a ascensión do partido estatal anticapitalista Podemos; unha oportunidade, afirman; unha brincadeira do destino que veña esfolar o PSOE un homónimo  do seu fundador ferrolá; as extrapolacións sumatorias que lle tirarían a maioría da Xunta ao PP é unha boa nova; hai quen ve niso un devalo do bipartidismo; e, mais unha vez, síntoma revelador, os comentarios dos pitonisos que mal disimulan o pracer que lles produce ver ao BNG sen paraquedas seica por defender unha estratexia non unitaria que favorece á dereita no poder. O país está mesmo afeito a transferir culpas a partes desiguais. A argumentación, que xa hai quen aceita como destino, é mesmo simples: como o BNG non foi quen de xunguir a esquerda antiliberal arredor dun proxecto emprazado no país, ao negarse a asumir os poderes posíbeis (do espazo de decisión galego ao alterespazo decisivo español) só fica como albacea da xaculatoria nacional-galeguista.

Last but not least, XMB viu con bos ollos unha federación de forzas dispersas fóra do BNG  e dentro dun contentor onde procurar outra plenitude libre do aparato e do balor dos 70. O tempo xusto para redactar o propio cahiers de doléances; só unha etapa que permitiría deixar a pureza e enlamarse canda as vítimas do capitalismo neoliberal, de abaixo acima, nas vilas, rueiros e aldeas, de brazo dado das asociacións e dos veciños. Disque o mainstream fixo que  boa parte da táctica  entrara en colisión coa doutrina de baixo para cima (bottom-up) e que a querela sectaria achara  asín nova vida perante a insoportábel obriga a afirmarse entre os dous espazos e a urxencia electoral. Mais unha cousa é procurar unha nova intelixibilidade que non sexa a da esquerda utópica do vello marxismo anticolonial e outra deixar á intemperie o que era o único proxecto nidio e confesábel que se contribuíu a formular para o país. Fóra del, dispersión e estado liberal. Respostas de difícil articulación que non configuran modelo ningún. Aquén, hai dados que o din todo  para mostrarnos un conflito de poder no que as forzas emprazadas non teñen nen o apoio dun poder económico e financeiro forte: os seus azos dependen do voto.

Se callar, o que ignora a esquerda galega na práctica é que os galegos acubillan coma o resto de europeos na inxenua concepción do capitalismo neoliberal democrático, mais lonxe de estaren cegos sobre a realidade da UE que saben, está a traizoar o verdadeiro cerne da Europa secular, dos seus problemas e disparidades,  manteñen recalcado tamén no seu imaxinario colectivo que os seus problemas, ao cabo, son problemas de rico fronte ao acontecido na Ucraína e aos africanos desembarcando polo Mediterráneo adiante. Renúnciase así ao legado europeo de procurar unha transformación social radical e radicada en cada espazo de poder.

A tensión antagónica dos diferentes puntos de vista – v. gr, entre o soberanismo e o estado- é achatado na pluralidade indiferenciada de puntos de vista. A hibridación desigual e non consumada erosiona a sua vantaxe subversiva no intre que se insire no espazo de permisividade estatal globalizada. O cansazo da cidadanía galega verbo das estruturas institucionalizadas dos partidos e o desprestixio das institucións europeas  derivou nunha transferencia de culpas da que só se salvou quen acababa de chegar con retórica sublime dende Puerta del Sol, Km.0 do espazo de decisión galego. Canto durará? Futuro invisíbel: a falta de alternativa europea e española obtura a visibilización de calquera reterritorialización dunha alternativa de esquerdas, o que é especialmente perigoso agora que unha renovada onda populista antiemigrante, e fascista, recolle os votos do malestar das camadas populares logo do espellismo de seren a clase media (autopercibida como ideoloxicamente indiferente e máxima expresión da complicidade coa ideoloxía dominante).

A inconsistencia ten o seu premio cando predomina a aparencia en que a xerarquía real e a asimetría Galiza/Estado son disimuladas pola reciprocidade dos anacos  no que a asimetría de clase se reequilibra por simetría de “metades” (café para todos). Entre a igualdade formal-legal sustentada polas institucións do Estado e as distincións de clase impostas polo sistema económico,  o territorio fica elidido e obturado, mas simbolicamente entrefebrado no mapa pola grella de autoestradas ou o camiño de ferro. Con todo, é no territorio e non no km.0 onde, ao cabo,  a estratexia do pracer subversivo (Hakim Bey) acha os efectos da fatiga, os efectos devastadores do neoliberalismo e do capitalismo.  

Onde é que a derrota está escrita? É ben coñecido o conto do pastor que gostaba berrar que vén o lobo para procurar axuda dos veciños que acudían a cada chamado. Cansos de tanta leria, a boa vontade non abondou o día que realmente veu o lobo e papou o pastor. Vén de lonxe mas acho que entre todos esteamos a arranxar un escenario para a desfeita se o non-negociábel é a España que está a xurdir do corpo decadente da Europa anamórfica que está a traizoar o seu legado emancipatorio. Byung-Chul-Han, na Sociedade da transparencia, lémbranos -continuando o pensamento de Simmel- que a evidencia non admite sedución ningunha. A transparencia resta sedución e fantasía porque se recrea no imperativo categórico.  A hiperclareza pasa por riba da realidade, paralisa o xogo estratéxico que é a astucia do poder. A evidencia semella ser o sino da esquerda nacionalista, nunca atopando un lugar apropiado no seu propio país cando, madía leva, tamén debería ser España - e a propia Europa -  a que debería aprender a incorporar o soño e espírito do Sempre en Galiza que non é outro que o do europeísmo emancipador.  A forma tamén envolve unha dinámica propia que deixa pegadas na materialidade da vida social, o que é  totalmente válido ao falarmos de Galiza. Por tanto, sería mesmo acaido cuestionarmos se a España de hoxe é digna das  aspiracións de xustiza social da esquerda de noso mentres -como ben mostra o caso Ucraína-  Europa non é quen de recuperar o cerne emancipatorio do seu legado. 

Entón, aquí deito a miña hipótese final: como é que o edificio ideolóxico da esquerda debería lidar cos antagonismos sociais no territorio? Multiplicando os espazos concretos para que acaben xerando algunha experiencia política significativa. O que Bey chama TAZ, Zona autónoma temporal ou espazos de contrapoder activo, capaces de xerar positividade, aquí e agora. A hibridación (federal?), da cal non é posíbel hogano facerse unha imaxe,  non derivaría do contedor institucional mas  da acción territorial e das pequenas mudanzas - nas “marxes” e non nas cousas mesmas, en palabras de Agamben-. Na creación e recreación de espazos concretos de contrapoder e de mediación (a confianza xérase no intersticio entre saber e non saber e produce espazos libres de acción) que acumulen capital político sen deixarse seducir polas migracións electorais. Non por acumulación de individuos illados adheridos a unha ”marca” sen pregnancia, mas por acción común (Eu, o nós, e nós, que é eu, di Hegel). Porque cando só se ten o voto por capital dispoñíbel, precísanse moitos. Non habería que ir ao km.0 para atopar a fórmula, só  habería que procuralo na modesta linaxe de noso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.