Beiras e mais eu

Beiras e máis eu non somos beiristas. Xa dicía K. Marx "eu o único que sei é que non son marxista", digamos que non comungaba co dogma derivado das súas ideas. A Beiras tampouco o vexo eu moi escolástico nin sequera das súas ideas. A min nunca se me deu por ser beirista, nin sequera cando cadraba obxectivamente do seu lado fun moi devoto da súa figura, sempre me deu por estar ofrecido a santos menores. Como nunca fun beirista tampouco son antibeirista, o que fai que valore a súa achega e o seu significado de forma laica e desapaixonada.

Como nunca fun beirista tampouco son antibeirista, o que fai que valore a súa achega e o seu significado de forma laica e desapaixonada

Xosé Manuel Beiras é seguramente a figura viva máis importante do galeguismo e da esquerda no noso país. Nas últimas eleccións eu dixen a quen me quixo escoitar que Beiras dispoñía cando menos de 3 capitais: (1) un halo de vello intelectual coherente que xera confianza e conecta coas ansias da xente nova (como Hessel ou Sampedro); (2) identificación cunha traxectoria do galeguismo/nacionalismo que leva consigo a onde vai, e (3) a nivel electoral está o nivel de coñecemento (notoriedade) e o feito de que perto de 400.000 persoas xa votaran por un BNG encabezado por Beiras no ano 1997. Diante da desafección masiva sobre a casta política, Beiras ten credibilidade, é escoitado, moita xente entende que di as verdades e por fin alguén di algo distinto e que poucos como el son capaces de poñer en apuros aos poderosos.

O menos coherente desde logo é permanecer inmóbil en canto os contextos mudan. En xeral, Beiras foi capaz de encabezar ou catalizar as mellores enerxías transformadoras de cada momento (tamén algunhas nocivas)

Beiras foi o máis galeguista, o máis federalista, o máis galeuskista, o máis demócrata, o máis socialdemócrata, o máis altermundista, o máis independentista, o máis indignado, sempre o máis. Non me entendades mal, fora de min a pretensión de considerar incoherente a súa traxectoria, eu non vexo tan incompatibles estes idearios, e sobre todo cada momento precisa primar un valor. Supoño que iso tamén será marxista, adecuarse a cada contexto, ao lugar, ao tempo, ás posibilidades ou ás capacidades propias. O menos coherente desde logo é permanecer inmóbil en canto os contextos mudan. En xeral, Beiras foi capaz de encabezar ou catalizar as mellores enerxías transformadoras de cada momento (tamén algunhas nocivas).

 

Nacionalismo ou esquerda? Si por favor

Independencia e anticapitalismo son os marcos que acoutan as leiras neste momento, de xeito que primar un ou outro define distintas alianzas e supostas traizóns a algún legado

Un coñecido texto de S. Žižek titúlase Loita de clases ou posmodernismo? Si, por favor!, e nel o filósofo négase a elixir e a aceptar a dicotomía que confronta alternativas que non teñen porque selo. Algo semellante sucede coa esquerda e o nacionalismo. Antes das eleccións galegas fixen o meu modesto alegato sobre a necesidade de confluír distintas tradicións políticas e conxugar unha vella-nova gramática de cooperación no común onde a linguaxe non sexa 'ou...ou' senón 'e...e', penso que é a demanda da maioría cidadá: deixádevos de leas, postureos e diferencias abstractas. Porque as forzas políticas realmente existentes andan á procura dun espazo propio e dunha definición privativa que deslinde o que son eles do resto. Independencia e anticapitalismo son os marcos que acoutan as leiras neste momento, de xeito que primar un ou outro define distintas alianzas e supostas traizóns a algún legado.

Xa é curioso que nun momento dunha agresión masiva e dun clamor pola unidade de acción contra barbarie que padecemos se apele a etiquetas coas que a penas se identificaría un 10% da poboación

Xa é curioso que nun momento dunha agresión masiva e dun clamor pola unidade de acción contra barbarie que padecemos se apele a etiquetas coas que a penas se identificaría un 10% da poboación. Pobo, xente do común, multitude, maioría social... e pretendemos fundar as alianzas sobre o que nos  distancia e desatender o que temos en común?. Eu tampouco me recoñezo nesas palabras, sei que son unha persoa moderada, para que vou dicir outra cousa, radical pero moderada. A experiencia vital e política tenme mostrado que os postureos extremistas tenden a ser escasamente transformadores, bastante sectarios e pouco democráticos, cousas miñas. Eu son irrelevante, pero teño para min que son un indicador: se eu, que son máis de esquerdas e nacionalista que a maioría da sociedade, non acabo de emocionarme cos proxectos, como vamos facer algo ambicioso e con vontade maioritaria? Tamén pode ser que estea resabiado e que non sexa indicador ningún. Só estou advertindo das palabras que fraccionan as enerxías transformadoras, que mobilizan e fidelizan a uns poucos e desalentan aos máis. En realidade as etiquetas atenden á finalidade de atopar un 'nicho' político (nunca mellor dito) e son marcas simbólicas que acoutan o auténtico e impiden que outras forzas e miles de cidadás/ns se sumen a unha alternativa.

As etiquetas atenden á finalidade de atopar un nicho político (nunca mellor dito) e son marcas simbólicas que acoutan o auténtico e impiden que outras forzas e miles de cidadás/ns se sumen a unha alternativa

Acontece que Xosé Manuel Beiras dispón de autoridade moral no ámbito da esquerda e do nacionalismo, e sobre todo credibilidade para a maioría cidadá. Porén as forzas que operan hoxe non significan exactamente o mesmo, tanto en AGE -como no BNG ou en CxG- teñen moito peso a forza de vellas lóxicas e aparatos, formais ou informais. Ao meu xuízo AGE foi recoñecida nas eleccións como o voto que mellor canalizaba o malestar existente, e para combater o 'queren acabar con todo', sabemos que a motivación negativa do voto ten maior peso que a positiva e agora tocaba rexeitar todo o asociado ao PP. Ademais de Beiras ou intuír outra forma de facer valorouse o esforzo de unión, de encontro que rompía parcelas. Era importante a achega de cada grupo que se sumaba (Anova, Equo, EcoSocialistas e Esquerda Unida) pero foino moito máis a percepción de confluencia, como acontece cos auténticos movementos sociais a xente desborda as organizacións e acaba sendo moito máis relevante o que está fora delas que dentro. Á marxe da intrahistoria, outros esforzos como os de Compromiso non se apreciaron así e quedaron eclipsados, nese momento.  

 

O público, o social, o común

Creo que se pode romper a maldición que retroalimenta Feijóo-Beiras, existen as condicións para construír no noso país unha alternativa capaz de derrotar ao PP non encabezada polo PSOE

Hoxe as forzas supostamente alternativas temos unha gran dificultade para conformar unha alternativa real e crible ante a sociedade. O pensamento e a práctica únicos son hexemónicos. Semella existir un só modelo e a súa crítica, de maneira que O'Beiras compréndese como un xenio opositor e un gobernante imposible. Creo que se pode romper a maldición que retroalimenta Feijóo-Beiras, existen as condicións para construír no noso país unha alternativa capaz de derrotar ao PP non encabezada polo PSOE. Tamén é unha demanda cidadá, non podemos instalarnos nunha resistencia máis ou menos pasiva ou incómoda, compre pasar de ser incomodidade para os gobernantes a ser goberno incomodo para os poderosos, ser unha auténtica ameaza construído alternativas.  Alternativas nas que a maioría cidadá se apropie democraticamente das institucións para transformalas.

Lamentarse da tecnocracia, da plutocracia, da cleptocracia non debe ficar no momento negativo, temos que (re)construír o público revalorizando o labor profesional, a decisión política e a implicación cidadá

Hai algo contraditorio en sermos os maiores defensores do público ao tempo que desprezamos e erosionamos o labor das súas institucións. Non podemos tirar o bebé co balde da auga sucia, temos que rexenerar e reforzar o público. Lamentarse da tecnocracia, da plutocracia, da cleptocracia non debe ficar no momento negativo, temos que (re)construír o público revalorizando o labor profesional, a decisión política e a implicación cidadá. A democracia vai máis alá de parlamentos, concellos, administración e gobernos, pero tamén é básica a súa recuperación das institucións públicas a través da súa democratización. Precisamos institucións que reforcen o prestixio do público porque son transparentes, útiles e permeables á cidadanía. A defensa do público debe ir da man do empoderamento e a cooperación social: (re)construíndo a cultura do común.

Precisamos institucións que reforcen o prestixio do público porque son transparentes, útiles e permeables á cidadanía. A defensa do público debe ir da man do empoderamento e a cooperación social: (re)construíndo a cultura do común

Ao mesmo tempo precisamos estar na sociedade e nas rúas, pero as rúas son manifestación, son xogo, son encontro, son xente que dorme en portais e que pide, son festa e son ágora. Dicía Bruce Lee Be Water, My Friend a cuestión non é estar na sociedade temos que ser sociedade, as organizacións deben estar desde o respecto pero deben estar empapadas desta realidade cidadá, e facelos parte das nosas reflexións e decisións. Hoxe non acabo de ver que os instrumentos que utilizamos sexan capaces de canalizar estes fluxos, de chegar máis alá dos ultramobilizados, hai que explorar moitas maneiras novas de abrirnos á xente.  

 

Mente ampla, intelixencia colectiva e multitude

A clave non está en tomar o poder para transformar a realidade, a clave é transformar as formas de exercer o poder e xerar poder coa potencia da cooperación

Eu non sei o que hai que facer, para que vou enganar a ninguén. Non sei se precisamos ampliar frontes, unha guía de partidos ou un movemento 'party', pero desde logo necesitamos un espazo de encontro que desborde a suma das partes. Asistimos no noso entorno á gran contradición de que os partidos políticos deberían ser un dos piares da democracia e eles non superan os mínimos democráticos. Hai que rachar con isto, a democracia ten que ir moito máis alá dos partidos e da súa interacción pero se aspiramos a significar cambio debemos levantar unha alternativa que anticipe o que pedimos para a sociedade. A radicalidade democrática interna e a participación cidadá poden ser exemplo e demostración dun cambio. A clave non está en tomar o poder para transformar a realidade, a clave é transformar as formas de exercer o poder e xerar poder coa potencia da cooperación. Hai que asumir gobernos, claro, pero desde outra cultura de facer en común coa xente e exercendo a soberanía cidadá.

Hoxe parece cándida a idea de Lenin de que o comunismo eran soviets + electricidade, eu nunca fun comunista pero tampouco penso que o futuro sexan asembleas + internet, temos que internalizar outra forma de facer e prácticas de convivencia entre nós e coa sociedade. Anova +CxG +Equo +BNG +EU +EcoSocialistas tal como están agora son unha pequena parte dos axentes de cambio, o contexto social alenta a unidade e o contexto xurídico e político vai obrigar a encontrarnos ou a irrelevancia. O encontro ha de ser desde a sociedade e o convencemento de que a política pode ser outra cousa.

Anova +CxG +Equo +BNG +EU +EcoSocialistas tal como están agora son unha pequena parte dos axentes de cambio, o contexto social alenta a unidade e o contexto xurídico e político vai obrigar a encontrarnos ou a irrelevancia

Teño grandes temores á unha nova unión, porque pode retornarnos a aquilo do que fuximos. Cambiar todo para que todo continúe igual, mellorando para peor. O asunto é bastante máis que agardar o duelo, pechar feridas e facilitar o reencontro. Abundan as propostas de 'fronte estreita' que son auténticas regresións. Hai un fundado temor a volver ao de sempre, porque hai sumas que restan. En política, como nos ecosistemas, hai elementos que funcionan como as especies invasoras, a súa presenza elimina a diversidade, reduce a riqueza do conxunto e mesmo degrada o chan. Son habituais as dinámicas militantes nas que un grupo impide medrar nada alleo ao seu control e instala lóxicas de exclusión ás que só se achega xente por interese ou fanatismo, deixando fóra a maioría.

Teño grandes temores á unha nova unión, porque pode retornarnos a aquilo do que fuximos. Cambiar todo para que todo continúe igual, mellorando para peor

Multitude é esa fermosa idea de Spinoza que foi recuperada no presente para reforzar a idea da pluralidade, a potencia da cooperación e da alegría do facer en común. Din A. Gutierrez-Rubí e Juan Freire que "as multitudes non son unha turba, caótica, nin unha masa, homoxénea; son un colectivo diverso e organizado en rede", precisamos reforzar a intelixencia colectiva para a transformación social. Dáme igual a fronte ampla a cuestión é ter a mente aberta. Eu aprendín dun amigo de Beiras e un dos teóricos políticos actuais máis interesantes, Ernesto Laclau, como en determinados contextos figuras fortes son capaces conectar coas aspiracións populares incluíndo a maioría da sociedade no proceso democrático. O difícil é atopar o punto de equilibrio entre esa persoa que sintoniza coa sociedade e canaliza as ansias maioritarias do pobo, e garantir un proceso colectivo democratizador en vez dun cesarismo, o tradicional culto á personalidade e o poder discrecional de calquera déspota. Bastante xente desconfía de Xosé Manuel Beiras, eu mesmo sentín que por momentos a súa supervivencia particular primou sobre o horizonte compartido.

O problema é quen administra a Beiras, porque o certo é que o capital simbólico Beiras tivo e ten rexentes con obxectivos un tanto miserables, no propio Xosé Manuel xogan máis pulsións que o amor e a razón

Non pasa nada, incluso eu me equivoco. Moitos non buscamos un mesías, nin un heroe, nin un líder que nos guíe, que saiba o que hai que facer en cada momento. Beiras ten unha enorme intelixencia política e intuición pero eu non penso sentar a esperar o que pensa, o que opina ou o que di, eu quero facer en común con el e coa maioría social. O problema é quen administra a Beiras, porque o certo é que o capital simbólico Beiras tivo e ten rexentes con obxectivos un tanto miserables, no propio Xosé Manuel xogan máis pulsións que o amor e a razón. O importante é que o ego e o devanceiro non sobredeteminen a potencia do principal activo para transformación no noso país. Beiras pode xogar un papel moi determinante no presente e no futuro, non me gustaría agardar a que alguén teña que interpretar as súas ideas a través dun paxariño. Entre ficar na canalización da protesta e ser un goberno que reproduce o statu quo hai enormes posibilidades nas que a credibilidade de Beiras debería abrir moitas oportunidades.

Porque hoxe Beiras é un símbolo compartido da esquerda e do nacionalismo que significa socialmente dignidade cívica, Beiras tamén me pertence a min. Debemos socializar a Beiras, é parte do común

Dúas ideas me parecen básicas, a primeira favorecer que a súa sombra facilite agromar moita vida e un ecosistema que nos permitan chegar colectivamente moi lonxe, supoño que non haberá maior satisfacción propia que ver que as túas fillas avanzan máis ca ti. A potencia Beiras non debería desaparecer con el, Anova debería ser moito máis que Beiras, e Beiras é moito máis que Anova. A segunda cuestión é garantir que xogue o papel de figura compartida, que alenta o encontro de tradicións e o vínculo coa cidadanía, convertendo a Beiras na interface dun gran movemento de transformación de vontade maioritaria. Porque hoxe Beiras é un símbolo compartido da esquerda e do nacionalismo que significa socialmente dignidade cívica, Beiras tamén me pertence a min. Debemos socializar a Beiras, é parte do común. Beiras e máis eu, e máis a multitude temos unha gran intelixencia colectiva e unha enorme potencia. Acción!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.