Autonomaxia

Hai quen decide facer snowboarding. Salto base. Escalada en rocha. E hai quen se fai autónomo. Os deportes extremos son os que provocan un “quen lle mandaría” cando as noticias anuncian a morte do descerebrado. Morrer de golpe ou, coma un emprendedor, trimestre a trimestre. Pagar a cota mensual por deseñar a túa eutanasia e levar a culpa de dinamitar a ética fiscal do Estado. A min pasoume: o mesmo día que imputaron a Messi por fraude decidín saír á porta do bar, a fumar. Había outro vicioso, culé. “Joder, cinco millóns de euros. E parecía parvo”, opinei. “E falas ti que es autónomo? Que seguro que todos os meses cobras en B e fas cambalaches coas facturas?” Entramos e seguimos falando de maxia. “Si, vale, o que queiras, pero é o mellor xogador do mundo”, dixo caendo rendido. Selei a trifulca pagándolle a copa.

Un autónomo pequeno, que pague a cota mínima, coa súa parella no paro, poñamos un par de fillos e unha hipoteca, non practica a economía mergullada, practica economía de supervivencia

Todos os fontaneiros son culpables de que no Estado exista a economía mergullada. Todos. Os fontaneiros, os deseñadores gráficos, os fotógrafos de vodas, algún poeta, afundiron o sistema. Esta teoría é utilizada de xeito constante por aqueles que saben que defraudar por enriba dos 120.000 euros é delito e fano entón por 119.000. Por eles, polos seus asesores fiscais e os seus contactos. Eles que poden. Un autónomo pequeno, que pague a cota mínima, coa súa parella no paro, poñamos un par de fillos e unha hipoteca, non practica a economía mergullada, practica economía de supervivencia. Poñelo a el como exemplo de desequilibrar o sistema económico é sádico.

Dende as tribunas dos parlamentos todo é amor: “Os emprendedores son o motor económico de España”

Pero dende as tribunas dos parlamentos todo é amor. “Os emprendedores son o motor económico de España”. “Os tres millóns de autónomos merecen todo o noso apoio”. “A reforma fiscal beneficia ás pequenas empresas”. Logo, a estes discursos adxúntanlles as bases dunhas subvencións mal repartidas elaboradas baixo uns requirimentos que buscan a rendición do solicitante e xa está. Axudas que, se o abafamento che obriga a pechar o negocio en menos de tres anos, tes que devolver, coma un empréstito envelenado. Se a isto lle engaden que o dereito a paro é unha fantasía, sáelles o combinado do autónomo sen cogombro e sen angostura. A pelo.

Non existen medidas reais que axuden a apuntalar proxectos que arrancan. O emprendedor autónomo case sempre está superado polos gastos

Non existen medidas reais que axuden a apuntalar proxectos que arrancan. O emprendedor autónomo case sempre está superado polos gastos. Quizais porque as tribunas dos parlamentos as ocupan aqueles que, na súa meirande parte, teñen a axenda do smartphone cargada de posibilidades. Os mesmos que esquecen que esa tribuna, brillante e ben puída, foi fabricada seguramente por un carpinteiro cotizante dese Réxime Especial.

“Somos os pagafantas dos arrimadores de ombro”, tuiteoume o outro día un follower co que falaba do asunto. Montar algo por ti mesmo é coma vivir sempre despois de morto. Algo así. Resucitar para reencarnarte en ti e ir sobrevivindo por autonomaxia. Ou iso, ou loitar pola herdanza da Duquesa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.