Hai espazos comerciais que mais aló de resolver unha eiva ou desexo, fan comunidade, xeran coñecemento e cultura. Aurora Pereira -Aurichu-, na súa tenda Xanela, na Fonte Sequelo, conseguiuno. Xanela era un crisol de creatividade, de comunidade, de artesanía, de convivencia e de cultura, un espazo do bo vestir, onde o que alí se amosaba e vendía, recendía a cultura e creatividade. Non podería ser doutro xeito, pois Aurichu, a pintora discípula de Carlos Maside, tan admirada por Luís Seoane e Antón Patiño, convertía os deseños, que logo executaban as costureiras para a tenda, en pezas únicas, en obras de arte téxtil.
Hai espazos comerciais que mais aló de resolver unha eiva ou desexo, fan comunidade, xeran coñecemento e cultura. Aurora Pereira -Aurichu-, na súa tenda Xanela, na Fonte Sequelo, conseguiuno
Nuns poucos metros, no espazo dun portal, cunha xanela á rúa costenta -de aí o nome- Aurichu construíu un espazo aberto ao mundo, a Galiza, pioneiro e orixinal no vestir. As camisas de algodón, sempre brancas, con lorzas, encaixes e diversidades de formas e deseños eran únicas. Cos liños nos seus diversos xeitos de tecer facía chaquetas, chalecos dunha calidade e beleza inmutábeis. Aquelas chaquetas de lá, con todas as cores do arco da vella, iluminaban a vida das persoas que as vestían. Aínda hoxe, hai xentes que teñen as pezas de roupa de Xanela, o que demostra a calidade das prendas, mesmo despois de numerosos lavados, e demostra tamén a continuidade e calidade do bo vestir e coser que foi, e agardemos que se conserve, de Santiago.
Mais Aurichu fixo de Xanela un centro de cultura, arte e convivencia. As pezas de artesanía que alí estaban daban boa conta do seu coñecemento e sabedoría así como as persoas que por alí pasaban para conversar, saudar ou pasar un anaco de tempo. E aquela "mesa camilla", que presidía o espazo entre a xanela e o probador, eixo e centro do traballo, foi testemuña da palabra leda e agarimosa de Don Xesús (pai de Aurora, mestre republicano represaliado) e dun dos profesores da preceptoría... da alegría da pintora Mercedes Ruibal... do dúo que facían Paco Leiro e Antón Lamazares, dous mozos aínda buscando a palabra de Aurichu e as súas camisas...
Aurichu e Xanela foron un espazo de vida e cultura, un foco de creatividade, de traballo do bo vestir. Un centro de amizades e de conversa, de convivencia e de luz, un patrimonio que amosou o bo facer do pequeno comercio de Compostela no tempo que durou, desde a súa apertura ao seu peche, naqueles anos 1980-1990, tan importantes nas vidas de Santiago
Mais en Xanela era posíbel atopar tamén roupas chegadas de todo o mundo, que Aurichu buscaba nas súas viaxes a París, cidade na que ademais podía desfrutar de amizades e conversas. Paco Ibañez, Luis Cilia, Gabriel García Márquez - Gabo - e Mercedes, Ramón Chao e un longo etcétera que non tería espazo nesta lembranza... porque Aurichu foi unha grande amiga das súas amizades que sabía coidar e alimentar acotío.
Por tanto e moito máis, Aurichu e Xanela foron un espazo de vida e cultura, un foco de creatividade, de traballo do bo vestir. Un centro de amizades e de conversa, de convivencia e de luz, un patrimonio que amosou o bo facer do pequeno comercio de Compostela no tempo que durou, desde a súa apertura ao seu peche, naqueles anos 1980-1990, tan importantes nas vidas de Santiago.
Por iso e moito mais Aurora Pereira - Aurichu - será memoria eterna para sempre na vida do territorio no que naceu: Santiago de Compostela.
Encarna Otero Cepeda - veciña de Santiago de Compostela.