As eleccións europeas: sen grandes cambios no horizonte

CC-BY-SA Praza Pública

Unha das moitas preguntas que se poden facer sobre o resultado nas eleccións ao Parlamento Europeo que veñen de celebrarse é a de si a nova composición de aquel vai ter algunha incidencia sobre a traxectoria que, por caso, en materias tan relevantes como a política fiscal, monetaria e exterior veu percorrendo a Unión Europea nestas últimas décadas. Unha traxectoria que desembocaría nunha policrise (ambiental, económica, financeira, social, política e democrática).

O grande ascenso das extremas dereitas e a consolidación das dereitas tradicionais deixan poucas dúbidas sobre o futuro inmediato aínda no caso de que se conforme a grande alianza (conservadores, socialdemócratas, liberais e verdes). Por outra parte é ben sabido que as grandes decisións dependen de institucións europeas (Banco Central Europea, Comisión Europea, Consello Europeo) que escapan ao control do Parlamento europeo e que xa, incluso antes destas eleccións, deixaran claro o camiño seguir. 

Así en materia fiscal se aprobaron unhas novas regras fiscais que, ao igual que as anteriores, manteñen o dogma da austeridade fiscal e o control salarial polo que volveran a seren un fracaso. En relación a política monetaria, que depende do BCE, coa xustificación da loita contra a inflación se mantén a ortodoxia monetaria de tipos de xuro elevados que castigan a demanda interna (frean o consumo e os investimento privados) pero que lle permiten aos grandes bancos e as grande fortunas obter enormes ganancias. Volvendo a política fiscal a aposta militarista da Unión Europea vaise traducir, xa o está facendo, nun maior gasto público en armamento que será compensado con axustes fiscais (recortes) tanto en materia de emprego e benestar social como de medio ambiente.

En definitiva manterase o rumbo actual pero mais inclinado a dereita, si isto é posible. Como sinala o meu amigo Juan Torres, asistiremos a unha dobre guerra: contra Rusia e contra os pobos de Europa. Unha guerra contra os pobos por que a situación social a nivel europeo seguirá deteriorándose agora cunha maior presencia e protagonismo da extrema dereita o que vai supor unha maior ameaza para a convivencia. Unha dobre guerra que se ve favorecida pola grande debilidade das forzas de esquerdas. 

Volvendo ao sinalado ó principio a Unión Europea seguira camiñando nun escenario de policrise pero agora cun protagonismo aínda maior das dereitas extremas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.