As guerras de Trump

A súbita proposta de Donald Trump de aumentar a US$ 54.000 millóns o orzamento de Defensa de EUA, un 9% do PIB e o maior aumento do gasto militar estadounidense nunha década, dispara as especulacións sobre unha reordenación do equilibrio militar mundial trazado por Washington, con incertas expectativas principalmente cara a Rusia tralo “Flynn-gate”, a designación do “falcón” Herbert McMaster como novo asesor de Defensa, e as repercusións que estes cambios terán na tensa relación con China. A falta de aprobarse vía Congreso, a proposta de Trump coincide coa revitalización da crise nuclear con Corea do Norte e as súas expectativas cara a Irán, a neutralización do conflito sirio e as incertezas sobre como será a “nova OTAN” con Trump na Casa Branca. 

Con este contexto, Trump segue marcando unha pauta repleta de expectativas. Durante a súa primeira comparecencia ante o Congreso estadounidense o pasado 28 de febreiro, Trump propuxo un aumento do 9% do PIB no gasto de seguridade e defensa para o novo ano fiscal, valorado en US$ 54.000 millóns. Neste discurso, Trump non reparou en ambigüidades á hora de xustificar este inesperado aumento do gasto militar. Considerándoo como “histórico”, o presidente estadounidense lanzou outra das súas lacónicas frases: “necesitamos gañar guerras de novo”.

Así, Trump volve desconcertar á opinión pública. A movida na Casa Branca causada pola polémica dimisión do ex asesor de seguridade nacional, Michael Flynn, polo escándalo de presunto espionaxe ruso, e a súa substitución polo “falcón” do Pentágono, o tenente coronel Herbert McMaster, parece tenuemente explicar este súbito cambio de prioridades. Un cambio que trastornará o equilibrio militar e xeopolítico global principalmente cando se esperaba que Trump impulsase unha política exterior aparentemente menos intervencionista. 

O aumento do gasto militar é directamente proporcional á redución de axuda que Washington fornece a terceiros países, o cal anuncia unha tensa discusión na Cámara de Representantes entre republicanos e demócratas á hora de debater e eventualmente aprobar esta proposta de Trump. 

Con maioría republicana no Congreso e o Senado, as cartas poderían favorecer os plans de Trump. No entanto, a súa agria relación cos medios de comunicación (particularmente The New York Times) e mesmo o distanciamento que tomaron cara a el algúns “baróns” republicanos, destacando o ex presidente George W. Bush, poderían levemente influír no rexeitamento a esta proposta.

 

A outra guerra de Corea?

Neste marco de expectativas, o contexto xeopolítico global está amosando outros factores a tomar en conta. A revitalización do pulso nuclear por parte de Corea do Norte e Irán, con recentes probas misilísticas, podería xustificar este aumento a ollos do Pentágono. E aquí poderían claramente xogar as súas cartas o propio McMaster, veterano militar nas contendas de Afganistán e Iraq.

Do mesmo xeito, a recente vira por Europa e Asia do vicepresidente Mike Pence e do secretario de Defensa James Mattis, revelan os intereses que a administración Trump poderían estar manexando para aumentar este gasto militar. Durante o Cumio de Seguridade de Múnic en febreiro pasado, Pence e Mattis reforzaron o compromiso de Washington coa OTAN pero instando aos seus aliados europeos a aumentar o seu gasto en defensa, un 2% tralo acordado no cumio da OTAN de 2014, coincidindo coa crise de Ucraína e a anexión rusa de Crimea.

A eventual configuración dunha “neo-OTAN” amplíase cara ao que se presume será un claro obxectivo estratéxico para Trump: a península coreana e o sur de Asia. Tras visitar Múnic e Bruxelas, Mattis dirixiuse a Xapón e Corea do Sur no medio da tensión nuclear norcoreana e do escándalo suscitado polo asasinato en Malaisia de Kim Jong-nam, medio irmán do líder norcoreano Kim Jong-un. 

O contexto en torno á crise coreana tradúcese como un efecto disuasivo para Washington e Beijing, factor que pode alterar o equilibrio estratéxico en Asia Oriental. Pyongyang non semella estar disposto a ceder ante as presións exteriores sobre o seu programa nuclear, a súa principal baza de poder estratéxico. Toda vez as súas probas misilísticas e o misterio en torno ao asasinato de Kim Jong-nam sitúan subitamente a Pyongyang no epicentro da atención estratéxica para Washington e Beijing, converténdose nunha crise irreversible.

Por tanto, a xira de Mattis por Tokio e Seúl certifica o interese de Washington por reforzar as súas alianzas na península coreana ante a ameaza nuclear de Pyongyang. Pero a mesma ten outros intereses, mais relativos a constituír un marco de contención cara a China no apartado dos seus litixios marítimos con Xapón e Corea do Sur, así como cara Rusia, particularmente pola súa alianza estratéxica con Beijing. 

En febreiro pasado, o Pentágono e a Mariña de EUA lanzaron un novo documento estratéxico titulado “Restaurando o poder naval de EUA”. No mesmo trázase unha nova arquitectura estratéxica de seguridade que coloca a Asia-Pacífico como o foco de maior atención. Na mesma xustificaríase esta nova estratexia naval ao establecer que “grandes potencias competidoras como China e Rusia aumentaron as súas capacidades militares nas dúas últimas décadas, co que parecen decididas a desafiar a orde internacional”.

Neste sentido, a disuasión estadounidense vía Tokio e Seúl pode reforzar as expectativas do goberno nacionalista de Shinzo Abe por aumentar igualmente o gasto de defensa xaponés, un aspecto traumático para Beijing. Por tanto, é posible observar unha eventual carreira de armamentos en Asia-Pacífico, que desprace o ata agora centro xeopolítico gravitacional establecido polo eixe atlantista vía OTAN, especificamente cara Rusia.

 

Pantasmas balcánicos

Con todo, Washington está igualmente atento a outros escenarios estratéxicos. A falta de definir o novo equilibrio dentro da OTAN, as aínda incertas expectativas sobre como será a relación da administración Trump con Moscova pode ter outros escenarios candentes neste contexto “post-Flynn”.

Neste sentido, Europa Oriental e o Leste de Ucraína asúmense como os escenarios máis tensos na relación atlantista con Rusia. Non obstante, os Balcáns poden subitamente aparecer agora como outro centro gravitacional que pulsará a realpolitik a seguir entre Washington e Moscova. 

O eventual ingreso de Montenegro na OTAN, a falta de ser aprobado por Washington1, está persuadindo a Moscova a retomar o seu interese estratéxico nos Balcáns, máis aló da súa histórica relación con Serbia, o seu principal aliado rexional.

Por tanto, bloquear o acceso de Montenegro á OTAN supoñería un triunfo estratéxico para o presidente ruso Vladimir Putin, xa que crearía un muro de contención nunha rexión estratéxica, tomando en conta a presenza da OTAN en Kosovo e Bosnia-Herzegovina e o recente ingreso de Croacia, Eslovenia e Albania á Alianza Atlántica. Todo iso sen menoscabar que Grecia e Turquía tamén forman parte da OTAN pero que, no caso turco, está redefinindo os seus prioridades xeopolíticas cara a un eixe euroasiático con Rusia e China.

Montenegro parece así constituírse nun inesperado escenario de interese para o Kremlin. Tralas eleccións presidenciais de outubro pasado, o novo goberno montenegrino de Milo Dukanovic acusou a Moscova de presuntamente financiar partidos políticos e medios de comunicación afíns, así como unha presunta campaña de intimidación política na súa contra que ata levou a un presunto intento de asasinato2.

Informacións de diversas fontes especulan con que Moscova está apuntando ao porto mediterráneo montenegrino de Bar como novo centro de operacións para a Mariña rusa, fortalecida trala recuperación de Crimea no Mar Negro e do reforzamento do réxime de Bashar al Asad en Siria, que permite ao Kremlin manter con total operatividade a súa base naval na localidade mediterránea siria de Tartus.

O discurso armamentista de Trump coincide igualmente cos recentes cambios presentados no labiríntico conflito sirio e iraquí, escenarios onde Washington e Moscova están obtendo tácticos triunfos xeopolíticos contra o Estado Islámico. A recuperación do control da localidade siria de Palmira por parte de milicias do réxime de Al Asad coincide coa caída de Mosul a favor do Exército iraquí, sucesos ambos que reforzan os respectivos intereses rusos e estadounidenses. 

Neste abano de especulacións e de expectativas, o anuncio de Trump de aumentar o gasto militar estadounidense traduce os trazos dun novo equilibrio militar e xeopolítico a nivel global con dúas variables en mente: China e Rusia. Por tanto, está por ver cal será a incidencia global do inesperado anuncio de Trump de aumentar o gasto militar e de “gañar novas guerras”.

 

NOTAS

1- O senador republicano e ex candidato presidencial John McCain asegurou recentemente en medios estadounidenses que o Senado baixo control republicano aprobará o ingreso de Montenegro como 29º membro da OTAN. http://www.globalresearch.ca/geopolitics-of-the-balkans-natos-strange-addition-of-montenegro/5577429

2- Estas acusacións de presunto complot ruso contra o goberno de Dukanovic foron vertidas polo primeiro ministro montenegrino Dusko Markovic, quen tamén acusou a nacionalistas serbios de presuntamente participar nestas operacións cos rusos. Para maior información: http://www.globalresearch.ca/geopolitics-of-the-balkans-natos-strange-addition-of-montenegro/5577429 e “Guerra híbrida rusa en los Balcanes”, Informe Semanal de Política Exterior, Nº 1.024, 27 de febreiro de 2017, p, 5.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.