Benposta oculta

“Década dos 60, co país sometido á ditadura de Franco, e coa Igrexa como cómplice, o día a día eran a represión, a fame e as execucións ao amencer. Neste escenario, un cura ourensán, o Pai Silva, baixo o lema de que "outro mundo é posible”, funda a Cidade dos Muchachos para acoller nenos e nenas sen recursos de todos os cantos do mundo. Crea unha Escola de Circo, unha gasolinera, un centro de ensino e escolas de formación práctica con talleres de ferraxaría, carpintería...”

Contou cun espectáculo de circo innovador que pisou os escenarios máis prestixiosos do mundo por méritos propios pero, a pesar da fama, podemos preguntarnos, tivo ese recoñecemento ou un aplauso máis parecido a compracencia paternalista?

Así comezaba o artigo que Noela Blanco publicaba en Praza o pasado 26 de maio. Escollo este paragrafo a modo de exemplo, non por desautorizar nin polemizar coa Noela, que recolle en parte o que lle chegou dos restos dunha obra destruída, senón porque contén case todos os tópicos que se proxectaron sobre ela: a obra dun cura rebelde, un enfant terrible que mira polos pobres e ao que, por ser cura e de familia coñecida, se lle poden permitir certas veleidades. Unha obra que ademais contaba con talleres unha gasolineira e un circo; presentado sempre coma un mundo pintoresco desde un paternalismo que sempre leva aparellada desconsideración. Contou cun espectáculo de circo innovador que pisou os escenarios máis prestixiosos do mundo por méritos propios pero, a pesar da fama, podemos preguntarnos, tivo ese recoñecemento ou un aplauso máis parecido a compracencia paternalista?

Detrás desta imaxe, un tanto folclórica e formada no artificio do espectáculo, está unha experiencia educativa absolutamente descoñecida. Unha experiencia extraordinaria e singular. Detrás dese mundo pintoresco; onde os rapaces e as rapazas practicaban a democracia elixindo un alcalde e tiñan un banco, moeda propia, talleres, asemblea e goberno; emulando o funcionamento democrático e institucional dunha cidade ou dun país; foise construíndo ao longo de medio século un sistema pedagóxico, que se fixo realidade alí e que desminte algúns axiomas demasiado instalados no sistema educativo imperante.

Detrás desta imaxe, un tanto folclórica e formada no artificio do espectáculo, está unha experiencia educativa absolutamente descoñecida

Podemos atopar referencias ou paralelismos na colonia Gorki de Makarenko como expresión da Pedagoxía Socialista, na pedagoxía antiautoritaria, na pedagoxía dinámica, no optimismo pedagóxico, na pedagoxía libertaria... Podemos dicir que Benposta ten algo de todo pero non responde a ningún modelo concreto; daquela a literatura revolucionaria era moi pouco coñecida aquí e sábese que o cura Silva tivo coñecemento dela máis tarde, cando Benposta xa existía. De calquera maneira, conecta cos mellores precedentes de comunidades humanitarias, sociais ou relixiosas e coas formulacións da utopía. No aspecto máis formal da estrutura foi inspirada por Boys Tawn de Nebraska. O Cura viu de rapaz a película Forxa de Homes que contaba a experiencia do Padre Flanagan e viu nela un reflexo da súa inquietude.

Benposta fómola construíndo todos os que por alí pasamos, atopando fórmulas organizativas para resolver os problemas que se nos ían presentando, cunha concepción absolutamente comunitaria

Porén, Benposta fómola construíndo todos os que por alí pasamos, atopando fórmulas organizativas para resolver os problemas que se nos ían presentando, cunha concepción absolutamente comunitaria. Desde os inicios, co primeiro grupo de fundadores, foi medrando en complexidade ata acadar unha estrutura complexa, na que: moeda, organización, participación democrática, e traballo (servizos á comunidade), non eran un xogo máis ou menos pintoresco senón elementos ao servizo dun sistema. Un sistema que se baseaba na autoxestión e na autonomía financeira como elemento fundamental para garantir a independencia; rexeitando todo tipo de axuda que trouxera marca de caridade ou beneficencia. Aínda que os rapaces que chegaban alí eran maioritariamente do rural e de familias que non tiñan posibilidades de mandar aos seus fillos a estudar, a única  condición para entrar era facelo voluntariamente, e insistíase moito en que non era un centro para pobres. Criticábase o paternalismo e alimentábase o orgullo e a conciencia de individuos con dereitos.

Tiña tamén as súas contradicións; porén, merece un posto de honor na historia da educación

A comunidade educativa funcionaba con altos e baixos por que estaba viva; o sistema tiña moitas interferencias, internas e externas; tiña tamén as súas contradicións; porén, merece un posto de honor na historia da educación. So falta adxudicarllo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.