As solucións do sector lácteo, cousa de todas

Aló polo ano 1980 en Francia varios movementos que estaban en contra do uso de hormonas na carne de bovinos decidiron promover un boicot á súa compra para expresaren o seu malestar demostrando que non estaban dispostos a consumir estes produtos nas condicións que lle marcaba a industria. O resultado non se fixo agardar: unha caída nas vendas do 50% que  tivo como consecuencia un acordo no que se regulaba dun xeito máis estrito o uso destas sustancias nos animais destinados ao consumo.

Este tan só é un dos moitos exemplos que nos ensina a capacidade de influencia que temos as persoas consumidoras sobre a industria ao realizar a nosa elección dun ou outro produto cando chegamos ao andel do supermercado.

A transparencia na cadea alimentaria para os consumidores e consumidoras de a pé é na práctica inexistente

Do noso poder como consumidores non sempre somos conscientes, nin sempre nos deixan selo. Pero na outra banda da trincheira as empresas téñeno claro. Empregan unha parte importante do seu capital, tanto económico como humano, en analizaren o xeito de manter intacto o seu bo nome ou en localizar cales poden ser as causas que afecten dun xeito negativo á súa imaxe como marca, xa que estas “manchas” na súa reputación poden ter consecuencias incalculables de moi difícil e cara solución.

Coñecer a orixe dun produto, e non só onde foi envasado, ou saber canto se lle pagou ao agricultor que o cultivou resulta, nalgunhas ocasións, tarefas na práctica imposibles para quen nos achegamos ao supermercado. E xa non digamos ser conscientes dos custes que corresponden a cada unha das partes da cadea de distribución dun produto: así por exemplo no pasado mes de xullo os repolos saíron do campo a 0,13 € e puxéronse no estante a 1,19 €, un 815% máis caro. En definitiva, a transparencia na cadea alimentaria para os consumidores e consumidoras de a pé é na práctica inexistente.

Non é doado saber se o noso brik leva dentro leite galego ou doutra parte do estado e moitos menos se este foi pagado a un prezo sostible ou moi por debaixo do que custou producilo

Ao mercar o leite pásanos un pouco o mesmo; cando nos decidimos por unha ou outra marca non é doado saber se o noso brik leva dentro leite galego ou doutra parte do estado e moitos menos se este foi pagado a un prezo sostible ou moi por debaixo do que custou producilo. A orixe do produto pódese solucionar se encontramos o selo axeitado (non todos os que existen no mercado garanten a procedencia), pero en canto ao prezo en orixe a cousa complícase salvo que merquemos sen intermediarios, directamente á explotación.

O único que pode obrigar á industria a mercar o leite galego é que nós as persoas consumidoras non compremos outro

Alcanzar o acordo dun prezo sostible para as gandeiras e gandeiros non garante en ningún caso que a industria vaia mercar ese produto xa que nun mercado global o leite pode vir non só doutra parte do estado senón incluso de calquera parte do mundo. O único que pode obrigar á industria a mercar o leite galego é que nós as persoas consumidoras non compremos outro.

Tendo claro todo isto é polo que nos diriximos hai case tres meses á administración pública cargados cunha batería de posibles actuacións que repercutisen en dúas cuestións que entendíamos básicas: incidir na posta en valor do leite galego como produto de calidade excelente e facilitar ás persoas consumidoras as ferramentas que lle permitan identificar facilmente aquelas marcas que apostan polo leite galego. A día de hoxe seguimos sen recibir resposta.

Dirixímonos hai case tres meses á administración pública cargados cunha batería de posibles actuacións que repercutisen en dúas cuestións que entendíamos básicas. A día de hoxe seguimos sen recibir resposta

Concienciar á cidadanía sobre elixir, como opción de compra, un produto que ademais de ter unha excelente calidade xera riqueza no noso país, axuda á fixación de poboación no territorio e conserva o medio ambiente, entre outras moitas cousas, é unhas das mellores garantías para axudar a que esta sexa a última crise que afecta ao sector lácteo en Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.