As rapazas e rapaces, no centro da transformación social

A miúdo escoitamos que “as nenas e nenos son o futuro”, pero no Fondo Galego de Cooperación cremos que as nenas e nenos son tamén o presente. Por iso a construción dunha sociedade máis xusta e inclusiva non se entendería sen implicalas e implicalos no proceso. De aí que no Día Internacional da Infancia, que hoxe se conmemora, poñamos no centro ás rapazas e rapaces, non só para reivindicar os seus dereitos -moitas veces vulnerados e non unicamente nos países menos desenvolvidos-, senón tamén para pór en valor o seu papel activo na defensa, a práctica e o contaxio da solidariedade.

As e os escolares son precisamente os principais destinatarios das actividades de sensibilización fronte as desigualdades que o Fondo Galego promove nas preto dun cento de administracións locais que a día de hoxe son socias da entidade. Concellos de toda Galicia teñen, deste xeito, a oportunidade de ofrecerlle á súa veciñanza máis nova propostas coma os contos da Tropa de Trapo. Contamos todas, Ti tamén contas ou Antía, Wamba e o regato pequeno non son representacións nas que as nenas e nenos actúan como meros espectadores, senón que tamén levan aparellados obradoiros participativos para que reflexionen sobre cuestións como a equidade de xénero, o materialismo, o traballo infantil ou as catástrofes naturais.

Facer reflexionar ao alumnado, pero desta volta sobre as fronteiras e a situación das persoas refuxiadas, é tamén a finalidade da obra O valo que Pallasos en Rebeldía creou para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a partir do premiado texto homónimo de Carlos Labraña. O obxectivo deste coidado espectáculo é evitar o esquecemento das guerras e da xente que delas foxe, en moitos casos menores, ao tempo que se convida a transformar a realidade pensando un mundo diferente.

O teatro, pero tamén a música, a fotografía ou o cinema, téñense revelado como ferramentas eficaces para a espallar a formación en valores como a liberdade, a solidariedade, o respecto ou a igualdade. Neste senso, as deputacións e concellos socios do Fondo Galego teñen ao seu dispor, entre outros filmes, o documental Dreaming Nicaragua, producido pola Fundación Fabretto, que achega un retrato transgresor de catro nenos que viven na extrema pobreza en Nicaragua. A fita lévanos alén das súas dificultades e dálle voz á rapazada, que resulta sorpredentemente divertida, esperanzada e optimista cando un profesor de arte itinerante lles ofrece un espazo seguro para expresarse e soñar, en contraste coa vida diaria marcada pola fame, a explotación infantil e a violencia.

A proxección ofértase en paralelo á exposición Nicaragua, o futuro, realizada polo fotoxornalista Felipe Carnotto en Centroamérica como gañador do certame Imaxes con Fondo. A mostra dá a coñecer un país co que tradicionalmente ten cooperado o Fondo Galego, coa arela de promover a interculturalidade e actitudes de respecto cara a poboación migrante. Tamén outras exposicións, como Galicia-Cabo Verde: unha irmandade, adoitan instalarse nos centros educativos para espertar a curiosidade e a conciencia crítica das cativas e cativos.

É desta maneira, buscando un equilibrio entre entreter e educar, entre o trasfondo social e o humor ou o xogo, como a mensaxe solidaria vai calando nas mentes e nos corazóns, xa que segundo nos transmiten desde os propios municipios as actividades están a acadar o seu obxectivo satisfactoriamente e todos sen excepción apostan por seguir impulsándoas. A aqueles concellos que comparten connosco o compromiso cos Dereitos Humanos Universais pero que aínda non forman parte do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, convidámolos a unírense a esta rede, que vén de cumprir vinte anos de andaina, a través da que poderán ofrecerlle á cidadanía máis nova todas estas oportunidades de coñecer distintas realidades e actuar para transformalas en positivo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.