As vacas 'dopadas'

Vimos de coñecer a nova de que se interviron varias explotacións leiteiras polo uso, presuntamente, da hormona BST (hormona de crecemento bovino). Grosso modo subministrar esta hormona incrementa a cantidade de litros de leite que pode producir o animal a costa de prexudicar a súa saúde e reducirlle o tempo de vida. As implicacións desta nova son variadas: Por unha banda comprobamos como é positivo que exista unha regulación das actividades agrarias, acompañada dun Servizo Público de control, que detecta e contribúe necesariamente a o bo facer (en xeral) das explotacións agropecuarias. Por outra banda comprobamos, como un mercado alimentario desregulado a nivel económico permite e, no medio da nova reforma da Política Agraria Común, mesmo fomenta que os/as titulares de explotación pretendan producir o máximo sen ter en conta as consecuencias reais desa produción. Este caso non é unha excepción. Do mesmo xeito que aconteceu co tema das Vacas Tolas, vemos como a obsesión por obter o máximo beneficio sen ter en conta as consecuencias da lugar a situacións coma esta. Afortunadamente, e pese ao boureo inicial, a pequena cantidade de explotacións afectadas non implica un grave problema para a saúde. Podemos, a priori, consumir leite tranquilamente.

Porén cabe aquí engadir algunhas consideracións: hai anos que algúns pedimos un novo modelo agrario e non só para Galiza. O mercado dos produtos agropecuarios, sen estar intervido nin fomentado por parte de ningunha institución pública estimula precisamente unha produción masiva sen criterio algún de calidade. Ese foi, precisamente o modelo leiteiro que nos impuxo Europa. E Galiza optou por competir en cantidade nun mercado que estaba coxo. Xeramos o 40% do leite do Estado, un estado que á súa vez consume un 25% de lácteos máis dos que produce. A produción de leite baseouse na implementación dun sistema competitivo e intensivista no que a toda costa procuraron incrementarse os volumes entregados. Evidentemente á Industria compradora interesáballe e sigue interesándolle que na Galiza quedasen poucos gandeiros pois acurtaba os circuítos que tiñan que facer os camións cisterna e agrupaba as granxas diminuíndo os custos de recollida. A reconversión foi brutal. En 1990 Galiza muxía o 33% do leite do Estado en 120.000 explotacións. No ano 2012, 11.000 explotacións, isto é un 10% de 1990, eran as que producían os máis 3 millóns de toneladas anuais que representan o 40% do Estado Español.

Esta premura de desenvolvemento non foi de balde. Fixéronse esforzos enormes a nivel investidor, con grandísimos gastos fóra do sector que endebedaron as nosas explotacións máis do duplo do que se endebedou a explotación promedio española. E conseguiron cubrirse os custos de produción a duras penas

Esta premura de desenvolvemento non foi de balde. Fixéronse esforzos enormes a nivel investidor, con grandísimos gastos fóra do sector que endebedaron as nosas explotacións máis do duplo do que se endebedou a explotación promedio española. E conseguiron cubrirse os custos de produción a duras penas. O leite saía máis caro do tanque porén vendíase máis barato do que en calquera parte do Estado. E pese a todas as limitacións e xogadas cos prezos, as explotacións restantes resistiron a costa de endebedarse máis.

E é xusto cando se está estabilizando o sector por volta dos anos 2009-10, cando se anuncia a reforma da PAC que vai liberalizar o mercado dos lácteos. Evidentemente a intención de calquera produtor de leite promedio do País é tentar, por todos os medios, elevar a súa produción. A nova coa que encetabamos este artigo, polo tanto, non é unha casualidade. Un modelo de desenvolvemento que prima o mercado do produto, por riba da súa calidade e do acceso a el, dentro dun modelo agrario que prima a cantidade por riba da calidade fai o resto.

Resulta evidente que esta debera ser unha chamada de atención sobre que estamos a facer no medio rural. Unha administración ausente, sempre de costas aos problemas agrarios e que nunca fixo esforzos por protexer o mercado interior, é unha das máis directas responsables

Resulta evidente que esta debera ser unha chamada de atención sobre que estamos a facer no medio rural. Unha administración ausente, sempre de costas aos problemas agrarios e que nunca fixo esforzos por protexer o mercado interior, é unha das máis directas responsables. A Administración Galega, a Española e os mercados internacionais que se empeñan en converter os alimentos en beneficios a curto e medio prazo, sen importar para nada a calidade e a salubridade destes, teñen a maior cota de responsabilidade en que acontezan feitos coma o que nos ocupa.

Cómpre, polo tanto, que a sociedade tomemos cartas no asunto, que demandemos máis medidas de control, que esteamos alertas e vixiantes sobre a orixe e calidade dos produtos que consumimos, pero sobre todo que teñamos en conta que este fenómeno non é máis que outro elo da cadea do beneficio. É hora de que botemos unha ollada ao noso rural, que fagamos un pequeño esforzo en procurarmos un consumo responsable e demandar dos poderes públicos medidas de protección ao mercado agrario, elementos de calidade e garantías de orixe que contribúan necesariamente a mudar estas situacións.

Cómpre en definitiva que demandemos un mercado alimentario transparente que garanta aos produtores/as un nivel de vida digno, un mercado dos produtos axustado aos custos de produción pero tamén a soberanía e a capacidade de tomar as decisións sobre a produción, distribución e comercialización dos alimentos. Mentres estas medidas non se teñan en conta non estaremos libres de que casos coma estes, e outros de infausta lembranza sigan asaltando de cando en vez as novas dos xornais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.