Axitando o péndulo

A cada vez máis acentuada perspectiva difundida nos mass media e na opinión pública internacional sobre o eventual cambio de ciclo político que actualmente está vivindo América Latina, particularmente definido pola evolución dunha ampla axenda electoral a nivel hemisférico e, principalmente, polos efectos colaterais observados ante o proceso aperturista entre EUA e Cuba, da pe para intuír sobre os pasos dunha recomposición do escenario e das forzas políticas, especialmente no contexto suramericano, con claras implicacións no contexto global. En clave hemisférica, esta nova etapa apreciaría un movemento do péndulo político e electoral diametralmente diferente ao ascenso e consolidación dos partidos e movementos progresistas observado na rexión desde 1999, potenciando a posibilidade de (re) impulsar un novo establishment político. No aspecto global, esta recomposición anunciaría as bases dun sistema “bi-multipolar” que sepulte definitivamente a etapa da “posguerra fría”.

Observando atentamente o actual contexto electoral latinoamericano, as expectativas focalízanse principalmente en Arxentina e Venezuela, sen desestimar o contexto de crise política que observa actualmente Brasil e a súbita reaparición de protestas sociais, principalmente por parte de movementos sindicais e indíxenas, contra o presidente ecuatoriano Rafael Correa.

Con todo, este escenario non se circunscribe unicamente a un contexto político e electoral determinado. A paulatina caída dos prezos das materias primas nos mercados internacionais desde 2011 afecta sensiblemente a economías esencialmente mono- produtoras como son as latinoamericanas, toda vez os efectos hemisféricos da crise económica global repercuten na fragmentación política e electoral, alternado un péndulo ata agora electoral e politicamente hexemonizado pola diversidade de forzas de esquerda que gobernan na rexión.

O ciclo “post” – Kirchner, Chávez, PT

En perspectiva, estes escenarios e as súas consecuentes expectativas de carácter electoral están visiblemente redimensionando o contexto político rexional. Algunhas sinais de advertencia foron xa esgrimidas durante o cumio do Consello Político da ALBA realizado en Caracas o pasado 10 de agosto.

Neste foro, a chanceler venezolana Delcy Rodríguez instou a este organismo na necesidade de adoptar medidas contra o que denominou como o “golpe suave” de carácter electoral que presuntamente impulsaría Washington a nivel hemisférico, a través dunha presumible “axenda post-Panamá”, en referencia ás consecuencias xeopolíticas establecidas pola apertura cubano-estadounidense consolidada no Cumio das Américas celebrado en abril pasado na capital do itsmo hemisférico.

Deste xeito, os movementos do péndulo comezan a fortalecer as súas cartas en clave electoral. A definición das candidaturas presidenciais de cara aos comicios arxentinos do próximo 25 de outubro dan conta non só dos intereses establecidos senón das incertezas fomentadas por este novo escenario.

Consolidada a súa candidatura dentro da oficialista Fronte para a Vitoria (FpV), Daniel Scioli deberá agora abandeirar un liderado “post-kirchnerista” atomizado polas disensións internas (en particular a candidatura do peronista Sergio Massa pola Fronte Renovadora), das presións exteriores contra o goberno de Cristina Fernández de Kirchner (default financeiro, caso Nisman), dos síntomas de crise socioeconómica e finalmente do desafío formulado polas opcións radicalmente “antikirchneristas” establecidas polo seu principal rival electoral, o conservador  Mauricio Macri. 

As expectativas dun final de ciclo “kirchnerista” na Arxentina preponderante desde 2003 e o hipotético fortalecemento electoral do “macrismo” son factores que gravitarán directamente de cara a outro escenario electoral, neste caso mais politicamente radicalizado, como é o caso de Venezuela, agravado agora por un preocupante cadro de crise económica, financeira e social que está repercutindo a nivel hemisférico.

O “post-chavismo” liderado polo actual presidente Nicolás Maduro deberá acometer o seu mais serio proceso electoral, os comicios lexislativos do próximo 6 de decembro, dentro dun contexto visiblemente complexo e incluso desfavorable. Son cada vez maiores as contestacións, tanto internas como externas, sobre a consistencia do liderado de Maduro, toda vez o agravamento da crise socioeconómica (escaseza, inflación, inseguridade cidadá, corrupción) está progresivamente degradando o apoio das clases populares, bastión tradicional do electorado “chavista”, e potenciando un maior descontento social.

Paralelamente, apréciase unha sensación de inercia dentro dun “post-chavismo” aparentemente incapaz de reconducirse e cada vez mais acosado dende o exterior, en particular ante as acusacións de presunta corrupción e vinculación co narcotráfico por parte de altos cargos políticos e militares. Toda vez, a recente crise diplomática entre Venezuela a Guíana pola delimitación marítima en torno ao territorio Esequibo(1), en particular ante os proxectos de exploración petroleira da multinacional Exxon Mobil, así como as detencións de líderes opositores e a inhabilitación xudicial de candidaturas electorais dentro dunha plataforma opositora (Mesa pola Unidade) politicamente fragmentada, suxire a adopción dunha presunta deriva autoritaria e represiva por parte de Maduro que fortalece estas presións e expectativas orientadas a alterar radicalmente o péndulo político venezolano.

Recreando as expectativas sobre un eventual fin de ciclo hexemónico “kirchnerista” e “chavista”, outro escenario estratéxico deste movemento de péndulo é Brasil. A presidenta Dilma Roussef acomete no seu segundo mandato a súa peor crise política baixo unha dramática caída de popularidade (menor ao 7% segundo algunhas enquisas) e as presións opositoras de impulsar un impeachment ou xuízo político antes de finalizar o seu actual período presidencial en 2019.

Acosada en diversos frontes, cun cadro económico cada vez mais depresivo tralo espectacular ciclo expansivo anterior, do retorno da inflación e do impacto das políticas de austeridade que afectan importantes programas sociais, Dilma igualmente observa con preocupación en qué medida lle afectan os ataques contra o seu antecesor presidencial e benefactor político, o ex mandatario Lula da Silva. A reaparición de Lula no escenario político brasileiro con claras intencións de evitar unha caída política do gobernante Partido dos Traballadores (PT) vese igualmente contestada pola persistencia dos casos de corrupción (casos PETROBRAS e Odebrecht)(2) que vinculan a un círculo de poder próximo a Dilma e Lula.

Con todo, o principal impulsor do impeachment contra Dilma, o seu rival electoral e actual líder da oposición Aécio Neves, abandeirado do PSDB, non logra acadar por completo os apoios parlamentarios por parte doutras formacións políticas de esquerdas (PMDB), concretando un escenario de incertezas que fracturará o xa claramente polarizado mapa político brasileiro.

Se ben apréciase notoriamente consolidado o progresismo de esquerdas en Uruguai (Fronte Ampla) así como a opción indixenista en Bolivia (Evo Morales), outros escenarios de tensión están comezando a observarse en Ecuador, que celebrará eleccións presidenciais en 2017, sen desestimar o contexto peruano de cara aos comicios presidenciais de 2016.

Trala súa abafante reelección en 2013, e se ben segue a manter sólidos índices de popularidade, o presidente ecuatoriano Rafael Correa acomete un contexto determinado pola caída dos prezos de materias primas, que restrinxe o ata agora notable crecemento económico ecuatoriano. Este escenario polarízase ante a renovación da confrontación de Correa cos principais medios de comunicación do seu país, así como da recente reactivación de protestas a nivel nacional por parte de sindicatos e movementos indixenistas liderados pola Confederación de Nacionalidades Indíxenas de Ecuador (CONAIE), cuxas expectativas estarían progresivamente concentradas en degradas as perspectivas dunha nova reelección de Correa en 2017.

Pola súa banda, e a pesar de gobernar un dos países con maior crecemento económico a nivel hemisférico nos últimos anos e peza chave na configuración de novas arquitecturas de integración (Alianza do Pacífico, China-CELAC,), o presidente peruano Ollanta Humala mantén escasos índices de popularidade, toda vez as incertezas sobre a definición dunha candidatura oficialista para os comicios de 2016 (cuxas expectativas sinalan a súa esposa Nadine Heredia) fortalece as perspectivas de cambio político a favor dun eventual retorno do “fujimorismo”, a través de Keiko Fujimori, filla do enxuizado ex presidente peruano.

 

Un novo “Consenso de Washington”

Atendendo este novo ciclo electoral, resulta evidente que a histórica distensión diplomática entre Washington e A Habana, consolidada esta semana coa visita do Secretario de Estado John Kerry a Cuba, supón a peza estratéxica clave dentro da nova reconfiguración das forzas políticas e das realidades xeopolíticas a nivel hemisférico.

Neste sentido, a estratéxica apertura de Barack Obama cara Cuba así como as potenciais expectativas dunha nova relación de Washington con Teherán, definen a alteración do mapa estratéxico dende o hemisferio occidental ata Oriente Próximo e Asia Central, coa perspectiva estratéxica de sepultar vellos conflitos e abordar novas realidades fraguadas pola cada vez mais evidente conformación dun sistema internacional “bi-multipolar”, onde a rivalidade entre EUA e China verase contextualizada pola potenciación de actores como Rusia, India, e Brasil e, con menor magnitude global, Alemaña dentro do contexto europeo e Xapón no concerto asiático.

Cómpre por tanto observar como Washington deseña novas iniciativas hemisféricas orientadas a acometer unha nova realidade xeopolítica global. A Iniciativa Enerxética para o Caribe impulsada en xaneiro pasado en Washington e consolidada por Obama durante unha visita a Xamaica previo ao Cumio das Américas de abril pasado en Panamá, define unha variable intimamente ligada á apertura diplomática con Cuba, a degradación do papel de Venezuela como benefactor enerxético a través de PETROCARIBE e incluso a eventual inclusión de Irán como socio enerxético caribeño, aspecto claramente ligado ás potencialidades dunha eventual apertura con Teherán tralo acordo nuclear establecido en Viena a comezos de xullo.

Para Washington resulta imperativo establecer marcos de contención cara o preponderante papel que, como socio económico estratéxico, ven establecendo China a nivel hemisférico durante a derradeira década, en particular cara determinados países (Venezuela, Cuba, Brasil, Arxentina, Ecuador, Perú, Chile), organismos de integración (Foros China-CELAC, China-Alianza do Pacífico, China-ALBA) e proxectos de infraestruturas (Canle de Nicaragua e ampliación da Canle de Panamá)

Nesta perspectiva, Washington observa claramente unha polarización de iniciativas de integración (Alianza do Pacífico e CELAC) que parcialmente dilúen e degradan a súa tradicional esfera de influencia hemisférica. Cunha OEA practicamente fora de actuación como reliquia da “guerra fría”, este contexto hemisférico de integración observa igualmente outras realidades (UNASUR, MERCOSUR, ALBA) fragmentadas nunha sensación de inercia e parálise política que igualmente dificultan a potenciación de iniciativas alternativas a nivel global.

A confluencia dun novo “Consenso de Washington” abarca igualmente a perspectiva atlantista, a través do impulso do Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos (TTIP) coa Unión Europea e a revitalización da OTAN como marco de contención de Rusia tralo conflito ucraíno e a eventualidade dunha asociación estratéxica entre Beijing e Moscova que lexitime o papel da asociación transatlántica, finalizando así o breve interregno da “posguerra fría”.

Con isto, o impulso da Iniciativa Transpacífico por parte de Obama desde 2011 focaliza a necesidade de establecer marcos de contención contra a eventual configuración estratéxica con epicentro en China, particularmente a través de mecanismos de integración como a Conferencia de Xangai, a Ruta da Seda, a Unión Euroasiática, a CICA e a Casa Común Asiática. Mirando en perspectiva global, a alteración do péndulo político e electoral latinoamericano xoga un papel clave nesta reconfiguración de intereses hemisférica establecida por Washington, efecto xeopolítico colateral da apertura con Cuba e das expectativas de entendemento con Teherán.

 

Notas:

(1) Territorio historicamente en reclamación por parte de Venezuela desde a súa independencia en 1830. O Laudo Arbitral de París de 1899, impulsado por EUA e Gran Bretaña, acordou resolver ante instancias internacionais a delimitación do territorio Esequibo, na fronteira Leste de Venezuela e na Oeste do entón territorio de Guíana baixo soberanía británica. O Acordo de Xenebra de 1966, que certificou a independencia da actual República Cooperativa de Guíana da soberanía británica, revitalizou as demandas de Caracas, temporalmente paralizadas polo Protocolo de Porto España (1970), cuxa vixencia rematou en 1982. Dende entón, o goberno venezolano tenta reconducir a súa reclamación ante instancias internacionais mentres Guíana ven permitindo a explotación por parte de multinacionais dos recursos forestais do territorio Esequibo, así como recentemente dos seus recursos enerxéticos dentro da súa plataforma marítima.

(2) As orixes dos escándalos de corrupción e malversación de fondos públicos na estatal enerxética PETROBRAS e na construtora Odebrecht remóntanse ao período presidencial de Lula da Silva (2003-2011), cando a actual mandataria Dilma Rousseff presidía o consello directivo de PETROBRAS. Estímase que aproximadamente un 40% dos congresistas federais están implicados e investigados por diversos delictos de corrupción e peculado. Fonte: “Brasil. De la euforia a la depresión”, Informe Semanal de Política Exterior, Nº 949, 3 de agosto de 2015, páxina 2.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.