Binormativismo galego: máis problema ca axuda

A diferenza de Noruega, en Galiza a normativa da RAG e a reintegracionista non xurden de linguas diferentes, senón de concepcións diferentes prá normativización da mesma lingua: o galego

Despois de ler o apoio de X.A. Pérez-Lema, no seu recente artigo: "Galego e lusofonía: o binormativismo como estratexia de País", á proposta de binormativismo que hai tempo lanzou a AGAL, velaquí unha resposta discrepante, que se pretende argumentada e cordial, como sempre debería ser.

A argumentación da proposta recorre ao exemplo de Noruega, que acepta dúas normativas lingüísticas pró noruegués como solución ao problema xurdido pola escolla da súa lingua oficial após a independencia do país (1814). Non é cuestión agora de explicar toda a historia deste proceso, mais si convén expor algúns datos da realidade norueguesa a respeito do seu idioma nacional en comparación coa nosa situación:

Noruega é unha nazón independente con estas dúas normas lingüísticas recoñecidas como oficiais e unha certa protección das linguas saamis, moi minoritarias, do seu territorio; mentres que en Galiza -nazón totalmente dependente- xa compartimos a oficialidade lingüística de dúas linguas, a propia e maila dos nosos colonizadores. É pertinente engadir unha terceira –pois na práctica sería como engadir outra lingua, ao menos a nivel escrito–, cando está a custar tanto manter o idioma propio fronte ao imposto polo estado?

Na práctica a variante Bokmål do noruegués é a que funciona como lingua nacional, tanto polo seu moitísimo maior número de falantes (máis do 85 %) coma pola súa implantación maioritaria nas principais cidades do país, en tanto que o Nynorsk soamente domina naquelas zonas rurais do suroeste do territorio, onde se conservou máis enxebre a lingua norueguesa durante o dominio danés do país. Hai dúas normas lingüísticas, certo, pro cun moi desigual uso e status social. Que uso social ten a normativa reintegracionista na nosa terra, hai algunha estatística ao respeito?

A situación norueguesa xorde dunha realidade bastante diferente da nosa. No momento da súa independencia hai dúas linguas faladas no país –deixando á parte as da minoría saami–: unha procedente do dinamarqués, maioritaria e prestixiada polo seu emprego nas cidades e pola clase alta, sendo a usada prá escrita case unanimemente (actualmente nun 92 % das publicacións anuais), que por esta razón acabou chamándose “Bokmål” (Lingua do libro), mais que denantes recibiu as denominacións de “Det almindelige Boksprog” (A Linguaxe común do Libro) e logo “Riksmaal” (Lingua nacional); e outra resultado da evolución do antigo nórdico, e que evoluíu nas illas atlánticas ao islandés e ao feroés, que se conservaba dialectalmente no sudoeste do país, mais só o falaban os campesiños, maioritariamente analfabetos na altura, e sen prestixio social, pro que o lingüísta Ivar Aasen recompilou e unificou nunha soa normativa pró seu emprego como lingua nacional norueguesa fronte ao danés rexional da clase dirixente, denominándolle “Landsmaal” (lingua do país), despois chamada “Nynorks” (Neonoruegués). Do enfrontamento entre ámbalas posturas xurdirá a solución de recoñecer ámbolos idiomas como oficiais. Polo contrario, en Galiza a normativa da RAG e a reintegracionista non xurden de linguas diferentes, senón de concepcións diferentes prá normativización da mesma lingua: o galego. Unha apoiándose na fala contemporánea e mailo castelán como modelo ortográfico, e outra na lingua histórica e mailo portugués como modelo ortográfico.

Por último, no caso noruegués houbo un proxecto de unificación de ámbalas normativas nunha única, o “Samnorsk” (Noruegués común) en 1938, mais as circunstancias políticas da época fixérona fracasar, así que seguiu vixente a situación de dúas normativas. Con todo, aos poucos se vai reducindo o uso do “nynorsk” fronte ao “bokmal”, á vez que este vai asumindo solucións do outro. E non sería esta opción a máis factíbel pró galego: que a normativa da RAG asumise moitas das solucións reintegracionistas e admitise duplicidades dentro da súa normativa no canto de teimar na estéril loita de dúas normativas pró galego namentres este vai diminuíndo en uso entre a poboación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.