Agora que amainou a tormenta político-xudicial acerca do itinerario procedimental da tentativa de imputación pola Audiencia Nacional dos participantes nos actos do 25-S, compre deitarmos unha ollada, a poder ser serena, sobre os feitos. Mais evitando pór o foco sobre o síntoma e tentando botar luz sobre a doenza sistémica: a existencia e mantemento nun Estado de Dereito dun tribunal especial.
A pretensión da policía e dos seus responsábeis políticos de residenciar a competencia da causa penal aberta aos promotores dos actos do 25-S na Audiencia Nacional tivo unha consecuencia positiva: unha reacción social de fonda crítica fronte a tal desmesura
O certo é que a relevancia mediática dalgúns sucesos fan que a cidadanía volte o seu ollar para institucións que até o momento non eran obxecto dun xeneralizado interese social mais que acadan un lugar central no debate político… durante un breve periodo de tempo e dunha forma moi vinculada ao plantexamento mediático.
A pretensión da policía e dos seus responsábeis políticos no Ministerio de Interior de residenciar a competencia da causa penal aberta aos promotores dos actos do 25-S na Audiencia Nacional (e o seu rápido rexeitamento por un dos xuices deste tribunal especial) tivo unha consecuencia positiva: unha reacción social de fonda crítica fronte a tal desmesura. Pode que sexa o momento, aproveitando a indignación popular, de facer pedagoxía da febleza das liberdades públicas no Reino de España e de ampliar a crítica do síntoma á doenza.
Porque estamos tan afeitos a ver subir e baixar as escaleiras da audiencia nacional como se se tratase dun tribunal máis que a súa excepcionalidade pode acabar por pasar desapercebida. O hábito fai que esquezamos, ou esqueceramos até o 25-S, que a audiencia nacional foi creada por REAL DECRETO LEY 1/1977 o mesmo día (4 de xaneiro) que se suprimiu o Tribunal de Orde Pública franquista, encargado de reprimir a oposición á Ditadura, e que naceu portanto como sucesora directa de tan nefando órgano político-represivo.
A audiencia nacional foi creada por REAL DECRETO LEY 1/1977 o mesmo día que se suprimiu o Tribunal de Orde Pública franquista, encargado de reprimir a oposición á Ditadura, e que naceu portanto como sucesora directa de tan nefando órgano político-represivo
Infelizmente tamén esquecemos, ou esqueciamos até finais de setembro, que a audiencia nacional contraría o dereito fundamental ao xuiz natural , ainda que o Tribunal Constitucional fixese miragres técnicos para adecuala a Constitución. Tivemos que esperar a finais de setembro para lembrar que o catálogo de delitos residenciados neste tribunal especial son aqueles máis directamente relacionados coa disidencia coa forma do estado, como os chamados delitos contra a Coroa e Altos Organismos do Estado o que sen dúbida abona a tese da especialidade política deste tribunal.
A audiencia nacional é un tribunal sen analoxías no dereito comparado (cuestión silenciada polos seus defensores) na liña da febleza das institucións do noso Estado de Dereito. Non hai órganos semellantes en Portugal, no Reino Unido ou na Alemaña. Tampouco en Francia despois da derrogación en 1981 da Court de Sureté de L´Etat. Nen sequer Italia, berce das teorías da excepcionalidade, conta con “algo” semellante á Audiencia Nacional.
Confiemos en que a evidencia de novos síntomas da doenza faga mais visibel socialmente a febleza do noso estado de dereito. Entretanto, seguirán comparecendo cidadáns e cidadás perante este tribunal excepcional
Sempre é tempo de voltar á ollada cara ás doenzas do noso estado de dereito. A audiencia nacional é unha delas. Confiemos en que a evidencia de novos síntomas da doenza faga mais visibel socialmente a febleza do noso estado de dereito. Entretanto, seguirán comparecendo cidadáns e cidadás perante este tribunal excepcional e organismos defensores das liberdades públicas, como Esculca, terán que continuar denunciando a existencia deste órgano xudicial e intervindo para limitar as consecuencias contrarias aos dereitos fundamentais derivadas da práctica procesual deste anómalo tribunal.