Ben sei que xa sabedes que o 15 de outubro os pensionistas imos a Madrid

Mobilización de pensionistas na Coruña © En Marea

Ben sei que o sabedes. O 15 de outubro os pensionistas imos a Madrid. Non conto nada novo, seguro que xa o líchedes nalgún sitio (aínda que, por se un aquel, deixo este enlace. 1)

Ben sei tamén que coñecemos o artigo 50 da constitución “Os poderes públicos garantirán, mediante pensións adecuadas e actualizadas periodicamente, a suficiencia económica dos cidadáns durante a terceira idade. Así mesmo, e independentemente das obrigas familiares, promoverán o seu benestar mediante un sistema de servizos sociais que atenderán os seus problemas específicos de saúde, vivenda, cultura e lecer”

E que sabemos que este mandato constitucional concrétase no Estado Español no Sistema Público de Pensións (SPP). Un SPP que, con todas as súas eivas e malia a carga dos “gastos impropios”, garantiu e garante o dereito a unhas pensións públicas dignas. Unhas pensións baseadas nun sistema solidario de reparto e que, realmente, son un salario indirecto xerado ao longo da vida laboral activa das persoas traballadoras mediante as cotizacións sociais. Unhas pensións que garanten o dereito a unha vida digna na vellez cando menos aos que tivemos a sorte de cotizar. Unhas pensións que son un bocado apetitoso para o sempre insaciábel poder financeiro. A banca, as aseguradoras e as xestoras de fondos privados pretenden converter ese dereito social nun suculento negocio. 

Ben sei que xa sabemos que é o que adoitan facer con calquera dereito: Privatizalo para convertelo en beneficios, uns beneficios que, finalmente, van acabar (sorpresa!) nos petos do famoso 1%,. Vémolo acotío: Sanidade, Educación, Residencias, Vivenda Pública... Unhas privatizacións que lles xera grandes beneficios a costa dun manifesto empeoramento tanto das prestacións como das condicións de traballo neses sectores. 

Faixa de Modepen na manifestación en defensa das pensións CC-BY-SA Praza Pública

Porque non son só as pensións. Ben sabemos o que está a pasar, a grave crise económica, ecolóxica e social na que vivimos. A débeda e o déficit público xerados por aquel rescate tan “necesario”. A política fiscal brutalmente regresiva. O roubo planificado para incrementar os seus beneficios a costa das nosas rendas e salarios, porque, lembremos, no que vai de 2022, ademais do perdido en 2021 (3% no caso das pensións) a suba media dos salarios foi dun 2,4% e as pensións un 2,5% mentres o IPC real está a facelo moi por riba e mentres os oligopolios fixan “libremente” os prezos xerando grandes beneficios “caídos do ceo”. Uns oligopolios que, pensemos na banca ou nas eléctricas, xa nin se esconden.

Ben sei que sabedes de sobra da cruel guerra que, a evidencia que coñecedes me remito, non é máis ca unha disputa pola hexemonía económica internacional, unha guerra que os interesados non fixeron ren por evitar cando podían e que tampouco se lles ve agora dispostos a parala. Ben sei que xa vos decatáchedes de como se esta a utilizar para desviar cuantiosos recursos públicos para a industria militar e o exército e para unha guerra de sancións con substanciais beneficios para financeiros e especuladores. Ben sei que estades vendo como esa guerra está a xerar unha grave perda de liberdades e un aumento da represión e do autoritarismo.

Non fai falta estenderse moito nisto, hai datos abundantes e claros. E de como afectan ao noso peto, e tamén ás nosas ilusións, e ao noso presente, e ao noso futuro e o dos nosos. Porque ben sei que coñecedes a frase de Stephen Hawking 2 sobre o futuro de “luxo ocioso” para todos ou de “pobreza miserábel” para a maioría segundo a elección que fagamos neste momento. Porque, efectivamente, ben sabemos que é este o momento, que por iso hai tanto control da prensa, tantas fake news (esas trolas millóns de veces repetidas ata parecer verdades), tanto auxe dos supremacistas de todo tipo. É porque agora se está decidindo entre eses dous futuros. 

Tamén sabemos, ou deberiamos de saber, que na loita entre esas dúas opcións hai unha liña clara, a defensa do Ben común contra a dos Intereses particulares dese 1% de oligarcas de calquera parte do mundo. Uns Bens comúns que podemos ler como Dereitos. Os dereitos que nos queren quitar e temos que defender, a sanidade, a educación, a xubilación digna (pensións, residencias, dependencia)... e os que temos que conquistar, como o dereito a unha Vivenda Pública Digna para todos/as, a Crear cultura sen agobios económicos, a Vivir nun mundo sen “crises ecolóxicas”, nun mundo Feminista... En definitiva, a vivir nun mundo en Paz e no que teñamos unha Vida material digna garantida polo simple feito de nacer. Uns dereitos a manter e a conseguir e que vaian no camiño dese “luxo ocioso”.

E sei que xa sabemos que a loita que imos iniciar os e as pensionistas en Madrid non é unha loita só nosa, como tampouco é só dos traballadores sindicados a loita polo mantemento dos salarios e pola mellora das condicións laborais, nin do ecoloxismo a loita para evitar o cambio climático, nin do feminismo e as persoas trans acabar co patriarcado... 

A alternativa hoxe é entre dous futuros. A partir do día 15 deste mes, nós, os pensionistas, imos loitar na nosa parcela, pero sabendo que só a unidade de todas e todos nos permitirá vencer. Porque sabemos que no outono a batalla pola distribución xusta da riqueza e pola equidade de xénero será crucial, especialmente na defensa dos salarios e das pensións e na mellora e defensa de servizos públicos universais e comunitarios.

Porque, no fondo, queremos un mundo de luxo ocioso.


Notas

1https://www.modepen.org/wp-content/uploads/2022/10/Manifiesto-15-Oct-gal.pdf

2“Se as máquinas producen todo o que necesitamos, o resultado dependerá de como se distribúan as cousas. Todo o mundo pode gozar dunha vida de luxo ocioso se se comparte a riqueza producida polas máquinas, ou a maioría da xente pode acabar sendo miserablemente pobre se os propietarios das máquinas presionan con éxito contra a redistribución da riqueza. Ata agora, a tendencia parece ir cara á segunda opción, coa tecnoloxía provocando cada vez máis desigualdades".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.