Boa viaxe profesor, e grazas polo teu maxisterio

Homenaxe da AELG a Xosé Manuel Beiras, o 14 de xuño de 2025 CC-BY-SA Praza.gal

Pola miña parte sempre quedou ese agradecemento que lle gardas a quen na túa vida te abriu os ollos sobre a realidade, te axuda a reflexionar e tamén, nalgún momento, te guía. Se tivese que escoller entre as súas ensinanzas diría dúas que poden parecer frugais: a permanente dúbida e a eterna rebeldía

Veño de saber da morte do meu vello profesor e camarada Xosé Manuel Beiras. Unha morte que por agardada, sabía do seu delicado estado de saúde, non deixa de afectarme deixando un pequeno baleiro que intentarei cubrir momentaneamente lembrando como influíu tanto na miña formación profesional de economista como nas miñas ideas políticas.

Non pertenzo, nin pertencín, ao seu círculo intimo pero si fun primeiro un alumno seu na Cátedra de Estrutura Económica da Facultade de Ciencias Económicas na USC, e posteriormente compañeiro de partido, no PSG (Partido Socialista Galego) que el iluminaba -era o principal activo- para posteriormente seguir camiños distintos, que non diverxentes, e sen apenas contacto. A pesar diso pola miña parte sempre quedou ese agradecemento que lle gardas a quen na túa vida te abriu os ollos sobre a realidade, te axuda a reflexionar e tamén, nalgún momento, te guía. Se tivese que escoller entre as súas ensinanzas diría dúas que poden parecer frugais: a permanente dúbida e a eterna rebeldía.

O seu maxisterio empurroume a ler moito, as veces de xeito obsesivo, o que lonxe de aclararme as ideas o que fixo foi incrementalas miñas dúbidas. Karl Marx seica lle dicía a súa moi querida filla Leonor “dubida de todo”, pois gardando as distancias e con todo o meu ríspeto atrévome a dicir que XMB tamén tivo, sin el sabelo, ese efecto en min: fíxome un dubitativo, unha persoa que está en permanente dúbida. Unha dubida que, sin que sexa contraditorio, se asenta sobre algunhas ideas moi firmes e consolidadas e que, por caso, compartiríamos no PSG (Partido Socialista Galego) dende o que un grupo de pesegos intentamos que na loita política, tanto durante os últimos anos da ditadura como nos primeiros da transición a democracia, a realidade de Galicia ocupara o lugar que lle correspondía. Un intento que non poucos cualificaron como un fracaso pero que outros, como é o meu caso, non pensamos o mesmo por que aínda que as urnas non nos favoreceron atrévome a asegurar que o PSG abriu en Galicia unha senda que segue aberta e tamén baleira.

Xosé Manoel Beiras Torrado xa forma parte da historia mais ilustre de Galicia

A sinceridade e tamén a vehemencia do seu compromiso persoal e político tivo seguidores e tamén inimigos, algúns moi miserables. Como personaxe público pagou a súa peaxe pero tamén recibiu apoios e agradecementos pero hai algo que ninguén lle poderá negar como que a historia o vai poñer no “pavillón dos galegos ilustres”, porque o merece. Porque eu afirmo con rotundidade que Xosé Manoel Beiras Torrado xa forma parte da historia mais ilustre de Galicia.

Gracias mestre e compañeiro. Que a terra che sexa leve.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.