Bater ao redor do arbusto

CC-BY-SA Praza Pública

Cada vez hai mais sinais relevantes de que goberno de coalición (PSOE/UP) vai camiño de tropezar na mesma pedra que gobernos anteriores do PSOE (Felipe Gonzalez, Jose Luis Zapatero), a pedra do mercado laboral. As declaracións da Vicepresidencia terceira do Goberno e Ministra de Asuntos Económicos e Transformación dixital, Nadia Calviño, sobre por caso o SMI (Salario Mínimo Interprofesional), a súa teima coa mochila austríaca e a súa posición cara a reforma laboral non deixan lugar a dúbidas de que no sector económico do PSOE, por moito que agora queiran "bater o redor do arbusto", segue mandando a visión neoliberal da economía e moi particularmente da política laboral 

Xa dimos conta en artigos anteriores de como a posición política do actual goberno español sobre o sistema público de pensións (https://praza.gal/opinion/o-pacto-de-toledo-e-as-pensions-publicas-i) camiña da man do dogma neoliberal ao querer introducir cambios relevantes no sistema (período de carencia, base de cálculo...) que conducen a unha redución dos importes medios nas futuras pensións públicas. Cambios cos que esperan favorecer a implantación do sistema de capitalización privada (fondos de pensión de empresa).

Paralelamente a prometida derogación da reforma laboral segue parada por moito que a Ministra de Traballo (Yolanda Díaz) repita, unha vez si e outra tamén, que mantén o seu compromiso de derogala. Un compromiso que o documento subscrito polo PSOE e UP, co gallo do goberno de coalición, presentaba como un dos proxectos estrela e que fora unha das promesas que maior apoio recibira tanto por parte do movemento sindical como do conxunto das clases traballadoras. Paralelamente e nos últimos días tivemos un novo exemplo, deste bater o redor do arbusto, coas citadas declaracións da ministra Calviño en relación ao SMI (Salario Mínimo Interprofesional) que finalmente se queda como estaba (950 euros) ao concederlle o Presidente o dereito de veto aos empresarios. Unha decisión difícil de entender dende unha perspectiva minimamente social posto que, por caso, entre os estados europeos do noso entorno so Portugal ten un SMI mais baixo. Moito mais si temos en conta que a suba proposta polo Ministerio de Traballo era dun modestísimo 0,9%: 9 euros/mes. Unha pequeneira suba que, a pesar diso, aplicada a 1,5 millóns de traballadores suporían un importante empurrón a demanda interna beneficiando xa que logo a actividade e ao emprego. Mal, moi mal fai o goberno español aceptando esta nova chantaxe dunha clase empresarial acostumada a saírse sempre coa súa.

Por outra parte a citada resistencia a derogar unha reforma laboral neoliberal (Real Decreto 3/2012 do 10 de febreiro de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral. BOE 11.02.2012) que facilita a precariedade (Capítulo II), a flexibilidade (Capítulo III) e o despido (Capítulo IV), significa que no goberno español de torno son maioría os membros que apostan pola dogma dos "mercados perfectos" quen culpa aos traballadores do desemprego. Dogma ao que xa me teño referido nestas mesmas páxinas (https://praza.gal/opinion/fake-news-sobre-o-emprego) que, resumindo, afirma que para conseguir o pleno emprego é necesario acadar o salario do equilibrio (oferta/demanda) pero que cando non se consegue, dado que os mercados son perfectos, é polos factores que fan rexidos os mercados laborais: a negociación colectiva, a presencia sindical, o seguro de desemprego, o SMI..... Ideas moi antigas pero que se veñen impoñendo nas últimas décadas a pesar de que as evidencias demostran que nin teñen consistencia nin producen os resultados que aseguran. España é un caso de libro na Unión Europea.

Este bater ao redor do arbusto para quedar no mesmo sitio non é unha boa estratexia política como, no seu día, puideron comprobar Felipe Gonzalez e Jose Luis Zapatero. Este querer darlle sempre a razón aos empresarios aínda que sexa en contra dos intereses dos traballadores leva a perder apoios relevantes sen ganar outros de recambio. Algo do que ven avisando o movemento sindical cando expresa o seu malestar e ameaza con manifestarse polo "bater o redor do arbusto" do Goberno español co SMI, a Reforma laboral e as Pensións. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.