Beguin the Beguin. Sísifo

Ama de casa nova. Alekséi Tyranov Dominio Público Alekséi Tyranov

Un mito moi coñecido e recoñecible é o deste home, castigado por Zeus, o deus grego, pola súa impiedade ou segundo outra versión, polo seu mal comportamento. Din que obtiña riquezas roubándolle aos viaxeiros.

Os viaxeiros xa eran daquela, e son aínda, presas fáciles para os rateiros.

Andan despistados, buscando por onde ir, consultando mapas. Miran os edificios, de arriba a abaixo, detéñense na contemplación. De iren acompañados fan algún comentario. Así é doado que mans hábiles se introduzan nos bolsos ou nos petos. Por isto, por aproveitarse dos viaxeiros, hai quen di, que foi castigado Sísifo.

A súa condena consistía en subir unha alta e empinada montaña, cargado cunha grande e pesada pedra, até a cima. Pero, hélàs, cando daba chegado, a pedra reclamada pola forza de gravidade, escapaba das súas mans e rodaba toda a montaña. O pobre Sísifo volvía por ela e volta a subir a pedra até o alto da montaña, para vela rodar novamente..

Este afán de Sísifo, representa o labor, unha faena sempiterna, unha realización que non dura, que acostuma facer unha persoa soa. Unha empanada que se come, uns pratos que se manchan e se fregan para volvelos a manchar; un leito que se fai de mañá para desfacelo á noite, un refrixerador cheo que deseguida se baleira, e hai que ir outra vez á compra para volvelo encher, unha botella de viño que se bebe….. A persoa que limpa a casa, ten que volvela a limpar ao día seguinte, e lavar novamente todo, ou comprar novos alimentos, ou repasar a roupa seca….Non é un traballo. É un labor, o conto da boa pipa.

Do traballo obtense algo duradeiro. Un albanel que traballa en equipo fai unha casa. Previamente unha arquitecta fixo un deseño. Un aparellador consegue que chegue a bo fin. Poñen un ramo no tellado ao finalizar .

Un único albanel fai unhas paredes na súa casa. Cun amigo fontaneiro, montan un cuarto de baño. Será duradeiro. Son traballadores. 

Unha muller sae cedo da súa casa e vai á fábrica onde traballa. Ten que estar alí a unha hora concreta. Entra, ficha, pon o mandilón de traballo igual que todas, e séntase no seu lugar. Traballan en equipa e deben concentrarse. Se unha se despista, altérase o ritmo de traballo.

Ao chegar a casa aínda ten que facer a comida. O marido chega con fame despois de traballar. A chiquita lle provoca máis fame. Devora. Aínda rapina as migas de pan de arredor como un ladrón. Como se non comese! Non queda nada do que fixo na cociña. Todo foi para os bandullos.

Despois hailles que preparar a merenda para os nenos cando cheguen do colexio. Menos mal que comen alí! Ir ao supermercado. O refrixerador baléirase como nun furto. Aínda ten roupa que repasar. Os mandilóns do colexio hai que mudarllos a miúdo coma se traballasen nun taller. Uf! Vai co carriño vendo a cama coma se fose un oasis no deserto. 

Ás persoas que fan os labores domésticos, que maioritariamente son mulleres, reciben o nome, indignante de “amas de casa”. Propoño chamarlles Sísifes, un nome máis sonoro e bonito. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.