As residencias como negocio, os/as vellos/as como mercancía

Exterior dunha residencia de maiores en Vigo © DomusVi

Hai unhas semanas líamos neste xornal que a Xunta aposta por converter as residencias en nichos de mercado. Unha estratexia política cuxa materialización ten uns efectos e unhas consecuencias sobre os usuarios destes centros, e tamén para o erario público, que convén analizar e detallar

Hai unhas semanas líamos neste xornal que a Xunta de Galicia aposta por converter as residencias en nichos de mercado. Unha estratexia política cuxa materialización ten uns efectos e unhas consecuencias sobre os usuarios destes centros, e tamén para o erario público, que convén analizar e detallar. Pero antes digamos que casualmente polos mesmos días en que en Galicia saía esta noticia en Madrid tiña lugar a nova de que se reabría o fronte xudicial, con exaltos cargos da Comunidade de Madrid imputados, pola morte de 7.291 maiores en residencias madrileñas. A relación non é banal xa que o modelo residencial de atención aos maiores que defende o Goberno Galego de quenda (PPdeG) é o mesmo que o que está aplicando o goberno da Comunidade Autónoma de Madrid (PP) cos resultados coñecidos. 

Unha liña de actuación política cos servizos públicos que non debería sorprender a ninguén xa que un dos obxectivos estratéxicos deste goberno galego (PP) e o de favorecelo privado en prexuízo do público ao que se infravalora por razóns ideolóxicas e de clase que non por que teña unha xustificación económica ou de benestar social. A historia e as continúas evidencias empíricas nos teñen demostrado dabondo que a xestión privada dos servizos públicos e moito peor que a xestión pública tanto para os beneficiarios como para a rendibilidade do servizo. Non por casualidade en Galicia vemos como son continuas as denuncias sobre o estado das residencias de maiores que xestiona o capital privado con situacións que resultan indignantes que aínda non acadando o nivel da Comunidade de Madrid si lesionan os dereitos dos usuarios que son tratados como mercancías.

 

A falsa dicotomía público versus privado

O argumento que intenta xustificar a utilización preferente do privado sobre o público parte do principio, auténtico dogma, de que o valor só se crea no privado, nunca no público por que este resulta “ineficiente”, velaí que se considere que os gobernos son unha ameaza para o dinamismo do sector privado.

Digo dogma por que é constantemente desmentido pola historia económica que pon en evidencia como o sector público desempeña un papel positivo ao corrixir os continuos fallos do mercado quen, por outra parte, non houbera existido sen a intervención do estado (KARL POLANYI: “La gran transformación”). En relación a isto último ahi temos o exemplo das GAFAM (Google, Apple, Facebook, Amazon e Microsoft) que non terían existido sen a a iniciativa primeira do Pentágono. En canto a corrección dos fallos do mercado velaí a experiencia recente de como foron os gobernos occidentais quen salvaron ao sistema capitalista da grande crise de 2008 provocada pola inmensa avaricia dos bancos. 

En relación co asunto que nos ocupa, existirían as residencias de maiores sin as intervencións dos gobernos, dos poderes públicos?. As investigacións actuais teñen demostrado dabondo que a intervención dos gobernos nas infraestruturas básicas e nas funcións de benestar e fundamental para o crecemento económico. Alguén tan pouco sospeitoso de apoialo público como Adam Smith xa defendera a necesidade duns bens públicos (exercito, xustiza, servizos públicos) financiados polo Estado. Bastantes anos mais tarde J.M.Keynes demostraría, a súa teoría da demanda, que o papel do estado era imprescindible para producir bens e servizos que non existirían sen a súa intervención, pero que son necesarios para o crecemento económico -reactivan a demanda- e para evitar as recesións e as depresións económicas.

 

A privatización/externalización dos servizos públicos e o auxe das actividades financeiras levou a que aqueles rematen xestionándose en función dos intereses dos executivos e dos accionistas xa que iso “redunda na eficiencia da empresa cuxa responsabilidade social é aumentar os seus beneficios e maximizar o valor para o accionista e así este obriga aos xestores a render contas”

 

Argumentos a prol da externalización dos servizos

A pesares de todas estas evidencias segue habendo quen priman o privado sobre o público defendendo que este último, “polos seus fallos” -enchufismo, corrupción, nepotismo- conduce sempre a unha mala asignación dos recursos e a unha competencia inxustificada coa privada a que rematan desprazando. Estes defensores do privado parecen esquecer que o goberno finalmente sempre ten que facerse cargo da financiar bens e servizos (como, por caso, os de benestar) que o sector privado non financia por non obter beneficios no curto prazo ou por consideralos insuficientes.

Seguindo cos argumentos dos defensores do privado sobre o público estes consideran que para que os servizos públicos sexan mais eficientes é necesario que “o goberno se mercantilice”, privatice recursos e activos públicos. Privatización que pode adoptar varias modalidades que van dende as vendas as externalizacións que, neste último caso, consisten en que o goberno paga a un contratista privado para que ofreza un servizos -como sucede en Galicia cos residencias de maiores-. Un fenómeno, o da externalización, que en occidente camiña en paralelo ao do financiarización e que, a pesar da propaganda contraria, termina por ser mais custoso para o sector público que si fora este quen prestara directamente o servizo.

 

A financiarización dos servizos públicos

A privatización/externalización dos servizos públicos e o auxe das actividades financeiras levou a que aqueles rematen xestionándose en función dos intereses dos executivos e dos accionistas xa que iso “redunda na eficiencia da empresa cuxa responsabilidade social é aumentalos seus beneficios e maximizalo valor para o accionista e así este obriga aos xestores a render contas” (Milton Freedman). Un criterio que conduce a que o obxectivo central de calquera empresa, incluso si xestiona servizos públicos, debe ser maximizar o valor para o accionista. Criterio que na práctica levou a que o capital financeiro -bancos, fondos de inversión- se interesaran polos servizos públicos de benestar, pola súa xestión. Unha crecente influencia que conduciu a que nestas empresas primen mais os obxectivos a curto prazo que os que primarían -medio e longo prazo- si realmente foran empresas de servizos públicos.

As residencias de maiores e o capital financeiro

As residencias de maiores son na actualidade un exemplo desta influencia do capital financeiro nos servizos públicos e de como este cambiou o carácter das mesmas e non precisamente para mellor

As residencias de maiores son na actualidade un exemplo desta influencia do capital financeiro nos servizos públicos e de como este cambiou o carácter das mesmas e non precisamente para mellor. Os casos de Galicia e Madrid, entre outros, son paradigmáticos aínda que non son exclusivos nin pioneiros en Europa.

O capital financeiro entrou nas residencia da terceira idade seguindo o seu modelo e aproveitando as vantaxes que lle ofrece ese tipo de negocio: ingresos seguros e estables, empregos precarios e subvencionados, patrimonios comercializables, vantaxes fiscais, “clientes” fráxiles e vulnerables, posibilidade de ocultar as ganancias en paraísos fiscais e garantía de que se é necesario o estado/goberno de quenda acudirá ao rescate. Esta financiarización das residencia supón que quedan sometidas a enxeñería financeira que leva a que os bens públicos se transformen en bens privados cuxo obxectivo é a maximización do beneficio a curto prazo. (MARIANA MAZZUCATO: “El valor de las cosas. Quien produce y quién gana en la economia global”)

A aposta que non poucos gobernos fan por este tipo de “elección pública”, que se apoia no dogma da non eficiencia do público, provoca un desprestixio do público e un cambio de obxectivo nos servizos públicos que fai que sexa “mais xustificable” a súa privatización futura. Con frecuencia os fondos de investimento rematan retirando o capital cando teñen que facer fronte as débedas acumuladas por mor de investimentos pouco razoables co obxectivo, xa citado, de obter ganancias no mais curto prazo. Uns comportamentos que colaboran a que se produza un grande deterioro na atención aos usuarios e na propia dignidade dos mesmos que queda en mans de fondos voitres, construtoras e grandes empresas. “Si unha empresa ten que repartir beneficios, a xestión a vai facer recortando servizos e empregos, reducindo custos no mantemento e na limpeza. O que menos importa é a calidade..... as empresas fan negocio incumprindo a rateo de persoal, dando comida de baixa calidade e precarizando as condicións laborais” (Asociación Marea de Residencias). Unha situación que se ve facilitada pola deixades das Administracións Públicas na súa responsabilidade de lexislar e inspeccionar.

 

As residencias en Galicia e os fondos de investimentos

Se en España o xigante Domus Vi, pertencente ao fondo de investimento británico ICG, ademais de selo dono da maioría das residencias privadas do estado xestiona moitas das públicas, en Galicia a privatización tamén reina no sector pois o 77% das prazas residencias son de titularidade privada

Si en España o xigante Domus Vi, pertencente ao fondo de investimento británico ICG, ademais de selo dono da maioría das residencias privadas do estado xestiona moitas das públicas, en Galicia a privatización tamén reina no sector pois o 77% das prazas residencias son de titularidade privada. Un proceso privatizador que se acelerou durante os mandatos do señor Núñez Feijoo (PP) quen transferiu as residencias galegas de maiores de mans públicas a empresas multinacionais e fondos de investimento (FADSP: As residencias en Galiza cada vez mais privatizadas. Outubro 2024). Fondos de investimento como o xa citado ICG, o francés SRS, empresas construtoras como ACS, Sacyr e Eulen, aseguradoras (BUPA, Santa Lucía) e algúns grupos relixiosos (FADSP:......). Ultimamente aparece un novo modelo de privatización das residencias que consiste en que un grande empresario privado (Fundación Amancio Ortega) financia a construción dun centro, o que lle permite pagar menos impostos, que logo dona a Xunta de Galicia quen posteriormente privatiza a súa xestión mediante concursos que se inicialmente se dirixiron a “entidades de iniciativa social” na actualidade se dirixen a calquera empresa privada con ánimo de lucro disposta a pagar unha renda anual.

Una transferencia que deriva nos problemas citados anteriormente de falta de persoal e de recursos o que provoca unha masificación dos centros e nunha situación de escandaloso escurantismo que a Xunta de Galicia protexe coa súa escasa ou nula inspección. Situación que non se modifica a pesares dos informes e denuncias do Consello de Contas sobre as “importantes deficiencias e irregularidades nas residencias de maiores que supoñen un risco para a saúde das persoas usuarias das mesmas”.

Velaí como en Galicia, ao igual que sucede noutras Comunidades Autónomas e tamén en estados europeos (Gran Bretaña, Francia....), as residencias de maiores estanse convertendo nun negocio moi lucrativo para empresas privadas e fondos de investimento que ocupan o baleiro que deixan as Administracións Públicas. Unha opción que leva a un deterioro da atención e a unha insuficiencia de prazas accesibles para a maioría dos usuarios potenciais cuxa “dignidade queda en mans de fondos voitre, construtoras e empresas do IBEX 35” para quen os/as maiores son unha mercancía obxecto de negocio mercantil ou especulativo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.