As mentiras de Feijóo sobre o gasto sanitario en Galicia

Pode haber moitas cousas que resulten aceptables, desde logo a falsificación da realidade, NON. Será que estamos en ano electoral?

Cando desde CESM-Galicia advertíase sobre o financiamento da sanidade, da situación  á que se abocaba o sistema, acusábasenos sistematicamente desde a Xunta, de esaxerar, ou de dispor de datos erróneos (ou noutras palabras, acusábasenos de mentir cando denunciabamos os recortes do orzamento).

Lembramos algunhas das declaracións do presidente Feijoo sobre este punto ao longo dos últimos anos:

"O orzamento por habitante increméntase ano a ano" (2014)

"O gasto  por habitante no  ano 2015 é de 1.228 euros, por encima da media do resto de comunidades? (declaracións de Feijóo na avaliación da Estratexia SERGAS 2010-2014) (2015)

Estes días publícase o informe do Consello Económico e Social sobre gasto sanitario. Vexamos algúns datos

  1. A diminución agregada desde o ano 2008 até o 2014 é do 10.37%
  2. Se temos en conta que a chegada á Xunta de Feijoo prodúcese no ano 2009, para saber cal foi o recorte realizado baixo a súa dirección, habería que descontar ademais os aumentos de orzamento dos anos 2008 e 2009 (o orzamento xa estaba elaborado)
  3. A diminución realizada é a maior de todas as comunidades autónomas, independentemente da cor política de quen as dirixa
  4. O gasto por habitante é de 1087.27 euros por habitante no ano 2015 (cifras oficiais)  Onde han ir os 200 euros que nos faltan?
  5. Non é suficiente con coñecer os datos de orzamento, ademais deben ser axustados por idade da poboación e dispersión xeográfica. Pensa Feijóo que en Galicia temos vantaxe nestes factores?
  6. O noso orzamento sanitario por habitante (datos oficiais CES) é o segundo máis baixo de todas as comunidades, só por diante de Andalucía, novamente independente da cor política do goberno que toque
  7. O único incremento de gasto sanitario prodúcese, curiosamente, o ano 2016, nada menos que un 18.71%!

Posibilidades?

Recuperouse totalmente a economía (e por desgraza, aínda non nos demos conta); Feijóo consultou os datos, e como estaba equivocado, corrixe neste orzamento os fallos dos anteriores. E hai unha última, supomos que absolutamente improbable: Será que estamos en ano electoral?

O sistema sanitario público mantense exclusivamente á conta do esforzo dos seus profesionais, que con menor orzamento, recortes en persoal, incrementos de xornada e de cargas de traballo, a pesar de todo, conseguen mantelo á boia. Aínda que fósemos capaces de aceptar a necesidade de axuste orzamentario, aínda admitindo que a capacidade de resposta débase á mellora na xestión (e é moito aceptar) o que con toda seguridade non é aceptable, é que se nos pretendeu enganar durante anos cunhas cifras de gasto, orzamento e investimento que nada teñen que ver coa realidade das cifras oficiais, entendemos que facilitadas desde a propia Xunta.

E despois disto habemos de crernos as cifras que facilita a Xunta sobre diminución de listas de espera, acceso a consultas, contratacións, substitucións ou demanda? Contas desmente a Feijóo e constata os recortes sanitarios en Galicia. Pode haber moitas cousas que resulten aceptables, desde logo a falsificación da realidade, NON. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.