Nunha conversación ao acaso sobre a titularidade e competencias das distintas administracións sobre os centros educativos, materializouse no aire a pregunta: “pero entón, de que son os coles?”.
Unha conversa paralela prendeume nos miolos, sintonizada nunha frecuencia diferente: “son do profesorado?”, “si, dalgún xeito; pero, rotundamente non, a identidade dun centro vai moito máis alá dos estilos pedagóxicos do seu profesorado”; “pois das direccións tampouco, aínda que aumenta moito a onda expansiva cunha dirección que turre alén de facer unha boa xestión”; “do alumnado... sinto que me achego máis, son maioría, inconscientemente maioría, son a razón de ser, condición sine que non; pero non se esgota neles, senón que neles conflúe a razón que socialmente nos convoca a todos nese concepto espazo-temporal chamado escola”; “das familias, das mamás (por facer xustiza a quen, no noventa por cen longo dos casos, sostén a relación con este e outros ámbitos de coidado), nese tira-afrouxa ambivalente en que deu en converterse nos últimos tempos as relacións familia-escola”.
As escolas non son de ningunha delas, máis cada unha ha de ocupar o seu lugar no círculo para que a realidade chamada escola tome forma e consistencia. Nestes case vinte anos habitando estes espazos, aprendín a distinguir que unha escola poden ser catro paredes frías, pouco máis que unha cadea de montaxe, ou un lar co lume acceso. Sento a ollar as lapas e, tomando prestada a voz do poeta, “agora ben comprendo que o lume eramos nós":
Nós, nenas e nenos, mozas e mozos, que habitan esa etapa da vida en que se forxan os soños e os porvires e, da man daquelas en que foi depositada a responsabilidade de construír habilidades, facer prender valores e legar coñecementos, constrúen cidadanía. Sexa a chiscadela da pedagoxía crítica, cidadanía rabuda e ceibe.
Nós, familias, mamás (e papás, substantivo conxugado en modo exhortativo) que acudimos a construír diálogo, porque sabemos que só tecendo sólidas alianzas nunha escola aberta, esta será verdadeiramente un lugar de inclusión que responda ao dereitos de tódalas nenas e nenos de ser educados en igualdade de condicións e oportunidades na escola da súa comunidade.
Nós, profesorado que facemos nosa a escola, que construímos sentido de identidade e pertenza no que ha de habitar toda a comunidade; que tecemos un proxecto común e compartido no que o encontro e o diálogo se convirte en posibilidade.
Nós, direccións e equipos directivos que estamos ao servizo do comunitario, que proveemos o sustento da fogueira, que convocamos e mantemos ao carón do lume á comunidade, que pelexamos e rabuñamos para que as provisións de leña coas que alimentar o fogo non falten.
Nós, administracións locais que abrazamos como responsabilidade co porvir, coa sustentabilidade e perdurabilidade da comunidade, e non como carga gravosa, a encomenda de ser sustento material do lugar onde se forxa a forza motriz da cidadanía, de prover a leña, as piñas e os carozos que han de manter acesa a fogueira.
Pasade e ocupade o voso lugar, o lume está acceso, agardando por nós.