As identidades dixitais: historia de Gaspi

Gaspi ©

Vivimos nun tempo no que a identidade se constrúe, en boa parte, diante dunha pantalla. Para moitos adolescentes, o perfil dixital non é un complemento do eu real: é un escenario central, un espazo onde se existe ante os demais, onde se recibe recoñecemento ou rexeitamento, onde se negocia quen se é

Vivimos nun tempo no que a identidade se constrúe, en boa parte, diante dunha pantalla. Para moitos adolescentes, o perfil dixital non é un complemento do eu real: é un escenario central, un espazo onde se existe ante os demais, onde se recibe recoñecemento ou rexeitamento, onde se negocia quen se é. O informe Infancia, adolescencia e benestar dixital (UNICEF, 2025), elaborado con case 100.000 menores, confirma que o 92,5% dos adolescentes está rexistrado en polo menos unha rede social, e o 75,8% en tres ou máis. A dixitalización da identidade adolescente non é un fenómeno marxinal: é estrutural. 

Cada xeración ten as súas celebridades, e cada xeración perde algunhas delas de xeito abrupto. A morte en accidente aéreo converteuse nunha das formas máis recorrentes de mitificación contemporánea. Richie Valens tiña dezasete anos cando o avión que o levaba a casa se estrelou en Iowa en 1959. Stevie Ray Vaughan morreu nun helicóptero en 1990, xusto cando estaba no mellor momento da súa carreira. Aaliyah, a cantante de R&B, nunha avioneta en 2001, con 22 anos. JFK Jr., co seu Piper Saratoga, no Atlántico en 1999. Kobe Bryant, en 2020, nunha mañá de néboa en California. En cada ocasión o mesmo mecanismo: a morte abrupta cristaliza o mito, detén o tempo. Quen morre así queda nunha imaxe detida, sen percorrido que xulgar nin futuro que contar.

O pasado domingo, dous helicópteros chocaron en pleno voo sobre Río de Xaneiro. Entre as seis persoas que morreron atopábase Gaspar Prim Díaz, de 23 anos, coñecido como Gaspi. Era un ídolo deste tempo: un creador de contido dixital con case tres millóns de seguidores que, no momento da súa morte, levaba xa algún tempo tentando recuperar ao Gaspar que quedara agochado detrás de Gaspi

O pasado domingo, dous helicópteros chocaron en pleno voo sobre Río de Xaneiro. Entre as seis persoas que morreron atopábase Gaspar Prim Díaz, de 23 anos, coñecido como Gaspi. Non era un político nin un músico nin un deportista olímpico. Era un ídolo deste tempo: un creador de contido dixital con case tres millóns de seguidores que, no momento da súa morte, levaba xa algún tempo tentando recuperar ao Gaspar que quedara agochado detrás de Gaspi. Esa diferenza é o que fai a súa historia especialmente relevante para pensar as adolescencias actuais.

Gaspi facía entrevistas na rúa en Bos Aires cunha voz grave inconfundible e un micrófono envolto en cinta illante negra, provocando situacións absurdas e incómodas. O seu saúdo —«Buenasss»— converteuse nunha marca que a rapazada recoñecía. Pero o máis significativo da súa historia non é o éxito. É o que el mesmo foi contando sobre o prezo de construílo. Nunha entrevista en 2025 dixo: «Desde os 16 anos ata hoxe, que teño 22, metinlle moita máis cabeza e esforzo mental ao personaxe de Gaspi que a min mesmo». No podcast The Wild Project falou de como a reiteración constante dun comportamento fronte á cámara —sempre os mesmos xestos, o mesmo ton— acabou por diluír o límite entre o personaxe e a persoa. O que comezara como un xogo converteuse nun hábito esgotador. Custáballe lembrar en que momento deixara de distinguir ao creador de contido do rapaz bonachón que un día fora. A ansiedade e a depresión pasaron a formar parte da súa vida cotiá. Co famoso vídeo La vuelta de Gaspi falou abertamente de todo iso, e definiu o proceso como un intento de recuperarse a si mesmo. 

A ansiedade e a depresión pasaron a formar parte da súa vida cotiá. Co famoso vídeo La vuelta de Gaspi falou abertamente de todo iso, e definiu o proceso como un intento de recuperarse a si mesmo

A construción da identidade é, por definición, un dos traballos da adolescencia. Ese traballo fíxose sempre en diálogo cun entorno en fricción: o grupo de iguais que non sempre acepta, a familia que cuestiona, a escola que esixe, o barrio que devolve imaxes que non sempre gustan. Esa fricción, aínda que incómoda, é necesaria, porque obriga a negociar entre quen un quere ser e quen o entorno devolve. 

As redes non eliminan esa fricción —o hate é omnipresente e ás veces devastador— pero favorecen algo que se desenvolve insidiosamente: interpoñer unha personaxe entre o eu e o mundo. A caricatura dun mesmo absorbe os golpes, xestiona a polémica, encaixa a crítica. O eu real queda, en teoría, protexido. 

Pero esa separación é ilusoria: o desgaste traspasa a coiraza, e o personaxe que naceu como máscara acaba convertido en prisión. A primacía do perfil público sobre a experiencia íntima na constitución do eu pode rematar nunha gran fraxilidade, na necesidade aditiva de validación externa, na imposibilidade de asumir as partes falidas dun mesmo.

Gaspi foi dos primeiros en mostrar publicamente o que ocorre cando esa dinámica se leva ao extremo. E foi tamén dos primeiros en ter a valentía de dicir, con 22 anos e diante de millóns de persoas, que se perdera a si mesmo e necesitaba recuperarse

Gaspi foi dos primeiros en mostrar publicamente o que ocorre cando esa dinámica se leva ao extremo. E foi tamén dos primeiros en ter a valentía de dicir, con 22 anos e diante de millóns de persoas, que se perdera a si mesmo e necesitaba recuperarse.

O duelo que recorreu as redes tralo seu falecemento tiña unha textura particular: non era só tristeza por un creador de contido morto demasiado novo. Era o recoñecemento de alguén que nomeara algo que moitos sentían e para o que non tiñan palabras.

Gaspi tiña 23 anos, e levaba xa un tempo intentando ser Gaspar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.