Botando unha ollada ó veciño: participación

Un amigo fíxomo notar: o regulamento orgánico municipal xa pasou o período de alegacións. O de Barreiros. Como nos papeis non saíu nada de que tivera alegacións, se é así, debera entrar en vigor de xeito automático. Coido que é bo comparalo con outros, como co que se pretendía aprobar en Ribadeo hai case unha década.

Un amigo fíxomo notar: o regulamento orgánico municipal xa pasou o período de alegacións. O de Barreiros

No ata o momento borrador inicial, xa na primeira páxina aparece "asegura a participación veciñal nos asuntos locais e permite avanzar cara a unha democracia verdadeiramente participativa e centrada na veciñanza" como aviso que se concretará máis tarde. Na segunda páxina avisa de que esa participación veciñal pode ter un desenvolvemento complementario, a pesares de que as liñas fundamentais están trazadas xa, algo no que tamén se insiste na terceira páxina.

Xa na páxina dez, aparece "Unha vez rematada a sesión, a Alcaldía poderá abrir unha rolda de intervencións por parte do público asistente, de conformidade co que dispoña o Regulamento de participación veciñal." É dicir, algo parello ó que se conseguiu hai preto de quince anos en Ribadeo, pero cunha diferencia fundamental: mentres en Ribadeo hai que propoñelo por escrito e logo, unha vez se esquecía, outra se pospuña, outra non se contestaba, etc, e pouco a pouco foi decaendo o seu uso, en Barreiros, en principio, poden intervir os presentes no pleno. Claro que iso non evita que poda haber desplantes por parte dalgún concelleiro -ó fin, a sesión xa rematou-, como ten pasado en Ribadeo.

Coido que é bo comparalo con outros, como co que se pretendía aprobar en Ribadeo hai case unha década

Todo o título V do regulamento trata do 'Estatuto das veciñas e veciños', comezando polo artigo 50, 'Da participación veciñal', que no seu apartado segundo axusta o ‘normal’: "Son dereitos básicos da veciñanza os de información, participación e asociación." E, no cuarto, "O Concello promoverá a democracia participativa e a implicación activa da poboación na vida municipal. Nomeadamente, o Concello poderá regular as iniciativas populares, así como a participación veciñal na definición dos obxectivos e das actuacións recollidas nos orzamentos municipais." É dicir, impón como misión ó concello a dinamización da participación veciñal. E iso si é unha novidade a remarcar e non esquecer.

O artigo 52 trata da participación veciñal no pleno, e o 57, da participación das asociacións nas sesións do Concello. Neste último, no seu apartado segundo, aparece "As entidades asociativas poderán presentar para o seu debate no Pleno, iniciativas populares que recollan propostas de actuación dentro do ámbito municipal." É dicir, as asociacións, de xeito directo, no pleno, non despois, e como se detalla máis adiante.

A promoción da participación cidadá na toma de decisións no económico e no social son unha prevención para a corrupción e un estímulo á eficacia, algo de necesidade nestes tempos que corren

Por último, no 58, xa na última páxina, fala "Dos Consellos parroquiais e/ou sectoriais e outras formas de participación directa colectiva", potenciando así a colaboración nas parroquias e sectorial.

Non se ve no de Barreiros a presencia das empresas moito por riba da cidadanía, como ocorría no de Ribadeo, ou o evidente corta/pega daquel de hai dez anos.

Perfecto? Por suposto que non: nada vivo e cambiante pode ser perfecto, e este regulamento parece nacer para estar vivo e ser aplicado. Mais a diferencia co regulamento de participación proposto noutros lugares -por exemplo, no seu momento para Ribadeo- aínda nunha ollada rápida como esta, é palpable. Así pois, un punto máis a considerar para seguir a pensar no concello que queremos. E para lembrar que a promoción da participación cidadá na toma de decisións no económico e no social son unha prevención para a corrupción e un estímulo á eficacia, algo de necesidade nestes tempos que corren.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.