A pandemia da COVID19 e a guerra en Ucraína, polo seu impacto en Occidente, están tapando outras crises non menos importantes, si tomamos en consideración o elevadísimo número de persoas afectadas, como é o caso da crise alimentaria.
Aínda que a guerra en Ucraína impactou no prezo dalgúns alimentos básicos, a crise alimentaria actual viña de anos atrás como demostra o dato de que xa no ano 2021 o número de persoas que no mundo padecía inseguridade alimentaria grave superaba os 900 millóns e algo mais dos 2.300 millóns -30% da poboación mundial- inseguridade alimentaria moderada ou grave (FAO: Estado de seguridade alimentaria e de nutrición no mundo. 2022). Unha situación que defire segundo o continente sendo Africa e Asía os mais afectados pois o 85% das persoas que están en situación de inseguridade alimentaria viven nun destes dous continentes. Especialmente grave é a situación en Africa onde mais da metade da poboación (60%) está en situación de inseguridade alimentaria moderada e o 20% de inseguridade alimentaria grave (FAO....) sendo as mulleres e os nenos/as os mais afectados: o 45% das mortes infantís en Africa son por mor da mala ou escasa alimentación.
Que está pasando para que se dispare o número de persoas no mundo que sofren fame?. De primeiras cabria pensar que un dos factores causantes podía seren unha caída da produción agraria. Unha tese que as evidencias empíricas tiran por terra pois si tomamos, por caso, a produción mundial de cereais -compoñente alimentario básico- vemos que esta non parou de medrar na última década pasando dos 1.879,5 millóns de toneladas (2012) a 2.190,5 (2016) e 2.286 (2021) estimándose que chegara aos 2.756 millóns de toneladas neste último ano 2022.
Que está sucedendo entón?, que a parte da produción de cereais destinada alimentación humana diminúe ano a ano (33,1% no 2018, 33% no 2020, 32,6% no 2021 e 32,4% no 2022) mentres medra a que se destina a uso industrial (pensos: 44,5%, 45,2%, 45,5%, 45,8%, agrocombustibles como o etanol: 10% e medrando....). Velaí unha das causas que contribúen a crise alimentaria: a caída da produción agraria destinada a alimentación.
Por si isto non fora suficiente outro factor intervén decisivamente como é que os prezos dos alimentos se fixan nuns mercados internacionais marcadamente especulativos: a maioría dos alimentos básicos están suxeitos no comercio internacional aos contratos de futuros que se poden intercambiar, varios centos de veces ao día, no mercado de valores -nas bolsas "ad hoc" como, por caso, sucede coa Bolsa de Chicago a maior bolsa de futuros dos Estados Unidos e a segunda do mundo so por detrás da City de Londres- no que actúan con grande agresividade os fondos especulativos que contribúen decisivamente as alzas nas cotizacións o que favorece as agroindustrias (IA).
Unha especulación que se ve facilitada polo feito de que sexan grandes agroindustrias (AI) quen acaparan un segmento cada vez maior do mercado alimentario mundial. Por caso o 70% do comercio internacional de produtos agrícolas está controlado por catro (4) multinacionais e 10 grandes oligopolios (as Big Ten segundo OXFAM) controlan todo o mercado alimentario internacional: entre estes xigantes cabe subliñar, por caso, a CARGILL que, por si so, controla o 50% do comercio mundial. Uns xigantes, cruel paradoxo, que durante a pandemia obtiveron unhas enormes ganancias (+65%) grazas a unhas subas dos prezos que se viron favorecidas pola súa volatilidade e pola citada especulación.
Compre subliñar que este control oligopolista do mercado alimentario ten lugar nun marco produtivo global en que o 85% dos produtos alimentarios non se comercializa internacionalmente por que proceden de explotacións familiares. Unha balanza produtiva que se está inclinando de xeito acelerado a prol das agroindustras quen co apoio de moitos gobernos están acaparando cada vez mais recursos (terra, auga,....) ao tempo que empregan enormes cantidades de ensumos industriais (sementes hibridas, abonos, pesticidas...) cos que conseguen incrementar a súa produción pero a costa dun grande impacto ambiental e dun crecente esgotamento dos recursos naturais.
Neste contexto a guerra en Ucraína, que provocou unha crise na oferta por mor do peso que Rusia e Ucraína teñen no mercado mundial de cereais (aportan un terzo dese comercio), veu a favorecer o auxe desta especulación xa de seu moi elevada -as guerras sempre favorecen a especulación- con fortes alzas nos prezos dalgúns cereais básicos -trigo, arroz- que chegaron a un 50% e que se viron favorecidas polo acaparamento levado a cabo polos oligopolios que controlan o mercado por xunto alimentario. Unha situación que tamén está sendo aproveitada polos grandes supermercados que dominan o comercio polo miúdo para igualmente subilos prezos. En definitiva, unha dobre suba especulativa favorecida polo control oligopolista de toda a cadea alimentaria mundial: produción, almacenamento, industrialización, financiamento e distribución.
Velaí os factores que veñen provocando a actual crise alimentaria. Unha crise alimentaria que ten a cruel evidencia de que a pesares de que aumenta a produción mundial agrícola, como sucede cos cereais -compoñente básico da alimentación nos países do Sur- non para de medrar o número de persoas que a nivel mundial viven nunha situación de inseguridade alimentaria grave -565 millóns de persoas no 2014, 925 millóns no 2021: practicamente o dobre- e o mesmo sucede co número de persoas que viven nunha situación de inseguridade alimentaria moderada -1.154 millóns no 2014, 2.309 no 2021-.
A pantasma da fame percorre unha grande parte do mundo ao tempo que medran as ganancias da agroindustria (IA).