As pegadas do 15-M

Asemblea do 15M en Vigo CC-BY-NC-SA Imagen en acción

A orixinalidade do 15-M radicaba, polo menos, en dous vectores novidosos: o cuestionamento do propio sistema de representación política e a utilización de formas inéditas de organización no desenvolvemento das protestas

Hai agora dez anos, aparecía o chamado “movemento 15-M”.Cando xurdiron aquelas manifestacións e acampadas protagonizadas por milleiros de persoas –cunha porcentaxe moi maioritaria de mozos e mozas- no mes de Maio de 2011, rexistráronse reaccións diverxentes na opinión pública e na publicada. Houbo, sen dúbida, simpatía expresa ou tácita en moitos sectores sociais que padecían unha dupla frustración: a derivada das penalidades asociadas ao impacto da crise económica nas súas condicións de vida e a que suscitaba o papel dos gobernantes –que, no caso do goberno do Estado, pertencían a un partido político que se autoidentificaba no universo da esquerda- na xestión da desfeita económica. Aínda estaba quente, na memoria colectiva, a espectacular viraxe realizada por Rodríguez Zapatero un ano antes –Maio de 2010-, modificando substancialmente o seu programa electoral para executar as directrices emanadas da “troika”.

O “movemento dos indignados” era –coma noutros casos históricos anteriores: OTAN, Prestige, guerra de Iraq- unha expresión do forte malestar presente nunha parte do corpo social. A orixinalidade do 15-M radicaba, polo menos, en dous vectores novidosos: o cuestionamento do propio sistema de representación política e a utilización de formas inéditas de organización no desenvolvemento das protestas. Nas ocasións precedentes, o que se pedía era o cambio en determinadas políticas (saída dunha alianza militar, nova regulación do transporte marítimo, remate dunha iniciativa bélica) e a dimisión dos cargos gobernamentais responsábeis. Neste caso, o que se colocaba no primeiro plano tiña que ver coa modificación das regras de xogo da democracia vixente. A crítica indiscriminada ás forzas políticas presentes nas institucións (“non nos representan”; “chámanlle democracia e non o é”) ía acompañada de propostas alternativas mais ou menos elaboradas.

O 15-M mereceu, inicialmente, a desconsideración ou a indiferenza da case totalidade das forzas políticas existentes. O PP foi, sen dúbida, o mais belixerante a pesar de que esas mobilizacións masivas aceleraban o desgaste do goberno de Zapatero. O Partido Socialista quixo repetir a táctica do 11 de Marzo de 2004 e tratou de atopar unha mínima empatía capaz de evitar o desastre electoral que anunciaban os inquéritos. IU, sorprendida pola envergadura do movemento, fixo todo o posíbel para se constituír como referente político-electoral do clima de indignación que mostraban as protestas. A equipa dirixente do BNG non foi capaz de comprender a importancia do que estaba xurdindo nas rúas e mantivo un distanciamento crítico que reforzou a dinámica de perda de apoios sociais que viña padecendo.

A boa imaxe e a simpatía que suscitaron as plataformas vinculadas ao 15-M alimentaron un debate que xa aparecera noutras situacións análogas: o movemento dos “indignados” debería seguir sendo unha expresión, mais ou menos organizada, do descontento fronte ao sistema económico e político ou debería dar os pasos requiridos para comparecer nas citas electorais? A presenza de Podemos como partido político nos comicios ao Parlamento europeo celebrados no ano 2014 clarexou semellante dilema. A partir dese momento, os defensores do bipartidismo tradicional mudaron significativamente a súa posición discursiva: pasaron de esixir aos manifestantes que abandonaran as rúas e participaran na vida política institucional a emitir fortes críticas ás novas formacións que ocupaban escanos nos concellos e parlamentos.

Coa perspectiva que proporciona o tempo transcorrido, pódese afirmar que a pegada do 15-M no sistema político resultou indiscutíbel. A súa existencia alimentou un clima social mais favorábel á realización de cambios relevantes na relación entre os partidos e os seus votantes, no desenvolvemento da propia vida interna das organizacións políticas e no comportamento ético das persoas que forman parte das mesmas. Certamente, as mudanzas non tiveron a fondura que se reclamaba nos manifestos fundacionais debido a que as vellas prácticas seguían estando moi enraizadas nunha parte do sistema político e contaban coa complicidade ou a benevolencia de importantes segmentos sociais. Polo demais, as formacións políticas que beberon nas fontes do 15-M cometeron algúns erros relevantes na xestión das responsabilidades que lle outorgou unha parte do electorado nos distintos comicios celebrados na segunda parte desta década.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.