Sosteño que o mundo se divide en enunciados dos que che dan a vida ou dos que pola contra contribúen a matarte un pouco máis cada día.
No primeiro grupo viña destacando un con forza, polo menos até o de agora. Un especialmente recorrente nas tertulias e espazos programados para o debate (canto faltará para que os mercados aproben a proxección dun reality 24 horas sobre 24 horas sobre o xénero do debate máis alá daqueles centrados no fútbol, no chachareo ou no adoutrinamento pseudopolítico a partir da descualificación?). Eran apenas dúas palabriñas: “Falta pedagoxía”.
Fal pedagoxía: Algo así como unha medida social de difícil transmisión pero cun contido latente de amplo e positivo espectro
Podo –podía─ andar ás minchas que así que escoitaba iso de “Falta pedagoxía” dispoño –dispúñame─ a prestar especial atención porque sabía estar escoitando ou lendo un resorte que viña a enfatizar algo importante. Algo así como unha medida social de difícil transmisión pero cun contido latente de amplo e positivo espectro.
Supoño que o inconsciente aínda me traizoa coa nostalxia dun pasado próximo, dunhas cadencias de ritmos interiorizados durante décadas de benestar relativo que agora desaparecen, porque todo isto era na altura na que nos queriamos socialdemócratas ou algo similar.
Así que cando nestes días escoito ou leo nos medios encargados de transmitir os sapos do réxime inquisitorial do neo-reformatorio a benquerida “falta pedagoxía” sinto como a traizón é dobre.
Cando nestes días escoito ou leo nos medios encargados de transmitir os sapos do réxime inquisitorial do neo-reformatorio a benquerida “falta pedagoxía” sinto como a traizón é dobre.
Dobre por saber que son os que agora invocan a pedagoxía para xustificar o inexplicábel os que máis e mellor están a defender un bucle absurdo entre o “Letra con sangre entra” Goyesco e un atroz “We don’t need no education” (nin sanidade) (nin cultura) (nin autonomías) (nin televisións e medios públicos [plurais]) (nin dereitos). Para que?
Ji, ji, ju, ju que guai que cando che saquen a fotografía onde pasas outra navallada de a venres para que os de sempre digan que aplauden as medidas da DESMEDIDA© os asesores pedíronche que por favor sorrises coa seguridade do deber cumprido (?) a xogo co bótox desa estraña beatitude inquebrantábel marca da casa. Agardemos tan sequera que xa que o paquete de solucións que nos amose a luz ao fondo do túnel ha de vir de México lindo, Slim e Vázquez Raña mediante, canda menos non inclúa os elementos propagandísticos colaterais.
O caso é que sospeito que a escalada de despropósitos argumentativos para endereitar a ese “furcionariado” que só “le xornais e toma cafeses” e a eses xubilados aos que se lle pide un pequeno esforzo
O caso é que sospeito que a escalada de despropósitos argumentativos para endereitar a ese “furcionariado” que só “le xornais e toma cafeses” e a eses xubilados aos que se lle pide un pequeno esforzo cunha pensión que seica reciben en cuncas de café de catro a catro (que zuna lles entrou co café… estaremos xa nas mans do Tea Party?) non haberá de quedar na tasca. Creo que xa logo haberá de vir a obsesión coa orde e a hixiene así que cando veñan facer xabón cos restos deste pelelliño pido por favor garden algún fondo reservado no Bundesbank para asegurar boas reservas de Aloe Vera. Preocúpame que estas febras poidan resultar correúdas en fel con tanta entronización do delirio: élles o que ten alimentar á plebe con dieta única de sopas de burro canso e vinagre diario.
Mentres Pulcinella #nohandejadonada e Arlequino #vanaportodo andan envurullados no reparto da culpa, a min só me inquieta non poder deixar tras de min un bálsamo cicatrizante a tanta ferida aberta ao enorme colectivo #cadadíavivimospeor
Mentres Pulcinella #nohandejadonada e Arlequino #vanaportodo andan envurullados no reparto da culpa, a min, alguén extraordinariamente taladrada co sonsonete da escusa diaria pola herdanza recibida, só me inquieta non poder deixar tras de min un bálsamo cicatrizante a tanta ferida aberta ao enorme colectivo #cadadíavivimospeor. Iso e que aínda ninguén propoña unha unión de intereses comúns entre os países periféricos ao CDU de Dona Merkel porque a este paso podemos acabar sendo o cento e a nai ou que alguén diga que da era do neoabsurdo mal chamado surrealismo polos hiperrealistas do fracaso intolerantes coas curvas do inconsciente só se sairá cando se lle poñan nomes e apelidos a esa entelequia coñecida como Mercados que tan só bota macrocifras por fóra para pretender rotundidade no espellismo.
Na banlieau quelqu’un m’a dit que a corrosión do óxido todo o salfire. As ovellas cada segundo que pasan estamos máis e máis negras de preocupación, de fartura. Puidese ser que algún día nos declaremos por fin insubmisas no beo.
Comezamos a cansar de tanto ter que aturar o discurso único por e para as Bla Bla Black Sheep.