Biden

© Imaxe distribuída pola campaña de Biden

Reinventor do capitalismo, rexenerador da democracia, etc., os cualificativos arredor de Joe Biden, o novo presidente estadounidense, lembran as expectativas iniciais que espertara Barack Obama, con quen tamén se ten comparado, na onda dunha mensaxe mediática que fai táboa rasa con Donald Trump, especialmente fóra dos EUA. Pero, é para tanto? No seu recente discurso ante o Congreso quixo contrarrestar esa idea de ser unha figura de curto percorrido en razón da súa avanzada idade coa única función relevante de dar paso á súa vicepresidenta Kamala Harris. Un novo Roosevelt, dise. Pero está por ver que darán de si os seus propósitos.

Reinventor do capitalismo, rexenerador da democracia, etc., os cualificativos arredor de Joe Biden, o novo presidente estadounidense, lembran as expectativas iniciais que espertara Barack Obama. Pero, é para tanto?

De entrada, cumpriría destacar a ruptura radical que supuxo no ámbito da loita contra a pandemia, completado agora con ese anuncio respecto da suspensión temporal das patentes das vacinas, unha demanda urxida por moitos países. Tras ese celebrado éxito, os plans de estímulo da economía norteamericana cun montante de varios billóns de dólares terán un efecto significativo na recuperación, que se apreciará nos próximos meses. Trátase dunha resposta inevitable ante a complexa conxuntura. Mais difícil de implementar serán outros anuncios, máis estruturais, como o relativo a un aumento do gasto público para poñer de novo a punto o país en eidos como as infraestruturas ou a educación, claves transcendentais para conxurar o seu declive global, a conta dunha reforma fiscal que, segundo dixo, soportarán os máis ricos e as grandes empresas. 

O de Biden é o recoñecemento mais explícito que se ten producido dos efectos corrosivos das políticas neoliberais dende os tempos de Reagan

O de Biden é o recoñecemento mais explícito que se ten producido dos efectos corrosivos das políticas neoliberais dende os tempos de Reagan. É o regreso con forza das políticas públicas, do compromiso coa superación das desigualdades e, en definitiva, da volta do Estado como actor económico clave co descarte desa idea, tan en voga aínda en moitos lares, de que a redución de impostos aos máis ricos acaba por orixinar un aumento de riqueza para os máis pobres. Pero os republicanos xa lle fixeron saber que non apoiarán os seus paquetes de gasto e que forzarán a súa redución significativa. Queda por tanto un longo tirapuxa que deixa in albis precisamente o anuncio de maior calado.

Biden vai manter no esencial a presión comercial e tecnolóxica sobre o seu principal rival ao que suma unha mais efectiva presión política e estratéxico-militar, aplicada esta vez cun maior empeño multilateral

No ámbito exterior, o abandono do America First non vai supor un cambio radical de política. Demócratas e republicanos comprenden os perigos da era pos-pandémica e comparten a necesidade de facer o imposible por preservar o liderado liberal global. Biden vai manter no esencial a presión comercial e tecnolóxica sobre o seu principal rival ao que suma unha mais efectiva presión política e estratéxico-militar, aplicada esta vez cun maior empeño multilateral. Non obstante, o percorrido desta política tamén é incerto. Esa confianza en que os principios e valores que din defender en Washington seduza aos seus aliados para desenvolver unha política de confrontación ten a eiva da diferenciación de intereses, dos matices que introducen as alternancias políticas e a reserva de que todos eles dependen demasiado economicamente de China como para adoptar políticas totalmente hostís. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.