Brexit. II. Europa na encrucillada

A catro meses do desenlace, nada é aínda predicíbel. Nin sequera é posíbel descartar que en Gran Bretaña se celebre outro referendo. O electorado tería que elixir entre un divorcio con ou sen acordo. Ou podería haber tres opcións: o Brexit duro, o negociado e a permanencia na Unión. Tamén cabe imaxinar que finalmente os británicos queiran permanecer no Espazo Económico Europeo. Se tampouco lles chistase isto –por exemplo, por non aceptaren a libre circulación de persoas–, os suízos, por exemplo, poderían explicarlles o soberanísima que é unha relación bilateral coa Unión para acceder ao mercado único e á unión aduaneira, que se traduce na aplicación da prolixa normativa comunitaria sen participar na súa elaboración.

De feito, un pacto á carta tampouco parece do gusto de Bruxelas, que entende as catro liberdades –a libre circulación de mercadorías, servizos, capitais e persoas– como un todo esencial e indivisíbel. Pero é o que, nunha versión máis ambiciosa, parece querer Londres, segundo o White Paper (tamén coñecido como Chequers proposal) publicado en xullo: un extenso acordo sobre o comercio de mercadorías combinado cunha ampla independencia política. Así que a Unión está pillada entre dous perigos: o da creación dun precedente atractivo para quen queira abandonala e o dunha saída humillante para Gran Bretaña que desencadee reaccións imprevisíbeis.

O que xa está claro é que o goberno de Theresa May fixo un espectacular alarde de diletantismo, incompetencia e improvisación que non deixa de sorprender se consideramos que o Brexit é o desafío máis importante do país desde a Segunda Guerra Mundial. May (quen no referendo votou pola permanencia) non desexa un Brexit duro, porque a Unión é o socio comercial máis importante do seu país. Pero tamén hai que lle recoñecer que xestionar un desatino deste calibre –unha separación decidida sobre as bases imaxinarias dunha fantasía identitaria– non debe de ser nada fácil.

Para nós, o Brexit tamén vai ser un mal negocio. Sobre todo un Brexit duro, que sería catastrófico porque se perderían exportacións por un importe de ducias de miles de millóns de euros e habería que aumentar a contribución ao orzamento comunitario en varios centos de millóns, por non falar do impacto no sector pesqueiro ou nos centos de miles de cidadáns galegos e españois que viven en Gran Bretaña e británicos que viven aquí. Calcúlase o impacto do Brexit duro para España nunha baixada do 0,2% do PIB.

Pero pode que o Brexit teña tamén un efecto positivo, porque quizais cimentou na cidadanía europea o convencemento de que a Unión é unha institución vantaxosa que debe ser, non só reforzada no plano competencial, senón tamén democratizada. Con todo, a Unión segue a ser percibida en parte como unha comunidade ruín por mor da súa ortodoxia neoliberal, desafiada ademais desde dentro por países crecentemente autoritarios como Polonia ou Hungría, que, gobernados por dirixentes populistas, laminan os alicerces do Estado de dereito.

O director da campaña presidencial e despois, brevemente, chief strategist de Donald Trump, o reaccionario católico Steve Bannon, está achegándose a líderes carismáticos como o vicepresidente e ministro do Interior italiano, o parafascista Matteo Salvini, ou o primeiro ministro húngaro, o extremista de dereitas Viktor Orbán –cada vez máis admirado polos conservadores europeos–, para dinamitar o proxecto comunitario espallando un caos populista branco, cristián e patriótico. Os populismos europeos son moi dispares e difíciles de coordinar, pero todos, integrantes dun novo bloque soberanista que talvez se articule nunha “fronte da liberdade”, van intentar que as eleccións ao Parlamento Europeo de maio de 2019 rexistren o auxe do ultraconservadorismo nacionalista, xenófobo e antieuropeísta, cuxa eclosión coincidiu coa crise sistémica provocada pola gobernanza neoliberal do capitalismo globalizado.

Minguada como actor internacional tras a marcha dun socio importante como Gran Bretaña, a Unión terá que reflexionar seriamente sobre a ausencia dun ambicioso proxecto democrático, social e federal. O euro, por exemplo, non pode seguir desprovisto dunha estrutura fiscal e orzamentaria única e confiar exclusivamente na política monetaria do BCE. O euroescepticismo e o antieuropeísmo só se poden combater cunha Unión atractiva e funcional para a cidadanía, cunha Europa que saiba crear un relato e unha identidade de seu baseados sobre a liberdade, os dereitos, a solidariedade e a seguridade. A Europa da razón será un (aínda inexistente) Estado do benestar ou non será.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.